![](https://blogger.googleusercontent.com/img/b/R29vZ2xl/AVvXsEgZ3xIt7UdF55GxSe2wamGsAH2Zy58lOj5XW6EzRp8VW7z_Rf9D4kLLHn_OW1DSj66cAc2j-JtIMyOby27ZXa_P9hirW4yhpEWmxs-Pwey2MTEUSn4esXRZCsmP4BOdJ8qS5YXb/s320/foto3.jpg)
Unha mirada.
PAN POR PAN venres 17 outubro
Subimos ó autobús, a miña muller e eu, e pouco despois unha nai co seu fillo. “Ola!” e “Ola!”, di o fillo dúas veces. E repite “Ola!”, “Ola!”. Só cala cando a miña muller lle responde agarimosamente “Ola, bonito!”. A miña muller ponse a falar coa nai do rapaz, que eu xa recoñecera: cando era moi neniño, ía ás veces ó colexio coa miña filla, collidos da man. Os nenos con síndrome de Down son moi cariñosos, seino por un meu primo, na miña familia. O rapaz, R., ten xa 18 anos, está feito un home e mantén esa mirada limpa, moi fixa, que che esculca ata o fondo do corazón, abríndoche as comportas das emocións. A súa nai, unha muller leda e miudiña, cansa de pelexar cos xogos do destino, que non nos pide opinión. Trala mirada da nai adiviño horas de sufrimento, incerteza, angustia. Pero hoxe a súa mirada só transloce unha sensación xigantesca de dignidade.