17 mar 2007


Pola paga mensual no xulgado
Andoliña 17 marzo. Imaxe de Javier Rosendo, fotógrafo cántabro.

Un mozo de vinte e dous anos, residente en Dos Hermanas (Sevilla), levou ó seu pai ó Xulgado porque este se negaba a subirlle a súa paga para extras, que chegaba ós 150 euros ó mes (a familia xa lle cubría ademais os gastos básicos). Onde leo a nova non se ofrecen máis datos: só que o Xuíz desestimou o caso e que lle deu a razón ó pai; non lle terá que subir a paga, pois. Se se engade que o pai está en paro hai meses e que só cobra 700 euros de pensión e que iso ten que chegarlle para o gasto de toda unha familia de cinco membros (son tres irmáns), é doado entender que o ditame xudicial foi atinado e de sentido común.
Por riba diso, a anécdota permite outras lecturas. Como unha certa conmiseración polos pobres xuíces ós que lles chegan casos cada vez máis disparatados: teñen que solucionar leas de saias e camas, conflitos de cartos e corrupcións varias e ata temas de relacións privadas, coma este caso entre pais e fillo. Algo vai mal cando unha sociedade se infantiliza ata estes extremos e chamamos para todo a papa Estado (ou papa Xuíz). Non funciona demasiado ben o sistema cando moitos, como este mozo carota, chapan de memoria a lección dos dereitos e nin sequera abren a páxina do libro que fala dos deberes.