6 jun 2007



Un valioso ensaio.

Pan por Pan 6 xuño



Esoutro día, paseando pola Feira do Libro, un amigo fíxome un agasallo ben gorentoso: o seu último libro, recén saído do forno, “Ferrín e outras historias”, de Santiago Lamas (Ediciós do Castro). O volume acolle tres suxerentes ensaios de temática moi variada: “Volverse contra si: as mortes por propia man na narrativa de Méndez Ferrín”; “Nunca chegarás a nada”, que xira arredor de Hugo Pratt e o seu personaxe o mariño Corto Maltés, e “De homes, lobos e lobishomes”, que trata sobre personalidades múltiples, asasinos en serie e o popular Manuel Blanco Romasanta, que mesmo chegou ó cine. Tras destas páxinas está o saber dun experto psiquiatra, pero tamén un lector entusiasta e observador moi atento do devir das letras e das artes en Galicia e no mundo. Que teñen que ver algúns personaxes de Ferrín cos de Virginia Woolf ou Albert Camus? Disto seguiremos a falar mañá.

Pan por Pan 7 xuño (Imaxe de Munch, O vampiro, 1893)

Sigamos, pois, con “Ferrín e outras historias” de Santiago Lamas. O psiquiatra ourensán esculca aquí e aló as posibles referencias estéticas e claves da escrita do autor de “Crónica de nós”. Encontra unha certa proximidade entre o proxecto literario de Valle Inclán e o de Ferrín, que este non desbotaría (sempre amosou a súa devoción polo autor de “Tirano Banderas”). Relaciona o Mersault de “O Estranxeiro” de Camus con León Barreiros, estudante nun conto de “O crepúsculo e as formigas”: como aquel, León sufría porque non sufría e nada sentía no enterro da súa nai. Personaxes no agromar dunha psicose, di Lamas: “matarse é confesar que un non comprende a vida ou que fomos sobrepasados por ela”, escribiu Camus en “O Mito de Sísifo”. Tamén Virxinia Woolf, Pavese ou Maiakovsky sérvenlle a Lamas para facer espléndida metaliteratura sobre os personaxes que se quitan do medio.