26 feb 2008

Axenda: Anxo Angueira, de novo.

Para os que non o viron no Liceo. E para os que queiran velo de novo noutro espazo.
Recital de Anxo Angueira, O Leo, Aser Álvarez Gzez., cos murais de Xoán Calros e Xosé Luís de Dios, Fóra do sagrado.
Mércores 27 febreiro. Ás 20 h. na entrada do Campus ourensán (cruce rúa Dr. Temes e Avda. Castelao). Organiza: Universidade de Vigo (A Intercultural).
en poleiro alleo
Pan e coitelo. O valor dos debates cara a cara, de X. M. Sarille (ECG 26.2.08)

Eu gustei do que disputaron Solbes e Pizarro. Aprendín e tirei conclusións. A primeira é que Pizarro non sabe economía política, esa disciplina, tan complexa, resúltalle allea e por iso non está preparado para gobernar, aínda que sexa unha persoa perfectamente capacitada para dirixir con brillo unha grande empresa ou o seu bolso particular. A segunda conclusión, moi pedagóxica e talvez decisiva para a maioría dos espectadores, é que Pizarro sería capaz de privatizar as pensións e desvinculalas totalmente da protección pública, tal como fixeron no seu día os gobernos de Augusto Pinochet en Chile. Ese foi un dos principais argumentos de Pedro Solbes, o núcleo duro onde dobrou ao contrincante definitivamente. Por certo, ao ministro non lle foi necesario o artificio: cun ollo pechado, a cara afectada por unha parálise pasaxeira, o outro ollo mirando permanentemente para o atril, mais con moita precisión e rigor, iso si, merendouse ao popular. Ou sexa que menos pólvora de verbena.

Ao raiar o sol. Centenario de Curros Enríquez, de Luís González Tosar (ECG, 24.02.2008)
A nosa selección en Pequín, de Afonso V.Monxardín (GH. 26.2.08)

ZAPATERO-RAJOY. Primeira impresión (ás 11,55 h.). Imaxe de Ben Lawson.

Rajoy. Dereita dura, catastrofismo: o inicio do seu discurso foi abraiante polo medo que metía. Obsesionado coa inmigración, asociada sempre á delincuencia (nin unha palabra positiva sobre a contribución dos inmigrantes) e co terrorismo. Defendeuse en economía e quedou moi atrás en todo o demais. Acorralado cando se lle preguntou polos trasvases (non podía definirse ou se lle rompe o partido). Excesivo e indignante acusando a Zapatero de "agredir ás víctimas do terrorismo".
Foi máis o Rajoy da loita dura dos anos da oposición que da imaxe moderada que agora queren vender en campaña os estrategas do PP.
Zapatero. Privilexiou as mensaxes en positivo. Defendeuse moi ben na exposición do labor do seu goberno en políticas sociais, política exterior e defensa das autonomías. Atacou a cotío a xestión dos anteriores gobernos do PP onde era ministro Rajoy: como forma de comparación e de impugnación do discurso do PP. Moi ben na explicación da integración dos inmigrantes e brillante no exemplo do bonobus coas regularizacións da etapa Rajoy. Ben tamén na denuncia do PP por utilizar partidistamente o terrorismo e o 11-M.
Algúns quizais desexarían un tono máis enérxico e contundente, pero non é o propio de Zapatero nun debate deste tipo.
De Galicia, nin pío. Só unha breve alusión de Zapatero ó papel do PP no Prestige (por certo, Rajoy en ningún momento se atreveu a defender a Aznar, nin nisto nin noutras cousas).
Isto é o que lle acabo de contar a un xornalista de La Región por tf. Pedíame tamén unha puntuación: eu daríalle arredor do 7 a Zapatero e un 5-6 a Rajoy, sumando todo, formas e fondo do debate.
ACTUALIZACIÓN: segundo a enquisa de La Región, onte a noite, entre os seus "opinantes habituais", gañou Rajoy para Moncho Conde Corbal e Rosendo Luis Fernández; gañou Zapatero para Afonso V. Monxardín, Santiago Lago, Gonzalo Iglesias, Herminio Iglesias e eu mesmo; empataron, segundo Xavier Limia Gardón. As notas máis altas deullas Rosendo L.Fdez. (militante PP) a Rajoy e Gonzalo Iglesias (idem. PSOE) a Zapatero; as máis baixas ós dous, as de M.Herminio Iglesias (militante BNG).