14 oct 2007





cen anos de historia cultural

1980: Ferrín, Casares, Xavier Alcalá...


Outro ano excepcional nas nosas letras. Xa o fora cen anos antes, o 1880, ano marabilloso que consagrou con ese nome Carballo Calero. Cen anos despois aparecían libros moi relevantes da nosa historia cultural. Por exemplo, a memoria urbana ourensá e a loita en prol da tolerancia da Ilustrísima, de Carlos Casares, un dos seus libros máis lidos e admirados. E a crónica biográfica, auténtica novela de iniciación de Xoanciño, un neno co que se identificaron centos de rapaces nunha das novelas máis lidas (e ata pirateadas) das nosas letras, A nosa cinza (Ed. Follas Novas), de Xavier Alcalá. E a fonda riqueza expresiva dos relatos de Méndez Ferrín en Crónica de nós, libro de forte marca xeracional para os mozos da época e que contén, na miña opinión, algunhas das mellores páxinas do Ferrín prosista (velaí contos como ‘Sibila’, ‘Episodio de caza’ e ‘Xeque-Mate’, entre outros).
Tamén no terreo narrativo, aquel ano 1980 nos deixou dúas novelas de Xosé M. Martínez Oca, A fuxida e Un ano e un día, novela sentimental; unha das obras máis relevantes de Camilo Gonsar, Cara a Times Square, longo e complexo relato, aberto a diversas lecturas e que M. Forcadela considera como despedida das conviccións literarias da mocidade do autor, nos tempos da Nova Narrativa Galega. Xosé Neira Vilas achegaba naquelas datas dous valiosos títulos de narrativa, Querido Tomás e Nai e aparecía ademais Era tempo de apandar, a crónica da guerra civil dende a perspectiva dun dos narradores do exilio, Ramón de Valenzuela. Pola súa banda Xosé Fernández Ferreiro achegábase ó relato antropolóxico dos afiadores ourensáns en A saga dun afiador, e o matrimonio Xesús Rábade Paredes e Helena Villar Janeiro publicaban a súa novela conxunta Morrer en Vilaquinte, arredor das memorias dun vello acordeonista. Xoán Guisán Seixas publicaba unha xeira de contos co título A origen certa do faro de Alexandría, e saía o quinto tomo dos relatos do Pedrón con contos de Xoán I. Taibo (‘Pacífico Sul’) e Román Raña, entre outros.
Na crónica da lírica dese ano hai que subliñar a publicación de libros como Herba aquí e acolá, de Álvaro Cunqueiro, dentro da Obra Completa en Galego deste autor (en Galaxia, nun primeiro tomo dedicado á súa poesía e teatro); Estacións ao mar, de Xoana Torres, premio da crítica española nese ano por este volume ou a Poesía enteira de Heriberto Bens, de Xosé Luís Méndez Ferrín, na nova editorial Xerais. Francisco Xosé Fernández Naval, ‘Chisco’ en terras ourensás, gañaba o Premio poesía Cidade de Ourense con A fonte abagañada e saían á luz ademais Antonte das salamántigas, de Cesáreo Sánchez Iglesias; o segundo poemario de Vicente Araguas, Ás veces en domingo abonda coa tenrura; Sonetos da lúa chea, de Millán Picouto; E direivos eu do míster das cobras, primeiro poemario en galego, épico e lírico, lúdico e bíblico, de Manuel Vilanova, e Informe da gavilla, de Vítor Vaqueiro. De 1980 é o renacemento poético de Antón Tovar, con Calados esconxuros, libro moi ben considerado pola crítica dende os seus inicios; Do recuncho amado, de Sebastián Risco; Se o noso amor e os peixes Sar arriba andasen, de Bernardino Graña, e o poemario conxunto de H. Villar e X. Rábade, Sangue na paisaxe, premio Manuel Antonio. Na poesía en castelán anotemos o volume Cabalum, de Carlos Oroza. (...)

O Congreso dos Deputados aprobaba a redacción definitiva do Estatuto de Autonomía de Galicia, que sería logo votado no país, o 21 de decembro, con taxas históricas de abstención (o que provocou o abraio de Álvaro Cunqueiro: Galicia, un pobo que abdica do seu destino). Nacían daquela a Mesa de Forzas Políticas Galegas (formada polo UPG, PSG e ANPG) e, doutra banda, sen conexión co anterior, o partido nacionalista Esquerda Galega (EG), dende as faíscas do anterior POG de Camilo Nogueira.



Como galegos (épica de supermercado)
Pan por Pan domingo 14 outubro

Arrasa no You Tube, nos blogs e en todas as webs de Internet: o anuncio da cadea Gadis titulado Vivamos como galegos”. Dende logo os publicistas acertaron: eu diría que é o anuncio necesario neste momento. Iso debe explicar que xa houbese máis de 170.00 descargas na rede dunha simple mensaxe en principio comercial. O anuncio subliña todos os xeitos de ser máis positivos do galego (relativismo, comidas e festas, sociabilidade común, etc.) e mesmo se permite unha gran arenga épica final estilo “Braveheart”. Remarca a imaxe galega da empresa e despide optimismo por todos os poros: “como aquí en ningún sitio, a xente aínda é amable”; “onde a xente non é fea, é riquiña”, etc. E esa é a función principal da publicidade: vender unha imaxe amable. Neste país, tan necesitado de lecturas en positivo, unha dose de hiperoptimismo tampouco sobra.

Que falen de un...
Pan por Pan 16 outubro

Sigamos coa épica do supermercado, pois así lle chamei no meu blog ó anuncio de Gadis. Moita xente está entusiasmada con esta campaña e seica o vicepresidente da Xunta falou dela esoutro día. Hai, con todo, obxeccións. Algúns lembran que o empresario que está detrás, Tojeiro, é o mesmo da polémica Reganosa e insinúan que estamos ante un lavado de imaxe da empresa. Outros apuntan posibles pegadas doutros anuncios semellantes: son evidentes as coincidencias da segunda parte coa publicidade dunha cervexa arxentina (Schneider), por non falar do espírito próximo doutro spot canadiano. A arenga a cabalo do heroe, inspirada en Braveheart, ten tamén antecedentes no Espartaco de Kubrick: Kirk Douglas dirixíndose ó seu exército de escravos. En calquera caso, os publicistas conseguiron un éxito indiscutible: aquilo de “Que falen de nós, aínda que sexa ben”.