![](https://blogger.googleusercontent.com/img/b/R29vZ2xl/AVvXsEjoCjkb1XyWj89QNqxXKN5KZYix3kWiPLkczmYPqgeQ8nsH-P1wp3mNQ_6Pu73q91rex6qtRV-htHVVcsZdTsGvruv2WM7MZJNLgUE3e0cKkMM9S9dQ4ukO_By0cf6c0OZlcdK4/s400/pan+e+coitelo,+de+bieito+iglesias,+2008.jpg)
BIEITO IGLESIAS
andoliña xoves 12 xuño
Hai xa un exército de seareiros da literatura de Bieito Iglesias. Porque literatura é todo o que sae da súa pluma e as súas crónicas de opinión en “El Correo Gallego” e en “Tempos Novos” forman parte dun macrotexto común coas súas novelas e relatos. Podo comprobalo a cotío no meu blog onde unha chea de entusiastas profundadores dos seus artigos xogamos a interpretalos coa mesma paixón dos sabios rabínicos ó carón dos libros sagrados.
Bieito Iglesias é noticia pola súa nova novela: “Pan e coitelo”. De fondo, unha historia de corruptelas e fraguismo crepuscular onde moitos datos biográficos son ben recoñecibles. Bieito ensarilla o relato pola clave satírica: xa se aludiu a algúns posibles esteos, todos ben nobres, nos que se apoia este volume, de Risco a Camilo Castello Branco, de Blanco Amor a Valle Inclán. O sentido do humor, a riqueza da linguaxe, a ausencia de impostura, todo iso é propio.
As súas novelas cheiran a autenticidade e resoan á oralidade prodixiosa do seu proxenitor, que é quen de saltar en segundos de discutir das miserias da filosofía alemana a impartir unha lección maxistral sobre as noivas ourensás do pai de Julio Iglesias.