O humor de Cervantes no Quixote
(Andoliña venres 9 xuño)Cunha chiscadela do seu ollo esquerdo, magnífico pórtico, recíbenos don Miguel de Cervantes na portada do volume Sobre o humor de Cervantes no Quixote, publicado recentemente nos
Cadernos Ramón Piñeiro e da autoría de
Siro López (o merecido xubileu, xa o sabiamos, permitiranos seguir a gozar dos traballos do noso amigo). Sorpréndese Siro do feito de que un libro humorístico e que sinala o nacemento do humorismo como creación literaria, como foi o Quixote, non teña merecido maior atención dende esta perspectiva entre os intelectuais españois. Siro enfoca este labor con entusiasmo, esculcando na personalidade humana de Cervantes, na súa pegada humanista (o pouso de
Erasmo,
León Hebreo, Séneca, etc.), na resposta literaria do escritor á crise do estado e á Contrarreforma e mesmo nas relacións entre o humorismo do Quixote e a caricatura nacida en Italia.
Seguindo fielmente o seu mestre,
Celestino Fernández de la Vega, Siro abre moitas fiestras e deita aquí e aló moitas reflexións de valía. Dicía
Vargas Llosa que, como en todas as grandes novelas, hai varias novelas no Quixote e cada época escolle as máis próximas á súa sensibilidade. Esta é unha lectura intelixente máis, ben útil por certo.