¡¡¡INMERSIÓN, INMERSIÓN!!!
Afonso Vazquez-Monxardín
La Región
A mediados dos sesenta había tres series que nos cativaban naquela TVE en branco e negro e dun só canal: El túnel del tiempo, Perdidos en el espacio e, sobre todo, Viaje al fondo del mar. As tres foron realizadas por Irwin Allen quen anos despois tería especial sona pola película Aventura del Poseidón e outras semellantes.
Os sábados pola tarde, no primeiro Azkar de casa dos avós ou no noso Telefunken pasmábamos da capacidade do almirante Harriman Nelson, o capitán Lee Crane, o loiro comandante Chip Morton e o resto da tripulación –entre eles, claro, destacado sempre o mariñeiro Kowalsky, o que sempre recibía un golpe cunha chave inglesa que o deixaba fóra de combate ata que lle viña ben ao guionista que despertase. E o éxito do submariño “Seaview” baseábase na capacidade de responder en calquera circunstancia e de inmediato ás ordes tallantes berradas polo capitán ao tempo que baixaba o periscopio, dicindo aquilo de “Inmersión, inmersión” que logo repetiamos nos nosos xogos entre o ñiau, ñiau, ñiau das sereas submariñas.
Desde aquelas, relacionei “inmersión” con algo positivo (mergullarse con control para ter logo éxito) mentres que o se un ía para debaixo da auga de malas maneiras, afogaba, como lle pasaba sempre aos malos. Ou sexa, estar debaixo da superficie podía ser bo ou podía ser malo. Dependía. Pero no submarino dos bos, despois da inmersión sempre había unha emersión; saían de novo á superficie, máis expertos, máis sabios, con máis coñecementos do fondo do mar e da vida, todos rían con sorriso kenediano debruzados na torreta do submarino.
E agora anda todo un pouco avolto. O noso almirante, Núñez, di que de inmersión nada, e iso que o fogo amigo dos mass media pode acabar fundindo o Noso Submariño. Lee Crane, Chip Morton –Ferrín e Villares, talvez- e moita outra tropa mariñeira experta pensa que o sensato sería a inmersión, sen máis, para que pasen os tiros por riba e despois saír con máis folgos, a respirar no aire limpo do mar. O mariñeiro Kowalsky, -Callón, por exemplo- teme que o Almirante sexa un alieníxena vido das estrelas para facer cumprir a misión secreta da destrución do propio submariño.
Ao final, creo, o almirante debía facer caso das reflexións do capitán, comandante e tripulación, pois se pensa xa que a inmersión é boa nalgunhas augas alleas –un terzo das inglesas por exemplo- non debe temer que sexa problemática en familiares augas nosas aínda que haxa lixeiras marusías superficiais. As escotillas están pechadas, os motores en orde, a tripulación preparada, os torpedos desactivados e, desde logo, os monstros das fonduras abisais son imaxinacións. Así pois, abaixo o periscopio e inmersión. Porque se durante séculos o galego foi case invisible e por iso pasou desapercibido, hoxe precisa dunha inmersión na que poida repor forzas, arranxar máquinas e arrumar cuartos. Hai que salvar o Noso Submariño. É imprescindible ter éxito na misión aínda que sexa soltando estralos eléctricos que escorrenten o cefalópodo que o apreixa. Inmersión, pois, a toda máquina e avante!!!