PROTECCIÓN OU IMPUNIDADE? (de Xosé Manuel González)
Poucas cousas haberá máis tristes, de humillación e ofensa á vista, ca un neno ou incluso adolescente vexado e maltratado. Tendo en conta a súa condición, en principio vulnerable, o que lexislativa, xudicial, policialmente se faga para coutar esa lacra está plenamente xustificado, é necesidade indiscutible.
Como, ademais, para o caso estamos saíndo dunha filosofía e práctica social permisiva do que os pais e adultos tivesen a ben -ou mal- facer con eles, coutada se acaso pola letra bíblica que encomenda non exasperalos, terlles amor e prodigarlles coidado, a nova perspectiva que os establece legalmente como suxeitos de dereito necesita o contraste social e corrección que o tempo dá. Ora ben, polo medio, e se non se apura a medida correctora, veñen enfermidades que cuestionan a eficacia e dosificación do remedio.
Ao caso. É cinco de xaneiro, en Lugo, e camiño das oito do serán centos de persoas agardan ante o pazo do concello para a visita aos Reis Magos. No cimo do Cantón dos Frades, ángulo esquerdo da Casa Consistorial, a multitude ateiga o espazo entre os edificios de atrás e maila barreira que organiza a policía; o paso queda interrompido, nenos e maiores abondo fan con manterse nas condicións que permiten respirar e moverse un pouco. Os transeúntes que chegaban de arriba e abaixo optan por dar volta; non todos. Un grupo de rapaces (ou nenos) presionan, procurando quen sabe o que; o de diante ha ter nove ou dez anos, os de atrás -máis maiores- levan un sorriso medio oculto, posiblemente do tipo cínico. Un pai, co seu fillo de seis anos, está no punto que recibe a presión, resístea e, non cesando aquela, di: “Por aquí non pasades”. O neno-vértice ponse a berrar que empuxan de atrás, dille ao adulto que non o toque, con cara e actitude agresiva semellante á dun matón televisivo; magoa advertir un pequeno ameazador rodeado de adultos calados: diríase que intimida.
O pai, aparentemente, decide que abonda e afasta para atrás o vociferante; xorde daquela un dos da retagarda (“¡no toques a mi hermano!”), trece anos ou así, máis alto có adulto, e o grupo case completo fai ademán agresivo; outro pai, coñece ao primeiro implicado, volve por el; xorde aínda outro vociferante, maior de idade; vanse retirando, con expresión idéntica ou semellante a “¡Soy hijo de...!” e “¡Me quedo con tu cara!”. Entremedias, algunha xente maior e alarmada xa ten marchado, unha nai nova increpa ao primeiro dos pais, que saíu decidido a expulsar os rapazolos; ela mira polo seu case bebé, que ten ao lado.
Non remata a cousa aquí. O grupiño vai na procura da policía local e fai que tomen declaración e carné dos dous adultos, anunciando, ademais, denuncia na comisaría. Marchan sen aparente punición nin admonición; dos adultos que rodeaban aos dous pais implicados, só un colaborara na expulsión; canto aos outros, algún apoia de voz, pero non quere “meterse nun lío”, un xa os entendía por motivo e precedente lexislativo-xudicial, á vista do acontecido aínda os entende máis.
Explico que, no momento álxido, a policía non estaba e dificilmente podía estar; que a súa actitude non foi censurable, entendo que ao contrario; que non hai, ao final, noticia de denuncia. Reitero que catro mocetes actuaron con prepotencia entre adultos aparentemente impotentes; que foron expulsados, pero puideron denunciar e posiblemente marchar afoutos. E que eu, por se acaso, eludo nomear os homes que implicitamente decidiron: “xa lle chega”. Gustaríame ler moitas opinións, de moitos, ao respecto. Porque un pode tratar con certa soltura os temas cando principalmente os contempla; cando se encontra presenciando o turbillón, ou no seu vórtice, cámbialle a perspectiva.
Libros do Mes
-
*The Strategy of Conflict* de Thomas C. Schelling [*E*]
**Everything is Predictable *de Tom Chivers
**Why Nations Fail* de Daron Acemoglu [*E*]
Hace 4 días