30 jun 2009



Villares: "A mensaxe é: abriuse a veda sobre a lingua galega"

De entrevista de LUIS POUSA (El Correo Gallego)

(Autocolante -da fábrica caseira de Monxardín - na lapela de Marcos Valcárcel e amigos, na imposición das medallas Castelao en Santiago. [xdr])

A conflito en torno o Decreto de Normalización Lingüística afectará á cultura galega?

Si. Hai debate político en torno á lingua, e hai unha desafección dunha parte da sociedade galega respecto do galego. E está o triunfo da mensaxe, que non comparto, de que aquí hai inmersión lingüística. O que obriga a pensar para o futuro políticas lingüísticas distintas. Sería un erro moi forte que esas políticas lingüísticas se pensasen como unha contraposición galego/castelán, pois o futuro é o multilingüísmo. Imaxinemos que toda a xente se pasase a falar en español e abandoase o galego. Que utilidade tería iso para Galicia? Eu non acabo de velo. Temos máis valor falando galego, español e inglés que soamente falando español e inglés. A xente non se dá de conta de que iso supón que te teñan en conta, que te respecten un pouco. Os partidos políticos teñen que facer un exercicio de realismo e responsabilidade, baixar o diapasón e entrar nunha situación de certa concordia, que eu creo que si é posible. Hai que considerar a lingua non como un problema senón como un recurso.

Debe someterse a lingua galega a un plebiscito?

Home non, o plebiscito da lingua son os falantes. A consulta que está en marcha deriva dun compromiso electoral; é unha solución só para iso. Isto levanta un aire de sospeita sobre a lingua. A mensanxe está clara; abreuse a veda sobre a lingua galega. O cal é lamentable. Pois unha cousa é que baixe número de falantes, e outra que se culpabilice a unha lingua. Temos que ter en conta que, polo menos a medio prazo, Galicia non será nin monolingüe galega nin monolingüe española. Iso esixe administrarar da forma máis intelixente posible uns recursos, que son dúas linguas. Nisto estamos implicados todos, por iso as solucións teñen que ser integradoras e non provocar unha fractura.

Hai que volver ó consenso lingüístico?

En efecto. No debate que se abreu hai unha falacia. Os galegofalantes somos bilingües e os que estan promocionando a idea dunha Galicia bilingüe, no fondo o fan contra o galego, propugnando no futuro unha Galicia monolingüe e non unha Galicia bilingüe.



25 jun 2009

Folía
Bieito Iglesias
El Correo Gallego, 25.05.2009


O Volter.Do Blog de Ana Bande.

As aflitivas noticias recibidas un día si e outro tamén sobre o trato dispensado á cultura galega desde que Feixóo se subiu á caixa da fruta (supresión dun programa de radio dedicado á música propia conducido por Xurxo Souto e morte morrida do espazo literario "Libro aberto" nas pantallas da televisión autonómica) compénsase co florecer de eventos underground como o heavy metal vigués ou a poesía neovirxilianista dos tractores a trepar as rúas citadinas.
Percibo incluso un revival de manifestacións artísticas populistas esquecidas nos últimos anos, tales como o cántico tabernario. A semana pasada coincidín cuns amgios canoros nun local ourensán do Eironciño dos Cabaleiros e alí entoamos un repertorio internacional: desde a Rianxeira a Guantanamera, pasando por "Se te casas en Ourense, pide a proba primeiro da cacheiriña do porco e o bo viño do Ribeiro".
Tense a impresión de que se esgaza o corpo político galaico en dúas comunidades irreconciliables. Pode ser, pero eu vivín unha experiencia distinta aí atrás, nunha casa mariñeira das Rías. O anfitrión foi en tempos simpatizante do Bloque e agora milita no PP. Despois de mougar un opíparo xantar, celebrouse unha sesión de canto con interpretación de temas antigos e modernos (os éxitos de Nino Bravo saíron mallados). Nunha desas, o mariñeiro que me convidara destapouse con versións de Fuxan os Ventos e Suso Vaamonde. Admiroume oír que se pode votar ao PP e cantar aquilo de "Cando me falan de España, sempre teño unha disputa, que se España é miña nai eu son un fillo dos puntos suspensivos".
Teño para min que os problemas do país non se han gobernar no parlamento senón nos mostradores dos bares e nos karaokes. Máis que votar, cómpre andar de foliada.

23 jun 2009





Pranto polo camiño da Martinga

Afonso Vázquez-Monxardín

(La Región, 23/06/2009)

Na nosa Lombardía -que era como Otero Pedrayo lle chamaba aos Chaos de Amoeiro- hai moitas xoias. Estas naturais, como o Barbantiño de fervenzas enlazadas. Aquelas prehistóricas como os petroglifos do Chao das Ferraduras. Estoutras artísticas como a igrexa románica de Cornoces. Tamén literarias como o pazo de don Ramón en Trasalba. Se cadra por estas cousas, por esta multiplicidade de marabillas sempre foi lugar atractivo. Aínda lembran os vellos como nas primeiras décadas do século pasado os señoritos de Ourense, para escaparen das calores do verán que os afogaban no fondo do pozo, subían a Amoeiro de veraneo, para pasear entre as carballeiras ou gozar co refresco das noites. Logo veu a moda da praia. Hoxe son centos as casas que como segundas vivendas de ourensáns da cidade, inzan o Concello, desde a Bóveda hístórica á dinámica Parada ou a oteriana Trasalba. E tamén, claro, tamén están os pazos que nos falan doutras formas de vida e relación social. O dos Miranda en Parada, o dos Rivas en Bóveda, o que foi dos Suances en San Damián, o de Pedrayo en Trasalba, e, esquecendo varios, o que arestora nos interesesa, a Martinga en Cornoces.

A parroquia de San Martiño de Cornoces -con ese topónimo rabiosamente céltico e relacionado con Cork, Cornualles ou Corcubión- vémola especialmente fermosa. O río Barbantiño abrazándoa polo pé; a igrexa empoleirada no alto dun antigo castro cunha inscrición medieval que ocupa toda a fachada sur na que relata as circunstancias, persoas, reliquias e tempos da fundación, sen dúbida das máis espectaculares de España. E alí, preto da igrexa, érguese, abandonado hoxe, o vellísimo Pazo da Martinga. O nome evócanos a unha ‘Martinica’ latina, se cadra relacionada coa propia advocación da parroquia. Pois ben, ata hai uns meses, un dos percorridos máis gorentosos que se podía facer a pé por ese labirinto de camiños abandonados que o noso país, era o que ía desde a estrada que comunica Amoeiro con Ponte Mandrás ata o pazo da Martinga. As fondas rodeiras de carro, cheas de follas secas no outono, os muros de cachote con liques centenarios e couselos como carnosas ventosas vexetais, as sombras que o acobillaban, frescas no verán, quentes no inverno, o suave son do trepar nas follas do chao, os fentos de debaixo dos piñeiros e as fentas das sombras máis húmedas, as luces ocres coadas entre as follas dos carballos, os sons das cascas dos piñeiros ao abrir no medio das raxeiras do verán... Todo isto está, parcialmente perdido. Esta fin de semana, vin que onde había unha encrucillada hai un cruce. Onde había musgo e pedra, había macadán e grava. Unha longa pista que vai de ningún sitio a ningún sitio, que non pasa por núcleo habitado ningún, subrepuxérase ao vello camiño medieval. Os centos de anos de paso de carros fendendo a pedra ata facer as rodeiras guiadoras, volatilizáranse rapidamente coa acción da pala e das escavadoras. Eu non sei ver razóns de tipo económico que xustifiquen ese violento pasar páxina. Se cadra as hai. Pero tamén pode que sexa só un soño que se esvaeza deixando ferida a natureza, o camiño.

A patadas coa lingua galega
XOSÉ MANUEL SARILLE
(El Correo Gallego, 23/06/2009)
Imaxe:Chema Madoz.
Os medios de comunicación proceden cada vez con máis frecuencia á invención da realidade. Elabóranse noticias con problemas que non existen, repítense até que conseguen seguidores e séguense a repetir até que o problema exposto acaba por semellar, efectivamente, un problema.

O caso máis repugnante foi o linchamento do doutor Montes, acusado de asasinar enfermos no Hospital Severo Ochoa de Leganés. Nada hai que dicir xa dos explosivos usados no atentado do 11 M. Até son capaces de valorar os resultados das invencións. As plumas máis frías explican os froitos das calumnias, non poñendo especial interese en desmentilas. Pasou cos audis de Touriño e coa foto de Quintana no iate do magnate do ladrillo, feita moitos anos antes de que o antigo vicepresidente asumise o cargo. Tamén Baltar acusou a Quintana de malos tratos á súa dona, tan tranquilo. Despois alegou que a pesar de ser falso, son cousas da campaña. Para Cataluña inventaron un problema cos idiomas no ensino. O número de alumnos supera os dous millóns e as queixas por imposición lingüística eran practicamente inexistentes. Colocaron un pai indignado diante do Palau de Sant Jordi días e noites, que se traducía en planas enteiras, e así acabaron ensuciando o mellor modelo de convivencia lingüística de Europa e talvez no mundo. Agora toca aquí. Fóra das clases de lingua galega, nunca, en ningunha escola, en ningún instituto, en ningunha aula, xamais se lle obrigou a ningún alumno a falar e escribir en galego nada, porque foi só unha obriga legal do funcionario, do ensinante. Nunca existiu ese problema. É unha gran mentira para humillar máis a lingua de Galicia que precisa de medidas de promoción suplementarias. É o salvoconduto groseiro para proceder á barbaridade máis obscena.

E aplícanse comportándose coas maneiras máis túzaras. Prohiben defender o galego nas aulas. Saberá este goberno de que se trata todo isto? Delinquen os que explican os temas obrigatorios de sociolingüística, do conflito lingüístico dentro das aulas? Chegarán a afirmar o creacionismo e impedirán aos biólogos impartir os temas de evolución? Non estamos lonxe.




Xuntascopia, SL

ANTÓN LOSADA


El País, 23/06/2009

Thomas Jhoper.Australia.

Sorprende cierto rechazo ante la singular consulta parental sobre el idioma en la educación de los retoños. Cierto que sus preguntas tipo ¿a quién quieres más a papá o a mamá? o ¿si mañana papá y mamá dejaran de quererse, con cuál te gustaría vivir? suenan algo pijas. Pero tras el escepticismo inicial que provoca siempre cualquier innovación visionaria, una reflexión libre de prejuicios sobre el fondo del asunto sólo puede concluir que la toma de decisiones públicas por consulta ad hoc constituye un gran salto adelante en la calidad del sistema democrático gallego. No somos conscientes, pero acaso asistimos al nacimiento de una revolucionaria visión prêt-à-porter de la democracia: la democracia feijoniana. Quién sabe si con los lustros no ocupará en la historia un lugar señero como la democracia jeffersoniana, el New Deal de Roosveelt o el puedo prometer de Suárez. Qué gran avance para una participación democrática real es sustituir al Gobierno, al Estado, que ya dijo Althusser que era un monopolista del uso legítimo de la violencia, por una consultora demoscópica. Naturalmente en régimen de sociedad limitada, por eficiencia y para evitar papeleo y burocracia, con Hernández de apoderado y Rueda de asesor en servicios especiales para no perder su placiña de funcionario. Imagínense combatir la crisis armados con porcentajes de opinión fiables. Por ejemplo, en el sector lácteo.
-¿Eso que resuena son las bombas de palenque de las fiestas de verano o son los latidos de mi corazón?
-Me temo que no, presidente. Son los tractores bloqueando Santiago.
-¿Tractores? ¿Y con quién dejan a las vacas? ¿Y por qué será que tienen todas nombres femeninos?
-Protestan porque dicen que hay ayudas para todo quisque menos para ellos.
-Si quieren mi opinión, donde esté una buena ayuda para un coche nuevo, que se quite un vaso de leche, pero tienen razón. No vayamos a la imposición subvencionadora. Lo gallego es la subvención cordial: una aquí, otra allá y la Xunta en casa de todos.... Se impone una encuesta para dirimir el eterno dilema: coches o mantequilla.
El cielo es el límite para la democracia feijoniana en acción. Incluso no siendo vinculantes, estas consultas proporcionarán miles de horas de entretenimiento y diversión para toda la familia.
-Presidente, hay que meterle mano al furtivismo, está desmandado.
-Eso sería caer en la Imposición marisquera. Las rías, como la lengua, son de todos. No violentemos nuestro tradicional marisqueo cordial. Quien quiera mariscar ordenadamente, hágalo, y quien quiera ser furtivo, séalo. Qué bonita es la libertad
Nada más democrático que la inmediata remisión de un cuestionario a las buenas gentes del mar donde decidan si prefieren a) mariscar hasta acabar con todo. b) mariscar mientras paguen o c) mariscar, pero sin abarrotes.
La espinosa cuestión de la financiación abre una oportunidad única para exportar nuestro modelo. En la democracia feijoniana no cabe la imposición fiscal. La solidaridad no puede decretarse, como fantasean algunos radicales. Surge amable y jovial entre las buenas gentes de España, como acudir a ayudar al vecino con la cosecha. Lo democrático sería una consulta entre las otras comunidades para que escojan entre a) seguir pagando a escote nuestra pasión por circunvalaciones y cinturones, b) paga ti que a min dáme a risa, o c) será por dinero....
Como recomendaba Blake, liberemos las puertas de la percepción y veremos las cosas y la democracia como son: infinitas. En nombre de la libertad, superemos el anticuado lema de un hombre, un voto. Abracemos sin miedo al futuro: un ciudadano, un cuestionario. Es más ¿qué clase de dictador retira la gratuidad de los libros o cambia el nombre a las galescolas sin consultar a los padres antes? ¿qué tirano endurece el consumo de alcohol en los botellones cordiales de los menores sin preguntarles antes si la autoridad debe impedir que se mamen mucho o sólo un poco? Por no hablar de la Cidade da Cultura.
-¿Ciudad de la Cultura? Me suena...
-Una mole grande, cerca de Santiago, presidente... procuramos hablar poco de ella a ver si se les olvida
-Pues funciona. ¿Ya mandamos el cuestionario? ¿Qué ha decidido Galicia, la volamos o la terminamos?
PARABÉNS!

A decisión dos lectores

Inma López Silva gaña con "Memoria de cidades sen luz" o Premio San Clemente, que outorgan os estudantes de cinco institutos galegos.

Galicia Hoxe, 23/06/2009

Imaxe: Chema Madoz.

López Silva conseguiu coa súa última novela xa dous galardóns, confirmando así a súa inclusión entre os nomes dos narradores emerxentes do país. Ramón Escuredo, Henning Mankel, Ignacio Martínez Pisón e Inma López Silva. Eles tres foron os gañadores da XV edición do Premio San Clemente nos apartados, respectivamente, de lingua estranxeira, castelán e galego. Como xa é habitual neste certame, un caso insólito na península, os alumnos de cinco institutos do país convertéronse de novo en xurado deste galardón, convocado polo Instituto Rosalía de Castro de Santiago e dotado con 3.000 euros en cada unha das modalidades.
Así, os alumnos de Segundo de Bacharelato dos institutos Poeta Díaz Castro de Guitiriz, María Soliña de Cangas, Nº1 de Ribeira e Xesús Ferro Couselo de Ourense, un por cada provincia que se sortea cada ano, xunto ao Rosalía de Castro, deron onte a coñecer a decisión.
A autora de Memoria de cidades sen luz, a compostelá Inma López Silva -Premio Blanco Amor por esta mesma obra-, alzouse co premio en Lingua Galega, categoría na que tamén competían Conexión Tubinga, de Alberto Canal, e O xardín das pedras flotantes, de Manuel Lourenzo. Memoria de cidades sen luz logrou 5 puntos fronte aos 3 de Canal e os 2 que recibiu a novela de Lourenzo.
Os galardóns entregaranse en Compostela, en datas aínda por determinar, coa presenza dos autores premiados.
Inma López Silva -profesora na Escola de Arte Dramática de Vigo- é unha das novas narradoras galegas máis destacadas da actualidade, desde que se dera a coñecer coa súa novela Neve en abril, coa que gañou en 1996 o Premio Rúa Nova. Tiña entón 18 anos. Con este libro comezou unha frutífera traxectoria infestada de galardóns, como o Premio Xerais 2002, que obtivo grazas a Concubinas.
A Coruña é a cidade da que parte Inma López Silva na apaixonada viaxe de Memoria de cidades sen luz, unha novela de itinerancia, de exiliados, por onde aparecen personaxes históricos reais e personaxes de invención literaria. Desde A Coruña a Nova York, á procura sempre dunha liberdade e dun amor que lle esvara ao protagonista das mans.

AFONSO VÁZQUEZ-MONXARDÍN
Maldita lotería

Galicia Hoxe, 23/06/2009
Imaxe: Pamen Pereira. Curso Circular. Galería Trinta.
Non lles son eu moito de barras, pero aquel día el tiña ganas de falar e eu nada mellor que escoitar. Á segunda caña o dono, desde detrás da barra, empezoume a contar a súa vida. Estabamos sós no lusco fusco daquel soto. Nunca entrara no local e nunca despois volvín. O caso é que el suspiraba con saudade pola vida tranquila e regalada que antes levara. Fora emigrante en Suíza uns aniños, poucos, os suficientes para arranxar a casa da aldea e facer un petiño para un apuro. Voltara á cidade e entrara a traballar de cociñeiro nun hotel (en Interlaken aprendera moito e tiña boa man). Non era un choio malo e tiña, como di a canción cubana, una casa, un carro y una buena mujer. E como era de bo facer, levábase ben cos compañeiros e cos xefes. Vivía tranquilo e cómodo cando lle sobreveu a desgraza en capítulos raros e lentos. Todo empezou, dicíame angustiado, co premio da lotería. Ser non era moito; o suficiente para unha axudiña e un mellor pasar: dez millóns de pesetas. Pero -logo soubo ben que era certo- tamén abondo para escorregar costa abaixo. E contou.

A muller, descendente directa de Eva, picouno con aquilo de non traballar para outro, de que el na cociña era o corazón do negocio no que daquela estaba e que non lle cumpría máis que estabelecerse pola súa conta para triunfar. Deslumbrado co progreso posible na palabra da muller, e por lle dar a razón, decidiuse. Entre os dez millóns do premio e os seis de aforros só tivo que pedir nove a un banco para coller o traspaso dun restaurante en horas baixas. Pero a maldizón do local seguiuno. Alí non entraba unha alma. Intentouno todo. Convites. Anuncios. Pero a xente non entraba. Non sabía o que pasaba. A preocupación medraba día a día. Os amigos do anterior traballo, que sentiran algo de envexa pola súa decisión, tíñanlle agora algo de lástima. Axiña se arrepentiu. Os nove millóns resultaron ser máis gravosos do que pensara, sobre todo sumado ao alugueiro do local, aos gastos enormes que xeraba e a que non tiñan os antigos soldos. Non daban conseguido unha clientela estable, non daban saído dela.

A muller botáballe as culpas a el... "O peor que me ocorreu na vida -dicía con rabia- foi que me tocase a lotería. O diñeiro pode dar a felicidade ou marchar con ela. E a min marchoume. A maioría das cousas que teñen valor, non teñen prezo".


21 jun 2009


O pan de cada día
Víctor F. Freixanes
La Voz de Galicia, 21/6/2009
(Tractorada.Foto R.Escudero.Galicia Hoxe)


A lingua galega tamén está no conflito do leite. E nas estadas da construción naval. E nas cadeas da automoción e as industrias auxiliares. E nas traballadoras de Caramelo. E nas pequenas e medianas empresas de transformación. E nos transportistas que moven o peixe do Berbés ou do Muro cara aos grandes mercados de Madrid e Barcelona. E nos caladoiros de Boston ou de Namibia. E nas familias que teñen un fillo ou unha filla que acabou na universidade e anda a petar nas portas do país para atopar traballo porque non quere marchar fóra. E nas parellas novas que non dan asentada a relación porque viven de bolseiros, pelexando cada ano pola renovación de contratos precarios. E nas contratas da construción. E nas pagas dos xubilados? A lingua (tamén) está neles, vive neles, existe porque existen eles: os homes e as mulleres do común, o país, en definitiva.
O vello señor Manuel, que ten unha explotación de quince vacas en Lousame, está desesperado. O xenro anda estes días co tractor polo mundo adiante. Non apañando herba para as cortes, senón atrancando o tráfico nas cidades, porque o sistema (a economía familiar, coa que manteñen a esperanza dos fillos) seica se lles vén abaixo. «¿Non son estes os problemas do país?», espetoume o outro día, non sen certo reproche na mirada. «¿Quen vai pagar os créditos cando veñan petar os bancos na porta?».
O vello señor Manuel non entende esta lideira do galego. «¿A quen lle estorba o galego?», exclama. ¿A quen lle estorba? E engade cun chispazo de intelixencia nos ollos, quizais tamén de malicia, ou de antiga sabedoría: «¿Non será todo un enredo para que non nos preocupemos realmente polo que nos está pasando?».
O que nos está pasando, a xuízo do señor Manuel, é que o país se nos está indo das mans e non hai ninguén que terme da escorrentía. «Ou sacamos adiante a casa, a economía, o pan diario das familias, ou cerramos. Todo o demais son andrómenas, cortinas de fume. Iso é o que teñen que ver os políticos. Para iso lles pagamos». Está ben isto da lingua, memoria dos avós, valor de cultura e identidade que queremos que continúen os fillos. Pero se o país se desfai, se a economía estanca, se a casa se baleira porque hai que volver marchar polo mundo adiante, todo o resto é fantasía. A lingua está tamén no conflito do leite (que é a desfeita da nosa economía rural, necesitada de modelos e de recursos para modernizarse). E nas estadas dos estaleiros. E nos caladoiros onde faenan os nosos barcos? Hai anos que llo veño escoitando a Díaz Pardo, vello capitán: sen economía non hai cultura; sen un país estable e seguro do seu, con horizonte de futuro, con oportunidades para que os fillos o continúen e traballen, nin hai lingua nin hai identidade. A cultura (e o idioma) hai que entendelo así, parte dun todo que ou se sostén ou esmorece, tal que un sistema de vasos comunicantes.
PREMIO OTERO PEDRAYO 2008: MARCOS VALCÁRCEL
Fotos: Pepe Trebolle


















20 jun 2009




DISCURSO NA RECEPCIÓN DO PREMIO OTERO PEDRAYO

Teatro Principal.Ourense, 20 de xuño de 2009 .

Marcos Valcárcel López.

(O discurso consta de dez folios dunha cara, que pertencen aos tres cuartos de hora -aproximados - de lectura e improvisación)


INTRODUCIÓN: NON SUM DIGNUS.

Cando aló polo ano 1934 ou 1935, Xosé Filgueira Valverde quixo preparar unha antoloxía de poetas galegos, dirixiuse, entre outros, a Otero Pedrayo, o cal naquel momento só publicara en formato libro obras de narrativa, e este respostoulle “non sum dignus”, non son poeta. Hoxe sabemos que isto non é verdade porque de feito Otero Pedrayo publicaría logo poesia, o libro Bocarribeira, e deixou centos de poemas e poesías que están a ser recollidos en xornais e en revistas da época.

Conto todo isto porque, canto hai uns días, me chamou por telefóno o presidente da deputación ourensá, José Luís Baltar, o primeiro que meu veu á cabeza foi a anécdota de Otero Pedrayo, e as gañas de lle dicir “non sum dignus” de recibir tal galardón. Pero, evidentemente, houbo detrás un xurado formando por persoas de institucións de moito prestixio que así o consideraron e, polo tanto, eu non podía desbotar esa posibilidade.

Así pois, o primeiro que vou facer é amosar o meu agradecemento a ese xurado que decidiu outorgarme unha tan alta distinción. Porque o que é certo é que recibir un premio que leva o nome de Otero Pedrayo -como se fose o nome de Castelao ou o nome de Alexandre Bóveda- é moito máis que un compromiso, é realmente case unha profesión de fe nos nomes que foron sagrados da nosa conciencia cívica e que nunca esqueceremos.

Síntome moi satisfeito, moi orgulloso e moi ledo de recibir un premio que leva o nome dun dos maís grandes escritores das letras europeas do seu tempo.

PARTE PRIMEIRA: O meu Otero Pedrayo. (Non existe en soporte papel, rescatarémola de gravacións multimedia).

PARTE SEGUNDA: Otero Pedrayo, obxecto de estudo.

Anos despois lin con moito detalle a maioría das obras de Otero Pedrayo, non só as súas novelas e tamén os seus contos, senón os seus ensaios, moitos dos seus estudos de investigación e moitísimos centos de artigos dos que publicaba todos os dias nos xornais. É difícil de imaxinar, de non sabermos que estamos ante unha xeración como a Xeracion Nós, a capacidade heroica de traballo de xentes como Otero, como Risco ou Cuevillas, que publicaban practicamente a diario artigos na prensa, ás veces varios no mesmo día, que escribiron nos anos vinte e trinta a maioria das súas obras literarias, ensaios e estudos. E que noutros casos como Otero Pedrayo, era tamén o director do único instituto da cidade, “o culto director do instituto”, como dicía a prensa, e que aínda lle quedaba tempo para formar conciencia galeguista a través do Partido Galeguista e do seu labor en Cortes en Madrid, algo que, por certo, aburriu soberanamente moitas veces a Castelao tal e como se queixa nalgunha carta ao seu amigo Otero Pedrayo.

Mais a verdade é que aquela xeración, con aquela capacidade epopeica de traballo e de esforzo, foi a que tivo a ilusión e o gran compromiso de inventar unha idea de Galicia. Unha idea de Galicia que existía antes, por suposto nos Precursores, e de forma moi potente na obra de Murguía e na obra periodística de Lamas Carvajal, ou na obra poética de autores como Rosalía Curros e Pondal; pero que a partir deste momento terá unha forza teórica, unha forza de perfección verdadeiramente inigualable. Esa Galicia como nación cultural que reivindica os seus dereitos, que quere ser dona de si mesma, que quere salvar a súa lingua e a súa cultura, é sen dúbida un legado induscutible da Xeración Nós e moi en particular de Otero Pedrayo.

Eu tiven a sorte de abordar en distintas etapas da miña vida diversos traballos sobre don Ramón. O primeiro -que, por certo, foi un encargo de Bieito Ledo para a editorial Ir Indo en 1988- foi o libro titulado Otero Pedrayo. Vida, obra e pensamento. Obra que serve de referencia aínda hoxe a moitos estudosos deste tema e, en concreto, das ideas e do pensamento de Don Ramón. Libro que compartillei, así o quixen explicitamente, co historiador Xose Ramón Quintana, coautor do mesmo. De feito, entre as virtudes do libro está a forte bagaxe teórica e o rigor analítico de Xosé Ramón Quintana ao estudar o pensamento de don Ramón, así como algúns datos, bastantes datos inéditos, da vida do Otero Pedrayo político dos anos 30 extraídos da miña tese de doutoramento sobre a república ourensá. Polo tanto, o libro é unha biografía, unha biografía politica tamén, un estudo da súa obra literaria e un estudo moi a fondo e moi rigoroso do pensamento de don Ramón.

Pouco despois, anos despois, tiven a posiblidade, tamén convidado, esta vez por Carlos Casares, de preparar a edición e a longa introdución d’ O libro dos amigos, un fermosísimo texto de Otero publicado en América nos anos cincuenta, onde dá o xesto valeroso do recordo dos seus amigos desde os anos durisimos da posguerra, fixándose particularmente nun grupo de arredor de trinta persoas, entre os cales estaba o exiliado, recén morto, Castelao, e tamén figuras vítimas da guerra civil e do franquismo, como Ánxel Casal, Roberto Blanco Torres ou Alexandre Bóveda, así como moitos outros. Libro do que a policía tivo constancia e só a alta personalidade e o prestixio de Don Ramón impediron que caera sobre el o peso da represión.

Foi para min un pracer preparar esta obra, presentada en Trasalba, como o foi despois enfocar diversos estudos sobre o xornalismo de don Ramón, o último deles títulado Teoría de Galicia, que é un volume que recolle todas as colaboracións de Otero Pedrayo na revista Vida gallega, publicado hai poucos anos pola editorial Alvarellos e no que fixen unha longa introdución sobre o xornalismo de don Ramón. Se houbese folgos, non será o caso, quedan por facer numerosisimas cousas, porque don Ramon é un longo continente aínda por descubrir. Entre outras, moitos de vostedes xa o saben, unha das miñas teimas é o seu xornalismo.

É urxente recuperar en formato libro ou como sexa, tamén utilizando os novos medios dixitais, toda a obra xornalistica de Otero Pedrayo: os centos de artigos que publicou en La Región desde os anos corenta, na revista Misión, na súa sección “Parladoiro” no xornal La Noche, a primeira sección en galego na prensa de postguerra, e os moitisimos artigos publicados en revistas da emigración de America e de Europa. E como digo, sobre todo os publicados en La Región ata a fin dos seus días. Sería unha importantisima achega para os investigadores poñer todo ese material na rede, por exemplo nunha web titulada “Xornalismo de Don Ramón”, o que nos faría descubrir grandisimas marabillas que esconde este xornalismo en boa parte inédito aínda.

PARTE TERCEIRA: Hai que poñer de moda a Otero Pedrayo.

Ramón Otero Pedrayo, como dixemos, é un dos nosos grandes clásicos das letras galegas e, á vez, un dos grandes autores da Europa do seu tempo, con preocupacións e inquedanzas moi semellantes a outros grandes escritores conservadores daquela época.

É chegado o momento de poñer, de verdade, de moda a Otero Pedrayo.

Poñelo de moda quere dicir non só recuperar o seu nome, recuperar por suposto toda a súa obra, como está a facer desde hai anos a editorial Galaxia, senón tamén difundila entre a maioría da poboación, tanto escolar como adulta. É verdade que Pedrayo ten certa sona de autor difícil nos textos escolares, precisamente pola riqueza do seu léxico e pola enxebreza da súa sintaxe, á parte das súas peculiares construcións narrativas, mais, aínda así, creo que isto é máis que nada un problema de estratexia didáctica. Hai textos de Otero para todas as idades. Aos nenos pequenos, por exemplo, encantaríalles escoitar a Historia dun neno, ese texto biográfico onde fala da súa máis tenra infancia, cando Vicente Risco botaba discursos sobre a guerra de Cuba ou de Marrocos aos gatos dos tellados, ou cando ian xunto dúas institutrices francesas moi delgadas e moi tetudas aprender as primeiras letras.

Despois hai textos escollidos de Otero Pedrayo, que hai que buscar, que poden valer para moitas e moitas tarefas escolares. A continuación están os seus contos. Eu recomendo, para adentrarse no mundo de Otero Pedrayo, antes os seus libros de contos -Contos do camiño e da rúa e outros títulos publicados por Galaxia- do que as súas novelas, as súas obras mestras como Arredor de si ou Os camiños da vida. E isto porque algúns deses contos son, en síntese, grandes novelas e tamén auténticas obras mestras. Pensemos en "O fidalgo", pensemos en "A serea", pensemos en tantos e tantos relatos oterianos. É máis, Otero é moito máis rico en rexistros do que se soe pensar. Nun destes contos, por exemplo, hai un Otero provocador e mesmo un tanto irreverente que relata como o bispo medieval ourensán chega a roubar a auga das Burgas e facer unha canalización para levala ata a sé do seu bispado nas Torres e Curral do Bispo, simplemente para ter contenta á súa concubina que quería bañarse en auga quente. Tamén hai este tipo de textos, se se quere un pouco irreverentes ou grotescos, da autoría de Otero.

Hai que recuperar a Otero Pedrayo, hai que recitar os seus poemas, hai que poñer as súas obras de teatro nos escenarios, como se fixera coa excepcional A Lagarada en Trasalba hai uns anos. Hai que recuperar o seu nome e o seu debate, se fai falta coas técnicas de márquetin máis modernas. E, por suposto, as súas grandes novelas. Ese Otero Pedrayo d´Arredor de si, d’Os camiños da vida, d’O Mesón dos ermos, de Fra Vernero, d’A Romería de Xelmírez, de tantas e tantas obras de gran interese. Nunha das súas últimas intervencións, na que Maribel Outeriño o entrevistaba, don Ramón dicía que se sentía xa como unha pantasma do século XIX andando por Ourense, alá contra mediados dos anos setenta do século XX.

Puido dicir tamén que se consideraba un antigo habitante dos tempos de Xelmírez, do mundo medieval da grande Compostela que tanto amou, ou que se sentía un intelectual católico do século XVIII, da época de Goethe e dos grandes ilustrados, aínda que só fose para levarlles a contraria nos debates dialécticos. Otero cabía en calquera desas épocas, era un grande autor, un grande pensador sen ningun xénero de dúbidas, e podería, insisto, ser un escritor punteiro en calquera deses momentos. Un escritor que amaba os grandes libros, que afirmaba: “lede os libros enteiros, non só os prólogos”, e que sabía que a tradición cultural europea era a base da nosa convivencia, desa Galicia europea que el sempre defendeu, como toda a Xeración Nós, desde as raíces.
“Europa non ten ren que nos adeprender” dicía moitas veces, “nós xa somos Europa, estamos na cerna, no centro desde a época do Camiño de Santiago, primeira idea orixinal de construción dun gran planteamento cultural europeo”. Ese era Otero Pedrayo, un grande pensador que debuxou as nosas paisaxes como non sería capaz de imitar ningun dos máis grandes pintores galegos. ¿Cantas gamas de verdes, ocres ou amarelos, hai nas descricións do solpor campesiño, nas bocarribeiras de Otero, no seu mundo de fidalgo de botas brillantes, nos frades esclaustrados cos traxes roídos? ¿Cantas gamas de cores, de matices, que nin sequera un pintor sería capaz de reproducir con exactitude?

Otero foi, de certo, o noso grande paisaxista, pero foi moito máis ca iso. Foi o cronista dun mundo que xa non existe: a Galicia campesiña do século XIX, a Galicia campesiña incluso do seu tempo, ata os anos vinte, ata os anos trinta. Despois dos corenta e dos sesenta, as cousas empezarían a cambiar, e moito. Otero non era unha pantasma do século XIX. Era unha testemuña dunha Galicia que existiu e que era, nas súas palabras, “a que afinca na tradición máis profunda”.

Nun texto moi fermoso, Otero dicía que “hoxe -na súa época- cando un campesiño galego debuxa o xugo dunha parella de bois, sen querer, a súa man, a súa mente, van trazando formas, debuxos, espirais, formas redondas, suaves, que xa fixeron os nosos antergos desde as épocas prehistoricas dos petroglifos que se conservan nas nosas rochas”. Algo hai dese espírito galego, desa alma galega que permanece a través do tempo.

E, desde logo, o máis identificable dese ser galego, sen ningunha dúbida, está no exemplo da lingua. Esa fala que nos constitúe e nos fai propios, que nos fai auténticos e nos diferencia. Como dicía don Vicente Risco, íntimo amigo de Otero, aínda que os quixeron enfrontar nalgún momento das súas vidas sen éxito, “Ser diferente é ser existentes”.
Esa fala constitúe o maior tesouro patrimonial e espiritual que ten Galicia. Galicia existiría, si, sen un idioma propio, mais sería outra cousa moi diferente. Serían as catro provincias de 1834, como pode ser Logroño ou calquera outra provincia española sen ningunha cultura de seu e sen ningunha personalidade propia especial.
Porque a fala é a que nos debuxa unha forma de ser, unha forma de sentir e de expresar o mundo. É o vehículo polo cal temos algo que comunicar diferente ao conxunto do universo. Nunha coñecida metáfora, dicía Castelao no Sempre en Galiza que moita xente se lamentaría se algún día lemos nos xornais que se derrubou a fachada do Obradoiro da Caterdral de Santiago. Pois ben, esa xente debería escandalizarse tamén se oíse que o noso idioma está perdendo falantes e que corre perigo de se perder porque a nosa fala é unha abstracción única, que é irrepetible e que vale maís que moitas fachadas do Obradoiro ou que todas as catedrais galegas.

Curiosamente, nos últimos anos a maioría dos estudosos da obra de Otero, tanto no seu pensamento como noutros campos, foron autores procedentes da esquerda ou formados na esquerda, agás o caso moi senlleiro de Carlos Baliñas, sen dúbida un dos primeiros esculcadores do mundo oteriano con moito acerto.

E eu atrevome a dicir hoxe aquí que Otero Pedrayo está esperando aínda pola dereita galega. Ou, dito doutro xeito, que a dereita galega ten moito que aprender, ten moito que coñecer a través da obra de Otero Pedrayo. Para empezar esa apelación pola fala, esa necesidade de construción do País sobre o seu idioma, sobre a súa cultura propia, esa harmonía social que o propio Otero recomendaba como modelo de vida.
É certo que Otero tiña, nas chaves do seu pensamento, unha serie de elementos matrices que o relacionan co pensamento conservador da súa época, especialmente co pensamento relixioso e co catolicismo. É indiscutible que, para Otero, o catolicismo é unha base crucial de toda a súa ideoloxía. El non concibe unha Galicia libre, unha Galicia autonoma de seu, que non sexa unha Galicia católica. Ambas cousas, para el, debian ir intimamente unidas. Pero dito isto, Otero foi tamén un gran pensador liberal nas súas formas, nas súas opinións, na súa practica parlamentaria en Cortes, en Madrid cando foi deputado, e durante toda a súa vida. E foi un exemplo para todos nós, para as dereitas e para as esquerdas, de como concebir un País que aspira a ser máis rico e máis nobre e máis auténtico, un país de noso.
De resto, Otero Pedrayo non é autor privativo de ningunha ideoloxía, como hoxe diría Xesús Alonso Montero. Utilizando unha das súas expresións, todos os que estamos hoxe no Teatro Principal non somos nin dirixentes nin militantes, neste momento, do Pepegá, nin do Pesoe de Galicia, nin do Benegá, nin de calquera outra formación diferente. Neste momento somos todos militantes do partido de Otero Pedrayo, porque todos recoñecemos o valor da súa obra e recoñecemos o seu legado.

Otero debería ser lido por todos, e creo que a dereita galega, que hoxe goberna na Xunta, encontraría grandes sorpresas na obra de Otero Pedrayo, no seu pensamento economico, no seu pensamento politico, en moitos aspectos rigurosamente moderna e rigurosamente singular. Un home que non é un pasadista, que non está sempre pensando no pasado, senón que quere unha Galicia de futuro, esa republica natural campesiña que el soñaba, e quere abrirse aos procesos de mercantilización, pero sempre desde as raices máis fondamente galegas. Creo que algún autor xa iniciou estudos neste campo desde a perspectiva da dereita, e alegrareime que sexan exitosos, porque Otero Pedrayo, insisto, merece ser recoñecido desde ese mundo e merece ese tipo de solucións.
Nunha ocasión, Xaquín Lourenzo, tamén galardoado co premio Otero Pedrayo, afirmaba que cando ía a un monte, por exemplo a unha das escavacións, ou a calquera dos lugares onde el traballou, San Cibran de Las, Lobeira, etc., dicía que sentaba no monte só, en solitario, e miraba para as árbores, para a fraga, para o bosque, e vía os piñeiros, vía os carballos, vía os castiñeiros, e sentía que non era el só quen miraba, senón que esas árbores tamén o estaban a mirar a el. Quería dicir que, dalgun xeito, el se sentía parte desa paisaxe. Sendo fondamente católico, como foi don Xaquin Lourenzo, sentía tamén unha especie de panteismo que o identificaba coa Terra, con esa Terra que escribían en maiusculas os galeguistas da xeración Nós e os seus seguidores.
Iso é o que se sente ao ler as obras de Otero Pedrayo. Sentimos que estamos dentro do marco, que participamos dentro dun espectáculo que diriamos cinematográfico, e que nós estamos dentro desa historia porque captamos todos os matices das vellas loitas campesiñas, da vellas loitas dos fidalgos, do poder das carlistadas, e de todo ese mundo que, pouco a pouco, o estado liberal foi derrubando e tirando abaixo.

A vida, di nun verso fermosísimo o poeta español Vicente Aleixandre, “es solo un relampago entre dos oscuridades”. Se o queremos en galego, “a vida é un lostrego entre dúas escuridades”. Mais o certo é que hai lóstregos que teñen unha forza de seu que deixan para as xeracións vindeiras un legado importante que recoller, que acrecentar, que coñecer e que estimular nun futuro.

É certo que Otero Pedrayo non nos deixou vías asfaltadas, nin grandes fábricas, nin grandes empresas, nin nomes de compañías nin nada semellante. Ese non era o seu mundo. Pero deixounos o poder da palabra, e tamén o poder indestrutible da ideas. O único que temos que facer é volver a ese poder da palabra, a ler a Otero Pedrayo, a levar a Otero a todos os lugares, aos centros escolares, ás festas de veciños, a todo tipo de actividades e volver a reivindicar o que foi un dos grandes clásicos do mundo europeo do século vinte.

Pola miña banda, recibir hoxe un premio que leva o seu nome non pode deixar de emocionarme e de encherme de gratitude. Cara ao xurado, cara á Deputación de Ourense e a don José Luis Baltar, como promotor desta iniciativa, e tamén cara a todos vostedes, amables amigos.

Grazas.

19 jun 2009


O Acto de entrega do Premio Ramón Otero Pedrayo a Marcos Valcárcel, terá lugar no Teatro Principal de Ourense o vindeiro día 20 de xuño, sábado, ás 12:00 horas.







(Fotos: Trebi)


NOMEAMENTO E LIBRO HOMENAXE A MARCOS VÁLCARCEL EN OURENSE
por Corresponsal
(Fotos La Voz de Galicia e La Región, respectivamente)

1. Un emotivo acto.

Os paxaros enmudecían inmóbiles nas árbores da calor que ía, pero iso non impediu que onte xoves, no Liceo ourensán, se celebrase o emotivo acto dobre de nomeamento de Marcos Valcárcel como socio de honra e de presentación do libro Marcos Valcárcel. O valor da xenerosidade. Homenaxe dos amigos.

Nun ateigado e máis que caluroso salón baixo do Liceo, o presidente da entidade, José Carlos Martínez-Pedrayo, glosou con elegancia a figura do honrado e deu conta dos motivos polos que a xunta directiva propuxo o seu nomeamento, entre outros ser o activo e eficaz director da Sección de Literatura desde o ano 2002. Pasou revista Pedrayo aos eventos máis significativos do labor da mesma nos últimos sete anos, subliñando que converteron o Liceo nun punto de referencia ineludible da vida cultural non só ourensá, senón galega en xeral.

A continuación tomou a palabra Afonso Vázquez-Monxardín, en representación dos coordinadores do libro homenaxe (César Ánsias, Benito Losada, Xosé Trebolle, Xosé Ramón Quintana e el mesmo). Despois de expoñer as características desta obra primorosamente editada, na que participaron 225 autores, entre escritores, artistas e amigos, o interviniente leu algúns dos textos do libro, entre eles dous extraordinarios sonetos de Marica Campo e Víctor Campio Pereira.
Un bo número dos colaboradores, ourensáns e de fóra, achegáronse para lle dar unha aperta a Marcos: o escritor Bieto Iglesias, o psiquiatra Santiago Lamas, os historiadores Afonso Mato, Jesús de Juana e José Gómez Alén, o pintor Antón Pulido, a xornalista Cristina Huete, o museólogo Xosé Carlos Sierra, o boticario Adrián Da-Cunha, os dous Xosé Lois: o Carrión e o Carrabouxo, entre moitos outros. Tamén estaban os que se deron en chamar “núcleo duro” d´As Uvas na Solaina, expresamente chegados de Lugo, Vigo ou Allariz.

Marcos Válcarcel fixo unha emocionada e emocionante intervención, agradecendo o nomeamento de socio de honra e o libro dos seus amigos, profusamente aplaudida polos asistentes. O Liceo foi, durante anos, a miña segunda casa, dixo coa voz entrecortada. Falou da amizade, do permanente cariño que se lle amosa desde todas partes, do núcleo de amigos directos que están aí, a pé de obra. Quizais máis que en ningún outro texto apareza tan ben retatado o amigo Marcos como no soneto de Marica Campo:

De como pode un home ser guieiro
para atoparmos un lugar no mundo,
de don Marcos Valcárcel, o profundo
soñador de Galiza, o noso abeiro.

Do amigo, o señor e o compañeiro,
do mestre e o escritor claro e fecundo,
das Uvas na Solaina, do rotundo
apostar pola lingua. O pardiñeiro

da historia do país en el recobra
esplendor palaciano, luz de día,
orgullo de ser nós, que non nos sobra.

Direille aínda acio e malvasía,
viño a repousar que o tempo dobra
en doce potencial de rebeldía.

Ao remate do acto, os asistentes pasaron a unha sala contígua onde departiron amistosamente, refrescando a calor con bebidas e petiscando un ágape disposto polo Liceo de Ourense.

2. Un cantar enxebre.

O así chamado “núcleo duro” d´As Uvas na Solaina, xunto a outros amigos e amigas, aproveitaron a ocasión para iren tomar posteriormente uns viños á Praza do Eirociño dos Cabaleiros.
Milagrosamente, o Júlio Medela e o Xulio Outomuro retiraronse as súas moradas a unha hora prudencial. Mentres, Xoán da Cova botaba man da guitarra e Xosé M. González (Saavedra) e o grande Xoán Fonseca, axudados polo Occam, acometían todo un amplo repertorio de cancións de taberna, seguidos polos demais presentes. Arume dos Piñeiros, pouco dado a efusións tabernarias, aproveitou para falar de Boloña cunha compañeira universitaria que atopou.

Non eran, de certo, as cancións de taberna barrocas de Henry Purcell as que alí foron cantadas, mais era tal o entusiasmo, tan perfecta a harmonía de voces, que de inmediato todo o bar, absolutamente todo, coreou ao unísono: trinta voces mínimo. O climax chegou cando entoaron “Milho verde” e cando se sumaron catro tunos que por alí apareceron para dar conta da canción de Carlos Puebla sobre o Che Guevarra: inenarrábel a conxunción do Fonseca á voz e á guitarra e os punteos do tuno da bandurria.
O cántico “Guantanamera” foi aproveitado astutamente polo avogado lugués Xaime da Pena para mudalo por Antequera en honor a uns andaluces de tal localidade que asistían encantados participando tamén no coro. O resultado non foi outro que as copiosas consumicións alcohólicas correron a cargo dos antaqueranos. Non che son parvos, non, estes de Lugo.
.............................................




18 jun 2009




Troula


O televisor infórmame de que a Comunidade de Madrid convocou probas para obter acreditación de porteiro de discoteca. Seica se presentaron dous mil postulantes, moitos deles orixinarios de países do leste de Europa. Na pantalla asoman uns bicharracos de moito sandiós, de lombo cumprido, carrelo avultado -como de boi- tralo pescozo, brazos de grosa bola fabricada no ximnasio e pelo rapado a rentes do cranio. As autoridades disque pretenden introducir nesas caixas cranianas algúns artigos da constitución española e certos protocolos que han guiar o seu labor de cans cérberos. O Cérbero lendario garda as portas dos Infernos e infernais deben ser os furanchos discotequeiros para requirir como custodios a semellantes estrombalameiros. Un, na súa inocencia, sempre pensou que a mocidade acudía ás discos por dous respectables motivos: para estorcegar o corpo danzando e para cortexar posibles amantes. Como estas actividades rara vez enxendran violencia, hai que supor que o atractivo principal deses locais é enviar pola gorxa ou polo nariz excitantes ou estuporantes, algún xénero de felicidade química. Só así se explica a necesidade de apostar na porta barreñas capaces de administrar lapotes e lombeiradas entre os clientes afumados ou pavesas. Desta maneira regresan os tempos dos meus avós, cando as festas non eran completas se non remataban cunha boa pelexa e reparto de tutes (puñetazos) e malleiras con estadullo. O único que cambiou foi o detonante da lideira, pois a causa das liortas era entón a "remuda", costume que autorizaba a roubarlle a outro a parella de baile co simple aceno de petar no lombo da moza e un "permites" dirixido ao bailarino que quedaba plantado e con cara de ferreiro. Lidar polo baile agarrado (unha das máis fermosas angueiras que pode realizar o ser humano) paréceme lóxico, pero un combate entre puxilistas de peso pesado e borrachuzas faltóns quita a gana de troulear.(De Bieito Iglesias:Correo Gallego

17 jun 2009



A fiestra rechea
Por ANXO TARRÍO VARELA (Galicia Hoxe
No asunto da enquisa sobre a lingua, os incitadores xogan coa vantaxe de contar cunha enorme maioría da sociedade que, debido á súa indixencia cultural respecto de Galicia, da súa Historia e da antigüidade da súa lingua, ten un sentimento lingüístico contrario á utilización do galego como idioma de cultura, por máis que sexa o único que poden falar con coñecemento e competencia, no sentido técnico deste termo.

Claro que esa ignoracia é normal en calquera sociedade, pois ninguén imaxina un campesiño ou uns burgueses casteláns, franceses ou británicos falando as respectivas linguas porque teñen coñecementos das súas historias, das súas orixes ou das súas grandezas literarias. Non. Fálanas porque políticas axeitadas os encamiñaron a utilizar esas linguas e non outras. O inglés foi considerada lingua vulgar na Baixa Idade Media porque as clases altas falaban francés despois da conquista normanda, pero pouco e pouco o inglés foi gañando prestixio até chegar a desprazar o francés no Parlamento, máximo símbolo de soberanía. Foi esa unha cuestión política, un xesto de dignidade e un afán de se ver libres do xugo francés. Claro que foi posíbel esmagando outras linguas que se falaban nas illas británicas. Pero esa é outra historia.

Rafael Dieste perfilou moi ben algo parecido na súa obra de teatro A fiestra baldeira (1927), por máis que o rianxeiro lle dese unha solución idealista ao conflito.

Refresquemos a memoria: "don" Miguel, próspero indiano, fora nos comezos da súa vida un traballador do mar, un mariñeiro máis. Agora quere que un bo pintor lle faga un retrato, cousa que realiza Antonio con resultado satisfactorio para o interesado. Non así para as aburguesadas muller e filla, que ven unha aldraxe no feito de que, detrás da estampa do seu marido e pai, na pintura se vexa, a través dunha fiestra, un peirao mariñeiro con lanchas, aparellos, etc. Unha aldraxe, porque esa fiestra vén ser como a denuncia do pasado humilde de don Miguel, e por esas non pasan as mulleres da casa, que queren que o pintor poña alí algún motivo que reflicta a actual situación farturenta da familia: "un fondo de xardín fidalgo ou cousa de xeito semellante", algo "máis señor". Algo ao que Antonio se nega. Eis o conflito, pois don Miguel coida que está ben: o cadro lembra os moitos traballos polos que tivo que pasar para acadar a fortuna de que agora gozan na familia. Muller e filla teiman en que está mal, polo que xa sabemos. Cando os amigos do indiano, compañeiros de pobreza noutros tempos, se decatan de que don Miguel vai sucumbir aos caprichos da filla, tratan de impedir que se cambie na pintura o motivo mariñeiro, e antes de que iso ocorra prefiren recortar esa parte do lenzo cunha navalla e levalo con eles, pois considérano profundamente seu por ser símbolo da súa dignidade colectiva, da súa identidade innegociábel.

Ao final, o retallo de lenzo volve ao seu sitio, todo se arranxa e todos, incluídas as mulleres da casa, se identifican co que alí se representa. Velaí unha fermosa parábola que ben había servir para ilustrar o intento de erradicación da lingua galega no ensino que se está perpetrando nestes días.




O pesadelo. Vas ver ti
Por AFONSO VÁZQUEZ MONXARDÍN (En Galicia Hoxe
"Vas ver ti e vasme dar a razón. As matemáticas, carallo, xa non valen para nada. Desde que inventaron as maquiniñas, non fai falta saber nin a táboa. Cálcaslle ao 5, logo ao por e logo ao cinco e sáenche 25! A ver. ¿Para que necesito eu a táboa? ¿Para que lles fan matar a cabeza? Mellor sería que nos preguntasen se nos parece ben que atafeguen os nosos fillos con parvadas. Que a Xunta compre calculadoras para todos e xa está. Pasa como coas ciencias. Eles ensinan a "teoría da evolución" . Que se descendemos do mono -serán eles- e outras andrómenas. Pero eu sei que hai outras teorías. Que non son ignorante eh? Sei ben iso da reprodución; que se os espermatozombis se xuntan cos ovos e saen nenos, eh? Pero hai outras teorías. Que se vimos dos marcianos, que nos fixo Deus en seis días e así saíron algúns.

Todo teorías. Tiñan que preguntarnos cal queriamos que lle ensinasen a cada un. Que non nolos manipulen. Eu, por exemplo, non quero que lle ensinen ningunha, para que meu fillo decidise libremente. ¿E o da Física? Eu xa sei que o ángulo recto ferve aos noventa graos, pero se non o chego saber non me pasaba nada. ¿E os profesores de lingua? ¿Que me vas dicir deses pesados? Que se vaca con v, que se Barcelona con b. Que se guevo con h en vez de con gue. ¡Que máis dará! É o que di meu fillo. "Eu escribo así". A ver, ¿non se entende? Pois xa está. Ademais ¿quen decidiu que Barcelona fose con B?

¿E o latín? ¡Onde vai que morreu o último que o falaba! Só estudan parvadas. Ata os de ximnasia lles fan exames. ¿A quen carallo lle importa o que mida o campo de fútbol? O mesmo que os de historia. Que se hai dous mil anos, os Reis Católicos fixeron a Catedral de Santiago... Todo parvadas de antes. Como se fosemos volver alá.

Tíñanlles que ensinar cousas útiles. A facer cabaliños na moto que é o que lles gusta e potencia o equilibrio e a altoestima. A sacar o carné de conducir. Futboloxía, para ter tema de conversación. Seguro que moitos non saben a alineación do 12-1 de España-Malta. Eu si. E moita televisión que é o que lles dá facilidade de palabra, e non os profesores que son eles os que nolos desgracian. A ver, por que non vai escoller un profe no colexio. Que mo pregunten. Xa está ben de imposicións. Eu non quero que lle dean mulleres que se me fan uns mariquitas ¿E a carallada do de galego? Mellor sería que non lle falasemos nunca na casa aos fillos. Que non tivesen libro ningún. Que os profes tampouco lles falasen e despois así, xa lle sairía a cada un a lingua que lle saíse. Libremente. ¿É así ou non é?".

Abrín os ollos. Tiña a boca pegañenta. Logrei pensar Omeprazol. Cando saia de copas teño que tomar Omeprazol antes. Para non ter pesadelos. Agora xa só zume e ibuprofeno.

16 jun 2009

  • Xoves, 18 de xuño de 2009.
  • Hora..: 20:15 horas.
  • Lugar.:Liceo de Ourense.

    Acto de nomeamento de SOCIO DE HONRA do LICEO de Ourense a MARCOS VALCÁRCEL LÓPEZ.

    No mesmo acto presentarase o libro: ´Marcos Valcárcel. O valor da xenerosidade. Homenaxe dos amigos'.

    Finalizarase a xornada nos salóns da planta baixa do Liceo ourensán.

    {NOTA: Os colaboradores na citada obra poderán recoller en man o seu corresponde exemplar}.

Empobrecemento da linguaxe.
Galicia Hoxe, 16.06.2009
MIGUEL ANXO FERNÁN VELLO




Denuncia o escritor Mempo Giardinelli que no seu país, a Arxentina, a linguaxe sufriu nos últimos trinta anos un empobrecemento dramático e que duns 84 mil vocábulos dispoñíbeis só se empregan na actualidade arredor de mil. E, segundo datos da Real Academia Española, só entre os anos 1992 e 2001 foron suprimidos máis de 6.000 artigos do Diccionario oficial, palabras que simplemente desapareceron do uso falado e escrito e caeron no pozo do desuso. O empobrecemento xeneralizado da linguaxe é unha realidade que resulta hoxe máis que evidente na sociedade e detéctase particularmente nos adolescentes e nos profesionais en xeral, que, aínda tendo realizado estudos superiores, adoitan caer na inmediata vulgaridade e na conseguinte pobreza expresiva. ¿Acaso non sae da Universidade un alto número de licenciados que exhiben unha pésima desenvoltura ou manexo da lingua oral e escrita? Segundo diversos estudos realizados, se hai dez anos un universitario empregaba unha media de 1.200 palabras no seu vocabulario activo, hoxe só utiliza arredor de 600. Velaí a realidade. E resulta preocupante. O empobrecemento da linguaxe avanza como as areas do deserto sobre os fianchos verdes da herba. Xa dicía George Steiner hai corenta anos, baseado en estatísticas sobre o tema, que a capacidade de lectura de máis da metade da poboación adulta dos Estados Unidos se atopaba "ao nivel dun neno de doce anos". E como di, non sen ironía, o escritor e crítico literario Manuel Arranz, "xa sabemos que Estados Unidos é o futuro de Europa". Por ese camiño imos. E algo albiscou ou abesullou ao respecto o visionario George Orwell cando, na década dos corenta do pasado século, nos advertiu sobre a decadencia da civilización occidental e o inevitábel e triste destino compartido pola súa linguaxe, debido este sobretodo a causas económicas e políticas favorecedoras do empobrecemento da mesma. Como ben dixo o poeta italiano Giorgio Barberi Squarotti: "A pobreza da linguaxe debilítanos e pode facernos escravos das ideas doutros".




"O FRACASO DO BLOQUE"
Xosé Manuel Sarille (Correo Gallego:16/06/2009

Cando Anxo Quintana ocupou a vicepresidencia da Xunta, Antón Losada foi o seu principal asesor. A estratexia bloqueira de goberno consistiu en facer que o BNG migrase para o espazo rexionalista de centro, até daquela ocupado pola tendencia boina do PP. O líder e os seus asesores pensaban que para permanecer no poder neste país o único ideario posíbel era o encarnado até daquela en Xosé Cuiña e arbitrado por Manuel Fraga como se fose o espazo natural de Galicia.

Nas eleccións autonómicas moitos votantes do Bloque ficaron na casa, indignados. Era lóxico porque o elefante nin unha formiga pariu en catro anos. Os votos dese centro non saíron da cesta do PP nin de broma, e o BNG desatendeu ao 25% do electorado galego que segundo as enquisas está á súa esquerda. A consecuencia foi unha enorme decepción.

Antón Losada botoulle a culpa da derrota á deserción dos votantes fieis, como se tivesen a obriga de apoiar incondicionalmente a pésimos políticos, incluso despois de asistir á alucinante operación de travestismo. E os novos dirixentes do Bloque (o de novos é un dicir) anunciaron que no sucesivo buscarían máis esquerda e máis nacionalismo. Activouse o caricaturismo da UPG e nas eleccións europeas as xuventudes imprimiron un cartel cunha estrela vermella máis gorda e colorada que as que se puñan no Kremlin. E namentres, a insolvente candidata púxose diante dun mapa con fronteiras e cousas desas. É entón cando Antón Losada aproveita para dicir que o Bloque perde aínda máis votos por non ficar no centro, que é onde os hai. Como se toda esa pachanga de emblemas e proclamas valeiras tivese algo que ver con facer política de esquerdas. Ou con algo máis que cunha organización ao borde do estado de coma. Mais a funeraria situación sérvelle agora a Losada para mangarlle a manta aos antigos compañeiros de cama e tapar con ela o seu lado.

O Bloque fracasa porque está KO, pero fracasa sobre todo porque abandonaron os principios intervencionistas e socialdemócratas, precisamente cando a crise estaba a punto de facer que volvesen. Foi o outro día e nótase moito. Por iso soan a oco e non son críbeis.

15 jun 2009






As librarías Eixo, Tanco e Torga; as editoras Difusora de Letras, Artes e Ideas, Duen de Bux e Linteo;
e os escritores Marcos Valcárcel, Camilo Franco, Xerardo Méndez,
Xosé Francisco Fernández Naval "Chisco" e José María Pérez Álvarez "Chesi"
temos a honra de convidalo/a ao acto de presentación da asociación profesional

Gremio Literauria
Gremio de Editores, Libreiros e Escritores de Ourense

que decorrerá o próximo martes 16 de xuño a partir das 20:15 h. no Liceo de Ourense, rúa Lamas Carvajal, 5.

O acto contará coa participación de Manuel Ramos, Chisco Fernández Naval e Xavier Paz
así como intervención de Camilo Franco acompañado do músico Magín Blanco.