Camilo Nogueira e o sacrificio.
Alfonso Vázquez Monxardín.
Galicia Hoxe 28-04-2009.
Coñecín a dous Camilo Nogueira. Un era camareiro na cafetería Alaska no Parque de San Lázaro de Ourense e outro ao político que coa fundación do Partido Obreiro Galego abriu a esquerda autóctona de Galicia aos aires da modernidade e aceptación do sistema político democrático. Camilo grazas a moitas cousas, á súa forma de ser e ó seu éxito profesional en Sodiga, sabía que había un mundo enteiro por descubrir máis alá da Lavacolla e tiña unha profunda sensibilidade galega, de esquerdas e europeísta. O Sr. Nogueira Román, ex enxeñeiro de Citroën, lémbreno, foi o político máis activo dos primeiros parlamentos autonómicos e grazas ao seu impulso lográronse fitos históricos. Ducias de leis e concreción de inciativas como a traída dos restos de Castelao en 1984. Ou sexa, como era imperativo ético e histórico, durante a nosa primeira lexislatura; nada máis que Galicia tivese algo de poder de seu. Tres anos despois da aprobación do Estatuto; tres anos despois tamén do 23-F; ao ano seguinte da aprobación da Lei de Normalización Lingüística e cando xa estaba implantado o ensino do galego en todos os niveis. Claro que tamén eran os tempos en que o nacionalismo maioritario, léase a UPG e adherencias, aínda non entendía nin aceptaba claramente o sistema democrático -ata 1987 seguiu a alianza estratéxica con HB-, as súas normas, e nin sequera o resultado das eleccións ou das decisións do Parlamento. Así, aquel violento boicot contra a traída dos restos de Castelao a Galicia estivo adobiado de constantes insultos ao Sr. Nogueira.
Como Camilo Nogueira é boa xente cando os seus insultadores daquel día asumiron, en reviravolta pero sen autocrítica, as súas posturas (simplemente xurar a Constitución, condenar a violencia e tratar de ampliar o marco legal para Galicia desde a lei) por ser boa xente digo, foi capaz de traballar con eles de novo. Así conseguiu escano no Parlamento Europeo e desenvolveu a frenética actividade que todos lembramos ante a indiferenza dunha parte importante dunha forza política pexada de arcaico antieuropeísmo.
E agora pídenlle as familias que controlan o choio o sacrificio de renunciar a ocupar un par de meses escano no Parlamento Europeo por mor dun misterioso trato feito cunhas forzas políticas das que agora se desligan para unirse a outras máis radicais. ¿Mellor ninguén en Bruxelas que Camilo Nogueira? Alá eles. Así lles vai.

Na foto, obra da autoría de Camilo Nogueira, pai.