Islam, fanatismo e liberdades (segunda sesión da Tertulia no Liceo)
Celebramos onte a segunda sesión da nova Tertulia do Liceo (por certo, teremos que poñerlle un nome, non?). Asistiron máis de 20 persoas: a maioría dos que acudiron o venres anterior e novas incorporacións como Andrés Mazaira, Afonso Monxardín, Carlos Varela, Xulio Fernández, Jesús de Juana, Lalo Pavón e Pepe Trebolle. Tamén por vez primeira houbo mulleres no grupo (ata agora, non puidera asistir ningunha das convidadas): este venres estiveron Ángeles Castro, profesora de historia, e unha amiga.
Outra novidade foi que nesta ocasión o tema foi monográfico e deu moito de si: dúas horas de intelixente a apaixoada conversa. Propuxen eu que o debate xirase arredor da Alianza de Civilizacións e as relacións entre o Islam e Occidente. O peso do debate recaiu en Afonso Monxardín, Andrés Mazaira, Xulio Prada e Rosendo Fernández. Para empezar, Monxardín e Javier Casares resumiron algunhas intervencións habidas nos Encontros de Mondariz: as de Vallespín, A. Elorza e Tariq Ramadán, das que se falou abondo neste foro. Foi un bo punto de partida. É imposible resumir os contidos de dúas horas de debate, pero apunto, só a xeito de esquema, algunhas das ideas clave do mesmo (falar de conclusións quizais fose pretensioso). Por exemplo:
- A falta de correspondencia entre o tratamento do mundo musulmán en Occidente e as posibilidades de actuacións dos cristiáns e outras relixións nos países musulmáns (Rosendo Fdez.)
- O atraso histórico do mundo musulmán carente dunha serie de experiencias históricas vinculadas ao racionalismo: dende a Revolución Francesa ata os Dereitos Humanos e a liberdade da muller, entre moitas outras (múltiples intervencións neste sentido: Abelardo de Gabriel, etc.)
A necesidade de establecer un mínimo de valores que sexan aceptados como base para calquera diálogo intercultural. A.Mazaira foi o máis escéptico á hora de confiar na posibilidade de fixar unha serie de “valores universais”. Falouse, con todo, do Dereito á Vida, da Igualdade entre homes e mulleres, da Liberdade de Expresión, da Condea do traballo infantil, etc. Unanimidade na condena legal, dende as propias leis dos países occidentais, de prácticas como a ablación a menores.
- Debe haber un mínimo de valores irrenunciables e de carácter universal: quen o expresou con máis claridade foi Xulio Prada. De non aceptarse isto, estariamos negando a propia dignidade da persoa humano e dando voltas cara un retraso de moitos séculos en Occidente.
Xa na praxe concreta do que é hoxe a política internacional, houbo moitas intervencións sobre o que significa a democracia e o antiamericanismo (Monxardín, Eguileta, Abelardo, etc.). Mazaira foi moi crítico coas ideas occidentais sobre a democracia: que sucede cando gaña por medios democráticos un grupo que non nos gusta, Hamás por exemplo?
- Monxardín insistiu, por exemplo, con asentamento case xeral que, tal como están as cousas, a supervivencia do Estado de Israel (e de Siria) é imprescindible como contrapeso a unha situación insoportable de expansión do chiísmo en todo Oriente Próximo, nunha zona xeoestratéxica onde non abundan, todo o contrario, os réximes democráticos.
- Xa para rematar, destacaría a intervención de Xulio Prada que explicou moi ben, dende claves históricas, o por qué deste esplendor do Islam e a súa difusión en Occidente que tería que ver non só coa expansión da inmigración senón coa propia desestructuración dos países árabes despois do fracaso doutras experiencias (Nasser e o modelo socialista por exemplo). Nese contexto, só movementos como Hamás ou Hezbolá responden ás necesidades dun amplo tecido asociativo, como colchón económico, social e cultural, ante a inexistencia ou inoperancia dos Estados. Nesta liña apuntouse tamén a necesidade de prestar atención ó que suceda en Turquía, onde a occidentalización vai asociada ós militares, e á necesidade de que Europa lle abra as súas portas, precisamente para amosar que pode existir outro tipo de Islam non dependente do fundamentalismo. Pero tamén se observou o pesimismo de constatar que o que suceda con Europa e Turquía non dependerá tanto destes factores políticos estratéxicos como do medo dos países europeos a recibir a varios millóns de novos inmigrantes e traballadores de orixe turca, coas mesmas condicións laborais e legais que os cidadáns da UE.
En fin, estes foron algúns dos temas que se trataron e espero non ter transformado o sentido das intervencións de cadaquén: se así fose, foi de forma inconsciente e pido escusas xa por calquera falsa interpretación que se poida derivar destas liñas.
(Imaxe: fotografía de Pavel Krukov)
DE NOVO ADOLESCENTE
-
Namoro primeiro
Quero voltar a mergulhar
saudoso
na corrente banal da tua ressaca
no azougue baço e frouxo do recordo
da
tua lua
minguantemente
...
Hace 1 día