(3). O Premio Galicia, da Fundación March
A Fundación March convocou en 1962 o Premio Galicia para o escritor galego que máis contribuíse á exaltación literaria da súa terra. A esa altura xa morreran, poucos anos antes, Ramón Cabanillas e Florentino Cuevillas, polo que os que tiñan máis posibilidades eran Risco e Otero. Filgueira Valverde presidiu o xurado, composto por catorce persoas, uns escritores e outros como representantes de institucións. Déronlle o premio a Otero Pedrayo e Risco quedou fóra.
Ricardo Carballo Calero conta nunha carta a Del Riego (RCC, “Epistolario a Fernández del Riego”, 2006) como foi a votación: Filgueira, Fraguas, Moreno Báez e Carballo seica defenderon firmes a proposta oteriana. Pero houbo outros curiosos argumentos dos que preferían o nome do creador de “O porco de pé”: Xulio Sigüenza dixo que os emigrados tiñan a Risco como supremo inspirador; Landín, que Risco era máis querido polas xentes humildes; e Vázquez Dodero, que a personalidade risquiá era máis suxestiva existencialmente. Nada di Carballo nesta carta das supostas interferencias políticas que cita Carlos Casares, segundo as cales prexudicou a Risco a confusión entre a súa ficha política e a dun parente de nidia traxectoria democrática. (Caricatura de V. Risco, por A. Cebreiro)