20 oct 2007






"Pobre Mundo Rico" chega a Ourense o martes 23 de outubro con Cinema contra a Pobreza e o mércores 24 coas Conferencias

"CONFLITOS, NARCOTRÁFICO E POBREZA EN AMÉRICA LATINA,", por Robert Matthews
(foto da esquerda)
E "CRISE DE ESTADO, POBREZA E VIOLENCIA", por Mariano Aguirre (foto dereita)
Ámbalas dúas no Centro de Desenvolvemento de Caixanova (Avda. de Pontevedra, 9) ás 19:30 da tarde, en senllos actos abertos a todo o público en xeral
Organiza Club Internacional de Prensa (nota completa en comentarios)

Fugacidade.
Pan por Pan, sábado 20 outubro
Onte entrou na miña casa o cuarto ordenador que compro (algúns din que en galego sería máis axeitado computador). O primeiro merqueino a finais dos 80: aínda escribín a máquina o meu primeiro libro (1987) e os artigos de entón, nunha vella e pequeniña Remington. Aquel era un pesado ordenador de mesa e logo veu outro para a filla; e logo un portátil para min e agora o portátil que precisa ela.
Case non lembro a fasquía física daquel primeiro aparato, quizais porque usei outros diferentes no traballo e noutros lugares. Hoxe sería incapaz de escribir noutro formato que neste informático: non son un romántico radical das vellas máquinas de escribir.
Aínda que quizais quede unha certa saudade daquelas máquinas imperfectas, incapaces de arquivar os nosos documentos. As novas tecnoloxías son moito máis útiles. Pero tan fugaces que tampouco dá tempo a collerlles cariño.
ENTRE HORTAS E PORTAS (Xosé Manuel González). 15. Curas e misas.



O Papa Xoán XXIII (1963).

Na sancristía da Catedral, vou e dígolle ao crego: “Venía de parte de don José Rebolo a ver si me da unas hostias”. Eu notar ben notaba a inconveniencia, pero o demandado -grande, forte- reaccionou con xeito: “Hombre... ¡no te las daré!”. E foi polas obleas.

Os curas de Lugo, coma calquera, censuraban e advertían contra a expresión procaz, principalmente se aludía a asunto sacro maior. Ningún deixaría sen admonición, presumo, aquela arroutada famosa dun alcalde -ignoro onde- transtornado polo furor cultual: “Viva Cristo Rei, me cago en D...!”. Pero se a ocasión o indicaba, había quen tampouco non andaba con monarías. Contáranme que certa enérxica figura, indo co Sacramento na procesión do Corpus e ao escoitar entre o público unha blasfemia, dispúxose decontado con aviso ao acompañante: “Fulano, mira ti pola Hostia divina, que das outras encárgome eu”.

Un ten lido e escoitado cousas, pero o certo é que -salvo esquezo selectivo- nunca apañei de man de crego unha hostia das outras. Teño bastante curiosidade, posiblemente de complexa satisfacción, por saber dos que serviron na cidade en tempos pretéritos. Houbo dous relevantes ilustrados, aquel bispo catalán Armanyà e o avogado e cóengo lucense Juan Francisco de Castro, sobranceiros no establecemento da Sociedade Económica de Amigos do País e promoción dunha mínima cobertura educativa. Máis tarde seguramente exerceron carlistóns; aínda así, pode resultar sorprendente o que George Borrow deixa consignado en The Bible in Spain: “El Señor quixo beicer os meus débiles esforzos, xa que trinta exemplares do Novo Testamento foron vendidos en Lugo nun único día, e os mesmos sacerdotes recomendáronlles a lectura aos seus fregueses”. Non todo o clero católico, xaora, instaba os fieis cara ao Libro sen hermenéutica.

Xaora, polo 1970 a clerecía máis aparente adoitaba conservadorismo e seguramente certo apego a modos perentorios. Dez anos antes, os nenos preferiamos sacerdote novo de idade e amable en comportamento, coma o don Ángel que actuaba en San Roque. Mediando os sesenta, que o de Relixión fose mozo -coma don Ubaldo Casanova ou Daniel Rodríguez- tamén era estimado no Instituto, e iso que home de trato máis cómodo -e profesor, ao tempo, máis vello- ca don Pedro López Rubín dificilmente se encontraría. Pero a década seguinte viña brava, novidosa, e ben que ía afectar as nosas relacións co estamento eclesiástico.

A éxida diocesá portábaa don Antonio Ona de Echave, navarro e segundo creo requeté; supoño que todos os párrocos e membros da Curia coenxil deberan vivir tamén a Guerra, inútil precisar en ou desde que bando. Non mantiña o señor bispo gran presenza pública -fóra o mediático e representativo-, tampouco non lembro grande afecto entre a xente do común; de feito, coa xubilación marchou para Iruñea e debeu volver só de corpo presente. Máis no día a día estaba don José Ferro, cóengo de sona e ampla actividade, oratoria apaixonada; vinculado á confraría do Cristo do Perdón, conducía o Mércores Santo un concorrido Via Crucis na Rúa da Raíña e aínda o lembro nos derradeiros anos, espírito forte e voz cansa que un altavoz espallaba desde o balcón de sempre. Ou don Francisco Fontela Aldegunde, abade na miña Nova, voz profunda, acougada e ton monocorde que lle traían algunha sona de pesado; tocante ao demais, nin o trato era particularmente antipático nin el se privou de recoñecer querenza polo autoritarismo mesmo pasando as décadas.

Barroco e espectacular Ferro, Fontela controlado e clásico, ambos foron de por vida aquela Igrexa que bastantes, cada vez máis, consideraban xa a vella Igrexa. Hai vinte e seis anos, aínda vin o pai labrego dun interno facerlle o beixamán a don José Castiñeira, rector do Seminario, que pola súa banda negaba coa cabeza; grazas a el e chamada do actual epíscopo deuse realizado na Catedral, o 13 de maio daquel 1981, un concerto do Coro Universitario que o Clube Valle-Inclán organizara. Para a miña idea Castiñeira, home a todas luces de bo xorne, seguramente era conservador pero tiña outra disposición. Moitos anos dirixira a Schola Cantorum do Seminario, por músico era coñecido e lembro ben (1971, sería) o seu coro con grupo musical moderno; certa versión do “Jericho!” producira sensación: “ai o batería, se non sae cura, non morre de fame”.

Novos xeitos, logo. Pero ah, é que desde o 1959 alguén dinamitara toda unha liña do catolicismo, ou alomenos tal pensaran moitos. Xoán XXIII (chamáronlle o Papa Bo, nada menos) convocou o Vaticano II, publicou a “Pacem in Terris”, morreu cedo pero nada desapercibido. Paulo VI rematou o Concilio, veu “Gaudium et Spes”, “Populorum Progressio”; o mesmo nome das encíclicas conmovía. A Igrexa oficial española, e maila galega, encaixaban como podían mantendo en gran medida o apego franquista... pero o teito pingaba e a novidade coábase. Aquela incipiente COPE non cedía en progresismo ante a SER. Na freguesía de San Pedro coñecín un sacerdote novo -pouco tempo estivo- seica achegado ao Partido do Traballo, a ORT ou algo así.

Obviamente, o panorama xeral non era tan “avanzado”. Todos coñecían o testemuño, estrepitosamente silandeiro, de Antonio Gandoi e a súa imaxe subindo na bicicleta -un cura!- desde As Pedreiras co correspondente e circundante dixomedíxome; alí queda el agora, coa bicicleta e nunha peaña, onde remata a costa que tanto lle tiraba ultimamente. Xesús Mato xa trebellaba acó e aló, que se a cultura popular, os minusválidos, a radio, todo o que a este bulebule lle encargan ou é capaz de emprender. Xosé Alvilares Moure, considerable formación teolóxica e facilidade para a escrita, distinguíase con Chao Rego, Pérez Vilariño, Celso Montero ou Torres Queiruga como expoñente da Igrexa nova e seguramente un tanto molesta.

Como molestia... Un ano daqueles, penso que na Infraoitava do Corpus, varios cregos sentaron na escalinata do Pazo Episcopal comendo touciño mentres dentro había un supostamente suntuoso xantar; entre eles seica estaba Alvilares e algún de menos idade, coma Xosé Antonio González García. Este era un crego ben especial, a quen nunca vin con sotana, ten o pelo rubio e andaba connosco de viños correntemente; a outra amiga morréralle na boca -fulminado- certo comentario sobre o seu aspecto físico ao saberlle a profesión. Máis discreto co statu quo -aínda que este despois secularizouse, e aquel non- conducíase o José Rebolo que me mandara á Catedral buscar obleas.

O Pepe estaba de coadxutor en San Antonio, pola parroquia andaba ensotanado e foi o primeiro señor cura que atuei, sendo el consiliario da Acción Católica xuvenil que presidía en Lugo Manuel Lombao. A Acción Católica tiña deficiente imaxe segundo para quen -por caso Gandoi, fortificado na JOC, non quixera trato nin conversa-, pero viña voluntariosa. Polo 70 comezara no Instituto Masculino a Misa de la Juventud, oficiando Rebolo ou Manuel Silva, e durou cando menos ata o 72; ese ano pedira eu un domingo pola universidade española -así dixera- na súa loita pola liberdade e xaora non toda a asistencia secundara. No tal oficio actuou correntemente máis dunha voluminosa figura -madurecendo ou en agraz- da canción e música galegas. Porque a modernidade levou guitarra e canto ás igrexas, o Venceremos nós que por orixe e carácter tan ben quedaba alí coma nas manifestacións; e sacou do templo un Pange lingua que andaba nos Superventas; mudanza abondo para quen empezara coa liturxia en latín e as prédicas de don Francisco.

Un clero, aquel, de orixe máis ben popular, rural sobre todo, pouco ou nada simpatizante co Opus Dei e exemplarmente diglósico: case sempre galego na conversa, case nunca galego na liturxia. De todas as cidades galegas, Lugo debeu chegar derradeira á misa en lingua do país; e pola traza, durante décadas aparentou que só Mato, inaccesible ao desalento, e algunha outra faba contada superaran certos traumas alegados da estancia no Seminario. Seica algunhas cousas pouco mudaron.