ANTES DE NACER MILLADOIRO(Andoliña xoves 29 xuño)No ano 1994 o grupo Milladoiro recibiu o premio Casa dos Poetas de Celanova. Tocoume daquela facer a súa “laudatio” na vila de Curros e, ademais de consultar algúns papeis, tiven que remexer no faiado da memoria, o mellor arquivo. E lembrei as orixes do grupo (aquel memorábel concerto no Auditorio da Salle) e algúns detalles da súa prehistoria, que esoutro día compartía eu en Trasalba con Manuel Bragado. Por exemplo, a lembranza de Roi Xordo, grupo constituído no ano 1976 na liña da canción rebelde daqueles días, que só durou uns meses. Estaba formado por músicos de “Bem-Virá” e do Movemento da Canción Popular Galega; velaí: Antón Seoane e Rodrigo Romaní, a cantante Pilocha, Pi da Bahía e Quico de Cariño e o brasileiro Ze Luiz.
Cantaban poemas de Méndez Ferrín, Manuel María, Neira Vilas e Cabanillas. Eles mesmos (a memoria volve de novo á Salle compostelá) escribiron e musicaron un Himno da AN-PG (Asemblea Nacional-Popular Galega), que por algures teño traspapelado e que comezaba “Galego, é hora xa/ labrego, pra ti tamén; / que pide a patria/ todas as mans”. Tamén reclamaban “berros de luz” e “bandeiras en pé”. E remataban contundentes: “A loitar! A loitar! A loitar!”. Que tempos!
(Imaxe: Jolie Coeur, de Dante Gabriel Rossetti, 1867)