A MEMORIA RETIDA (5)
O PAI MIÑO (La Región 8 xuño)
Dous libros recentes fannos volver a mirada ó Miño: a novela de Julio López Cid, “El río”, e o poemario gañador do último Cidade de Ourense, “Miño”, de Francisco X. Fernández Naval. Pero o certo é que o pai Miño sempre estivo aí. E poetas e narradores sempre esculcaron nos seus misterios. O río flúe nos versos vangardistas de Eugenio Montes, na novela “O bosque das antas” (de Fernández Naval), en moitas páxinas de Bieito Iglesias e en poemas de Víctor Campio, Otero Pedrayo, Manuel de Dios, Augusto María Casas, Vázquez Naval, Millán Picouto, entre outros.
O neno que foi Carlos Velo deixounos na súa “Memoria erótica” o eco das lavandeiras e campesiñas que se achegaban ás súas beiras: nas súas carnes entrevistas o neno imaxinaba o engado pecaminoso das grandes actrices das orixes de Hollywood, como Clara Bow ou Perla White.
E sempre foi lugar central de sociabilidade e lecer, memoria íntima de descubertas. Como ben reflicte esta foto dunha barcaza no medio das súas sedutoras augas, ás veces tan perigosas.