Hunos e outros, de Bieito Iglesias (ECG 10 abril, Pan e coitelo)
O sábado pasado apañei un comboio regional (mágoa non poder montar no expreso de Santa Fe, que decora a estación de Santiago nunha réplica miniaturizada) para achegarme á costa onda o meu camarada Xulio Gaioso. Amais de desfrutar a compaña da súa familia e amigos e de admirar a súa arte de narrador en imaxes (mostroume en primicia a aventura de certo pirata que axiña arribará a Pontevedra no galeón Blue Maiden), falamos do divino e do humano. Contoume que por un instituto daquelas redondezas do Salnés pululan bípedes noviños de aparencia antropomórfica que dedican os recreos a meterse cunha alumna inmigrada: "Puta china!" É moi posible que os avós deses xenófobos padecesen en Suíza ou Alemaña un discurso racista que asociaba o éxodo galaico cun fato de crebafolgas a traballar longas xornadas a troco de modestos salarios, en prexuízo da clase operaria autóctona. Se cadra son descendentes dunha muller coraxosa que marchou gañar a vida a Venezuela a finais dos cincuenta ou primeiros sesenta, cando nas telenovelas daquel país non faltaba a personaxe da galeguiña analfabeta que exercía de mucama ou nurse e zarapallaba un castelán de chiste.
Se os chineses, traballadores sufridos e discretos -unha especie de galegos- que non piden nos semáforos nin asaltan chalés, reciben semellante trato, que lles espera a outros inmigrantes de hábitos menos laboriosos e máis barulleiros! O que en USA chaman "lixo branco", querse dicir a xente cuxo único mérito é a pel caucásica, necesita identificar alguén inferior para non amoucharse coa súa propia inepcia. Consólase pensando -consolo de burros- que existen castes máis ruíns, sexan amarelas, acobreadas, pretas ou un chisco trigueiras (calés).
Eses días de atrás vimos no televisor unha horda leucoderma que quería bater no alcalde de Poio, acusándoo de aloxar ciganos no seu arrabalde. Á vista dos moradores adoecidos, parece que o tal barrio é máis perigoso que a pior favela.