7 abr 2008

En poleiro alleo. PREMIOS NACIONAIS DE CULTURA, de X. L. Méndez Ferrín (FV. 7 abril)

Foi Ferrín quen demandou hai uns meses, nun artigo no Faro, a necesidade duns Premios Nacionais de Cultura para a nación galega.

A Xunta recolleu o reto de man da conselleira de cultura, Ánxela Bugallo, e Ferrín felicítase por iso, pero esixe certas reformas e melloras na convocatoria.
Ourensanía n. 150. Coa imaxe do Blanco Amor "encadeado", que xa coñecen os lectores deste blog, chegamos ó n. 150. Entre as últimas entradas, quedan algunhas tampas fotografadas por Monxardín, cousas de artistas como Felipe Senén, Iñaqui Basallo e Xaime Quessada e fotos dos anos 70 de Carlos Casares. Tamén este anuncio dunha cantante de La Bilbaína, sacado de La Región, da sección "Historia en 4 tempos", de Maribel Outeiriño. Graciñas, repito, a todos os que están a achegar fotos: Xoán da Coba, Monxardín, Benito Losada, Gustavo Peaguda, Pepe Trebolle, Tacho, etc. etc.
LUTHER KING, CORENTA ANOS DESPOIS
La Región 7 abril. Debuxo de Horacio Cardo. Na outra imaxe, Rosa Parks.


Corenta anos. Publícanse nos xornais e revistas diversos artigos sobre o líder antirracista cando se cumpriron 40 anos da morte de Martin Luther King, asasinado en Memphis, no Hotel Lorraine. Moitos deles subliñan que a súa mensaxe e a súa lembranza seguen moi vivas nuns Estados Unidos que superaron xa hai décadas as leis racistas e segregacionistas. O cal non quere dicir que a situación dos negros norteamericanos (aló din afroamericanos) sexa moi positiva: como colectivo seguen nos últimos postos da pirámide social e enchen os cárceres en porcentaxe moi superior ós brancos. Outro xornalista informa que os negros de Mississipi teñen a mesma esperanza de vida que a poboación que vive en Xordania ou Tailandia. E todos lembramos o que pasou co furacán Katrina en Nova Orleans e quen foron os máximos afectados, en parte abandonados polo goberno.
Discursos. Con ese motivo lin nestes días varias biografías e discursos do líder negro. E manteñen tamén a súa plena vixencia. Non en van Luther King era pastor dunha igrexa baptista e obsérvase ben o dominio que tiña o noso protagonista dos recursos da oratoria clásica. En decembro de 1955 unha modista de color, Rosa Parks (morreu hai uns meses), esgotada tras dunha xornada de traballo, negouse a ceder o seu asento a un branco, tal como estipulaban as inxustas leis de Alabama. Foi o sinal de saída da loita e alí estaba Luther King, para organizar os movementos de solidariedade con Rosa Parks: os negros boicotearon os autobuses para que se abolisen as medidas discriminatorias, durante 384 días, con redes de cooperación e axuda mutuas. Un ano despois a Corte Suprema de Estados Unidos declarou inconstitucionais as leis discriminatorias nos transportes.
Teño un soño. O discurso máis coñecido de Luther King é o pronunciado na Marcha sobre Washington, o 28 de agosto de 1963, en Washington e titulado “Teño un soño”: está accesible en Internet e mesmo en Youtube. É un impresionante canto á liberdade, que parte da propia historia da explotación dos escravos en Norteamérica e apela a un futuro de xustiza no que poidan convivir, en pé de igualdade, negros e brancos, chamando tamén a solidariedade dos “irmáns brancos”: “soño que un día, nas vermellas montañas de Georgia, os fillos dos antigos escravos e os fillos dos antigos donos de escravos se poidan sentar xuntos á mesa da irmandade”.

Seis anos antes, cando aínda non era tan popular, Luther King pronunciou un sermón na igrexa baptista de Bethel (abril 1957), en Montgomery, Alabama. Aquel sermón, titulado “O nacemento dunha nova nación”, reconstrúe con detalle os actos oficiais, nos que el estivo convidado, da independencia de Ghana (antiga Costa do Ouro) e o papel do líder negro Kwame Nkrumah. Hai un plano cinematográfico no discurso: cando conta como os novos líderes desa nación libre entran na cerimonia vestidos cos gorros e roupas que usaron na prisión nos longos meses que estiveron presos. Dous fermosos discursos que deberían, creo eu, ser lidos tamén nas nosas escolas.