Nacionalismo de benestar
andoliña 1-11-08
Recoñezamos primeiro que nos últimos tempos houbo unha nidia modulación da linguaxe no BNG. Cando Anxo Quintana fala de nacionalismo de proximidade ou dunha "nova fronteira" kennedyana, sen dúbida o seu discurso arrédase do resistencialismo antisistema de outros tempos. Onte, en El País, o vicepresidente da Xunta afirmaba que o nacionalismo só ten sentido se crea benestar. A declaración é impecable e compatible coa defensa da nosa identidade e doutros sinais que marcaron a evolución do nacionalismo nos últimos 30 anos.
Pero este discurso ten limitacións na procura de novas bases sociais. Nunca convencerá os sectores hostís ó galeguismo, que renegan da nosa lingua, nin vai satisfacer os que agardaban do Bloque nas institucións un papel máis comprometido cos cambios radicais que antes se demandaban. Quizais estes son sectores non maioritarios e Quintana bota as redes nos únicos caladoiros onde el encontra peixe.
As enquisas din que o BNG penetra nas bases rurais, onde son máis efectivas as políticas de Vicepresidencia e mais de Medio Rural. Nas cidades algo falla na comunicación fluída do BNG coas xentes: está pendente ese diagnóstico, urxente. Antes da próxima primavera.