19 may 2007

Cuestionario Proust
Estimados amigos: hai dúas ou tres semanas fun requirido por amigos e colegas do blogomillo como Arumes e Fíos Invisibles co famoso Cuestionario Proust. Funo atrasando por falta de tempo, pero había que cumprir e aquí está. E custoume, porque isto é máis difícil que facer un libro. Nas preguntas máis persoais, sempre pensas que non vas ser entendido ou que non parecerán respostas auténticas (e dende logo, queren selo). Nas cuestións de afinidades, aínda peor: seleccionar os mellores poetas ou os mellores pintores..., vaia!! Como dicía Carlos Casares, o mellor escritor son polo menos cen ou mil e, ademais, en canto escribes un nome decátaste doutros dous ou tres que quedaron sen poñer e tamén tiñan dereito. Así de inxusto é opinar, disto e de tantas cousas. Pero non quería “escaquearme” e alá vai (sexan vostedes indulxentes).
E transmito a cadea, se non responderon aínda e se lles apetece, a: Fragmentos de Galaxia; Sobre filloas, mel; Dpaso; Modesto Fraga e Moralla.

O principal risco do meu carácter?
Quizais sexa a constancia, o desexo de comunicarme cos demais e unha certa inxenuidade, case infantil, á hora de querer entender o mundo.

A calidade que prefiro nun home?A bondade e a intelixencia, se pode ser en perfecto equilibrio, pero dominando sempre a primeira.
A calidade que desexo nunha muller?As mesmas que nun home.
O que máis aprecio nos meus amigos?Dende sempre busquei xente ó meu arredor que me enriquecera en calquera dos planos da personalidade: os mellores amigos/as son os que máis nos achegan dende a súa empatía e comprensión. Tamén admiro moito o sentido do humor que posúen algunhas persoas e que derraman xenerosamente sobre os demais.
O meu principal defecto? Quizais o ser un pouco disperso, non saber concentrar os esforzos naquelas cousas que son realmente importantes.

A miña ocupación preferida?Pois, ademais de ler e escribir, cousas que fago a cotío, ver cine (moito cine) e tomar unha caña cos amigos ou lendo os xornais pola mañá.
O meu soño de dita? Creo que nunca tiven un soño explícito de dita: contentareime se a vida se segue portando como ata agora.
Cal sería a miña maior desgraza? Obviamente, perder os seres que me importan. E, a un nivel máis egoísta, verme impedido para ter unha vida minimamente digna.
Que quixera ser?No mundo das artes, téñolle unha gran envexa ós músicos: creo que están nunha dimensión diferente ó resto dos creadores e, se vivise outra vida, non me desgustaría dedicarme a transmitir o meu mundo dende a música.
Onde desexaría vivir?Quizais na Florencia do Renacemento, cidade que por certo non coñezo. Ou nalgunha das cortes medievais onde interpretaban os nosos trobadores (se eu pertencese á nobreza, claro; os campesiños non podían gozar de todo iso).
A cor que prefiro? Dende neno tiven sempre querenza polos azuis e verdes, nunca demasiado rechamantes.

A flor que prefiro? Os gladíolos
O paxaro que prefiro? Calquera desas aves tropicais fascinantes ou os mesmos colibrís (pero teño mala conciencia: o meu avó tiña moitos paxariños na casa e, un verán que marchou de vacacións, tivemos que coidarllos o meu irmán e máis eu: cando volveu, morreran a metade deles.
Os meus autores preferidos en prosa?Castelao, Eduardo Blanco Amor, Carlos Casares, Bieito Iglesias, Manuel Rivas, Torrente Ballester, Josep Pla, Cortázar, Vargas Llosa, Borges, Augusto Monterroso, Nabokov, Marguerite Yourcenar, Edgar Allan Poe, Dostoievski, Cervantes, Montaigne, o teatro de Shakespeare, C. S. Lewis.
Os meus poetas preferidos?Rosalía, Álvaro Cunqueiro, Luis Pimentel, Méndez Ferrín, Celso Emilio Ferreiro, Luis Cernuda, José Agustín Goytisolo, San Juan de la Cruz, Joan Salvat-Papasseit, Gil de Biedma, Walt Whitman, Dante Alighieri e Petrarca.
Os meus heroes de ficción? O Principiño, de Saint-Exupèry.
As miñas heroínas de ficción?Carmilla, a protagonista do conto do mesmo nome, de tema vampírico, de Joseph Sheridan Le Fanu.
Os meus compositores preferidos?Do mundo do cine, Dimitri Tiomkin e Nino Rota (“Amarcord”). E da música moderna, sempre van comigo cancións como “Suzanne” de Leonard Cohen ou “Michelle”, dos Beatles.
Os meus pintores predilectos?
Imposible facer unha selección. Pero, xoguemos: O Bosco, Brueghel, Leonardo, Caravaggio, Rembrandt, Vermeer, Velázquez, Durero, Turner, Matisse, Goya, W. Bouguereau, Picasso, Van Gogh, Egon Schièle e case todos os expresionistas, Magritte, Miró, Edward Hopper, Francis Bacon, Balthus, Luís Seoane, Laxeiro, Virxilio.
Os meus heroes da vida real? As persoas que foron quen de sobrevivir en situacións difíciles (a xeración dos nosos pais ou dos nosos avós) e fixeron todo o que puideron para que os que viñamos detrás viviramos un pouco mellor e fosemos máis cultos e sensibles.
As miñas heroínas históricas?Todas as grandes escritoras, músicas, pintoras, ensaístas (mulleres) que nos deixaron a súa obra, con enormes dificultades, antes dos tempos máis contemporáneos. E tamén as que non nola deixaron porque quedaron soterradas baixo a pegada dos seus homes ou dos seus fillos.
Os meus nomes favoritos? Sempre me gustaron, vai saber por qué, nomes como Xabier ou Laura. E, por razóns obvias, Eire e María.
Que detesto máis que nada? A maldade, a intolerancia, o desprezo cara os que nada teñen.
Que caracteres históricos desprezo máis? Os que se impuxeron na historia (e hai tantos!!!) cos
elementos que mencionei na resposta anterior.
Que feito militar admiro máis? Ningún. Supoño que hai feitos admirables, no seu significado histórico, pero non creo que gañar algo pola forza da violencia ou do armamento máis poderoso sexa digno de relembrar.
Que reforma admiro máis? A conquista da igualdade xurídica e social polas mulleres e o dereito da educación e saúde para todos/todas.
Que dons naturais quixeras ter? Un maior sentido musical ou a posibilidade de saber tocar ben algún instrumento.
Como me gustaría morrer?Pois, cando me toque por razóns de idade, sen dolor, por qué non, durmindo ou despois de despedirme dos meus seres queridos.
Estado presente do meu espírito? Sereno, tolerante, sempre con gañas de aprender (ese magnífico debuxo de Goya, xa tan velliño: “Aínda aprendo!”).
Feitos que me inspiran máis indulxencia?Eu, dos pecados de cintura para abaixo, nunca opino.
O meu lema?Pasar polo mundo agarimado cos seres que queres, ter os ollos ben abertos para aprender a gozar das mil marabillas que o mundo nos ofrece xenerosamente e facer o menos dano posible.
Luis Sepúlveda
Mércores 23 maio. Centro Sociocultural Fundación Caixa Galicia (Xoán XXIII), Ourense.
Conferencia de Luis Sepúlveda, escritor, xornalista e realizador cinematográfico chileno:
"A importancia de ser un idiota latinoamericano"
Organiza Club Internacional de Prensa.



Jerry Falwell, telepredicador

andoliña 19 maio
Morreu nestes días, sen que a prensa destacase moito a nova, Jerry Falwell, o pastor evanxélico ultraconservador que creou no seu día o movemento Maioría Moral, en 1979, e todo un lobby para apoiar a campaña cara a presidencia de Ronald Reagan. Toda a súa carreira está chea de xoias como esta: para el, o 11-S foi un castigo contra os pagáns e laicistas, enténdase abortistas, feministas, homosexuais e activistas dos dereitos civís. Tamén defendeu o apartheid surafricano e afirmou que a sida era un castigo contra os pecados dos homosexuais.

A cousa viña de vello. Fillo dun alcohólico, formou unha banda xuvenil na súa mocidade antes de converterse en cristián renacido e fundar a súa propia Igrexa en 1956. Opúxose nos 60 ós dereitos dos negros e ó movemento de Martín Luther King. E soubo ver o poder dos novos medios de masas: dende os programas de radio e TV chegou a millóns de norteamericanos ós que lles contaba cousas como que Tinky Winky, un dos personaxes da serie Teletubbies, era en realidade un homosexual escondido.
O seu mérito, por riba desta xeira de disparates, foi crear un discurso ultraconservador que logo acolleu Reagan. Deixou discípulos privilexiados: non só nos Estados Unidos.