28 feb 2007

RECORDATORIO
Hoxe mércores 28 febreiro, ás 20,15 h. e no segundo piso do Liceo, teremos un novo encontro da Tertulia para avanzar no tema Banco de España: posible constitución dunha plataforma que reivindique o seu uso cultural e vinculado á memoria da cidade auriense.
Xa sabes que estás autoconvocado e que nos gustaría contar coa túa presenza.
NOTA: se non podes asistir e estás de acordo, estaría ben que nos mandases confirmación do teu apoio por este mesmo medio.
Falar mellor o idioma
(Miguel Anxo Fernán Vello en Galicia Hoxe, 26 febreiro. Imaxe do pintor Sucasas)

Imaxinan vostedes un locutor ou locutora dunha canle televisiva española maltratando en todo momento o preciso e rexo idioma castelán? ¿Coñecen vostedes casos flagrantes de escritores ou actores españois a feriren decote o corpo sonoro e comunicante da lingua cervantina? Algún caso pode haber, mais no conxunto resulta irrelevante. O código lingüístico do español, digámolo así, funciona. Mais vaiamos ao noso. Lin nos últimos días varios artigos xornalísticos –Xosé M. Sarille, Luís G. Tosar, Monxardín, Marcos Valcárcel...– nos que se chamaba a atención, dun xeito ou doutro, sobre a pésima calidade que –sempre hai excepcións– posúe o idioma galego en boca de políticos, principalmente, mais tamén –engado eu– no uso que lle dan ao mesmo non poucos xornalistas, profesores, presentadores de TV, tertulianos, escritores e actores. "Andar co idioma como se fose un trapo", di Sarille, e así é como andan, para maior desgraza da nosa lingua, persoas que, por unha razón ou outra, son referencias públicas, voces e caras coñecidas; "líderes", se se quere, en diferentes ámbitos da sociedade galega. ¿Significa isto que este noso país xa foi vencido de vez? ¿Que non ten xa forzas nin conciencia dabondo para seguir mantendo en perfecto estado de uso e de beleza o seu máximo sinal de identidade? Fagamos todos e todas un esforzo –un esforzo de amor, enténdase así– por falarmos mellor este idioma noso que nos fai ao mesmo tempo particulares e universais. E en primeira instancia fagan ese esforzo –só un bocadiño, aos poucos: outra mostra de respecto e de amor– as persoas que nos representan no político, no cultural, no mundo do ensino e da comunicación. Non andemos co idioma como se fose un farrapo calquera. Rendámoslle, cando menos, un respecto elemental, inmediato, práctico. Galicia é, por riba de moitas cousas, o seu idioma. Comecemos, pois, a dar exemplo, aloumiñándomos o seu corpo e as súas formas, sentíndomos como respira na súa xusta dimensión. É unha responsabilidade individual que ten resultado colectivo.

27 feb 2007


Os netos contan a historia da guerra incivil
(Recupero estas tres Andoliñas, publicadas o 31-I, 2-II e 3-III de 2004, con motivo da presentación en Ourense da tese de XULIO PRADA RODRIGUEZ sobre a represión na guerra. Despois sería publicada neste libro de Ediciós do Castro)
OS NETOS DA GUERRA INCIVIL
Son os netos da guerra civil, a terceira xeración, os que finalmente van contar qué sucedeu daquela. Non desde a lembranza evocadora ou desde a recreación literaria, do que xa temos excelentes froitos, senón desde a documentación histórica. Díxoo onte en Ourense, na Facultade de Humanidades, o historiador Julio Aróstegui, no acto de presentación da tese doutoral do investigador Julio Prada, sobre o Alzamento, guerra e represión en Ourense, traballo que foi dirixido polo profesor Jesús de Juana e que mereceu tódolos parabéns.
Aboiaron moitos temas de interese nese acto académico e quero contarllelos aos meus lectores. Por exemplo, que se matou demasiado. Calquera morte é xa demasiado, por suposto, pero a represión foi excesiva e desmesurada en zonas como Lugo e Ourense onde foi escasa a resistencia á sublevación. ¿Por que? Houbo causas económicas, políticas, sociais, vinganzas personais e moito máis. A represión foi brutal e excesivamente cruel: Unha auténtica escola de terror para moitas xeracións. Que non se esquecese nunca o horror.
Houbo moitos niveis de violencia, pero a máis criminal chegou ata todos aqueles que en xullo de 1936 manifestaron públicamente o seu apoio á República, o réxime legal. Como lembraba Ramón Villares, todos os que acoden aos gobernos civís na data do Alzamento foron logo cazados e aniquilados. Agás algunha excepción ben notable, como Ramón Piñeiro. Seguiremos a falar da barbarie ...
REPRESIÓN NADA ARBITRARIA
Os que acudiron aos gobernos civís en defensa da República foron as primeiras víctimas dos sublevados en xullo de 1936. Nun nivel maior ou menor de intensidade, todos aqueles que podían ser identificados coa Fronte Popular entrarían tamén neste sarillo de horrores. Julio Prada fala na súa tese doutoral dun total de 900 ourensáns fusilados na represión, entre eles 176 asasinados por sentencia de guerra e unhas 500 víctimas paralegais, ademais dos desaparecidos, unha gran maioría deles nos primeiros meses da guerra.
A represión foi brutal e exemplarizante, pero non arbitraria. Tiña, sen dúbida, a súa lóxica interna e, ademais, gozaba do custe de oportunidade: podíase matar impunemente. Houbo máis represión carcelaria na España en guerra que no fascismo italiano, dixo tamén Ramón Villares. ¿Sobrevivía aínda a xenreira acumulada das dúas Españas e de todo o XIX español, como sinalou Barreiro Fernández? ¿Hai que acudir á psicoloxía clínica para entender toda a barbarie, pregúntase o presidente da Real Academia Galega?
Empezamos só a albiscar a dimensión da traxedia cos traballos de Julio Prada en Ourense, de María Xesús Souto en Lugo, de Xosé Manuel Suárez na comarca ferrolá. O novo Estado franquista naceu aboiando no sangue dos inocentes, disposto a enterrar a memoria para sempre. Agora que sabemos os nomes e apelidos das víctimas, esa memoria pode e debe ser desagraviada polos demócratas.
APOIOS E SILENCIOS NA GUERRA
Unha última nota en torno á tese doutoral sobre a guerra en Ourense de Julio Prada. Como dixo Julio Aróstegui, necesitamos a marca local, o coñecemento preciso do que sucedeu en cada comarca, para reconstruír un mapa xeral daquel acontecemento tráxico. E saber a orixe dos odios enraizados de vello en certos sectores da poboación, que alimentaron o recurso á violencia desmedida para garantir o trunfo da sublevación. Os estudos indican que Outubro de 1934 foi unha data clave a este respecto: Prada calcula para Ourense que un 35 por cento dos represaliados en 1936 xa o foran antes, nos días revolucionarios.
A sublevación contou, sen dúbida, con fortes apoios, civís e militares. Entre os primeiros, unha Falange conspiradora desde moitos meses antes, que facía prácticas de tiro no Montealegre, segundo o seu dirixente daquela hora Fernando Meleiro. E a colaboración activa dos carlistas. No estamento militar, acudiuse a militares na reserva, algúns con historiais ben confusos, e a oficiais que chegaran ao cuartel de San Francisco despois dunha formación africanista. Algúns darían no franquismo nomes a varias rúas da cidade: por certo, para vergonza dos demócratas ourensáns, aínda quedan algúns deles coas súas placas.
E entre eses apoios habería que citar tamén a parte dos pequenos propietarios labregos e unha franxa das clases medias, nunha urbe dominada polos ferreteiros e almacenistas da alimentación. E mellor non falar da Igrexa: as incendiarias pastorais do bispo Cerviño...

Debate sobre a transición democrática

Pareceume pertinente, para que poida opinar todo o mundo que o desexe, traer aquí o debate que sobre a Transición Democrática se xenerou nun dos últimos post. Para iso reciclei as últimas intervencións ó respecto, xa incorporadas como comentarios, para que o debate siga ese fío.
Tivemos a transición que merecía este país? Podíase esperar outro xeito de superación do réxime franquista?
Fixéronse as cousas tan ben como dins uns (os que sosteñen que foi un modelo ideal e exemplar a seguir por outras coxunturas semellantes) ou tal mal como sosteñen outros (que din que todo quedou mal atado e pendente de resolver pola presión dos poderes fácticos?
E que pintou Galicia en todo ese proceso? Puido ser doutro xeito visto dende unha perspectiva galega? Que fixemos mal e ben dende aquí ou qué nos deixaron facer?
(A imaxe é de Laxeiro)

Clara Campoamor.

O pasado venres houbo un acto das Novas Xeracións do Partido Popular dedicado a Clara Campoamor: vexo na TV a Ana Belén Vázquez disertando ó respecto. Hai uns meses eran os socialistas os que reivindicaban a memoria desta deputada do Partido Radical, Directora Xeral de Beneficiencia na República, que defendeu sen limitacións o dereito da muller ó voto. Está moi ben que o PP conmemore esa loita polas liberdades (a dereita católica da CEDA ourensá na época tamén defendía o voto feminino). Pero non sei se nese acto se contou toda a historia: trala guerra civil Clara Campoamor, republicana por tradición familiar, estivo exiliada en Francia, Buenos Aires e Suiza. Morreu en Lausanne (1972). Quixo volver a España e non puido: o réxime franquista nunca lle deixou volver á súa patria. Foi vítima desa guerra que o PP se negou a condenar no Parlamento.
(Pan por Pan 27 febreiro)

26 feb 2007

MEMORIA E CIDADE
La Región 26 febreiro

Ten esta cidade moitos déficits pendentes e algúns deles só empezaron a ser tomados en serio nas últimas décadas, dende a morte de Franco: por exemplo, as súas infraestruturas culturais. É neste campo onde se constata o baleiro máis grande: un espazo nobre e céntrico, dedicado á memoria da cidade. Con diferentes nomes foi reclamado polos grupos políticos nas diversas convocatorias electorais, pero segue pendente a súa posta en marcha. Ese espazo da memoria debe reconciliarnos coa nosa historia, sobre todo a máis achegada, e ser o espello para os visitantes do que foi Ourense, do qué é a cidade e mesmo do que pode ser esta gran urbe no futuro: un lugar onde acudan tanto os rapaces dos colexios como as familias e as excursións do resto de Galicia e de España para saber qué definiu a Ourense na súa historia. Que marcou decisivamente a nosa identidade de cidadáns aurienses?
Un lugar centrado nos grandes referentes que nos identifican ante nós mesmos e ante o mundo. Un espazo para a memoria da Xeración Nós, co que significou na historia de Galicia, ponte cara a modernidade dende unha perspectiva universal. Un lugar para Curros Enríquez e Blanco Amor, para Lamas Carvajal e Antón Tovar, para Valente e Otero Pedrayo, para Vicente Risco e Carlos Casares, para Méndez Ferrín e Pura Vázquez. Un lugar símbolo da nosa potencia cultural. No xornalismo: dende os tempos do “Heraldo Gallego” e “O Tío Marcos da Portela” (capital fundacional do xornalismo en galego) ata “La Región”, “La Zarpa” ou a revista “Nós”. Un encontro coa nosa vizosa tradición musical: dende os gaiteiros populares e a Coral de Ruada ata Antonio Iglesias, Manolo de Dios, o Conservatorio (agora cumpre 50 anos) ou “Los Suaves”. Un espazo que atesoure a memoria do noso teatro: “Histrión 70”, “Auriense”, “Rúa Viva”, “Sarabela” e un longo etcétera. E o esforzo dos que creron dende os inicios no poder das imaxes: a historia dos primeiros cines, o lexendario Barbagelatta, as Xornadas do Cine das Nacionalidades e Rexións e o cineclubismo e o novo Festival de Cine. E, co protagonismo que se merece, o mundo dos artistas plásticos: de Parada Justel a Fernández Mazas, Prego de Oliver, Faílde, Virxilio, os Quesada, Acisclo, Baltar, Buciños, De Dios, Iñaqui Basallo, Oro Claro, etc. E a evocación do mundo da Radio, o Círculo Azor, “Posío”. E os nosos arquitectos. E o asociacionismo cultural, dende o Liceo de 1850 en diante. E a nosa microhistoria das festas populares: o antroido, os maios, o Corpus, os personaxes que definiron o noso perfil máis simpático, dende Xan da Cova ós toliños de onte. E a creación da riqueza económica: os Franqueira, Barreiros, Fundición do Malingre, as sagas de comerciantes. E o mundo dos deportes e os cafés-cantantes e o excursionismo e os naturistas ácratas de preguerra.
Existe hoxe un lugar, un espazo da memoria, para todo iso? É obvio que non. O edificio do Banco de España pode chegar a ser ese lugar. Depende da vontade dos cidadáns: se é firme e decidida, as institucións e os políticos non poderán deixar pasar esta oportunidade.

25 feb 2007


Historias de Galicia (primeira impresión)

Veño de ver, agora mesmo, a estrea de Historias de Galicia, a nova serie de divulgación histórica da TVG, cun equipo de asesores excepcional (entre outros, Villares, Beramendi, Núñez Seixas, H. Monteagudo, Fernández Prieto, Calo Lourido, López Carrera, etc.).
Esta primeira entrega ocupouse da relación do home en Galicia co territorio, dende o mundo castrexo ata o caos da cidade das áreas metropolitanas de hoxe, pasando polo mundo medieval, a cidade racionalista de Ferrol impulsada dende a Armada ou o fanado Plan de Antonio Palacios para Vigo nos anos 30.
Escolleuse un rexistro capaz de combinar a divulgación e o seguimento da serie por un amplo público e o rigor histórico. E sempre cunha mirada na actualidade: explicitando como os problemas do pasado (e ás veces as solucións adiadas) repercuten no noso vivir cotián de hoxe.
O que vin gustoume. Dende logo é un programa útil e necesario, pouco habitual ata agora para os tipos de produto que ofertaba a TVG.
Parabéns para os responsables da criatura.



CEN ANOS DE HISTORIA CULTURAL. 1956. A emigración galega.

En claves moi resumidas: o ano do Primeiro Congreso da Emigración Galega, coa participación de todos os exiliados, chegados dende diferentes países de América.
Da creación en Buenos Aires da Agrupación Gallega de Universitarios, Escritores y Artistas (AGUEA). Da fundación de Papeles de Son Armadans, a revista de Cela, que tan ben tratou ós poetas galegos (velaí a relación de poetas colaboradores que cito).
E de O tempo solprendido, de Celso Emilio; Na brétema, Sant-Iago, de Luís Seoane; do Cancioneiro, de Eduardo Blanco Amor. E doutros libros de Ramón Lorenzo, Manuel Casado Nieto (O ronsel do teu silenzo), Álvaro Cunqueiro (As crónicas do sochantre), Rodríguez Mourullo (Memorias de Tains); Daniel Cortezón, Victoriano Taibo, Julio Camba, Faustino Santalices (un método para tocas a zanfona)
E desa marabilla que é Grapes and granite, de Nina Epton.
E cando Fole empezou o seu "Cartafolio de Lugo". E María Cofán, actriz ourensá, a súa carreira no cine. E cando morreu Álvaro Cebreiro e Enrique Muíño.
E cando naceron Suso de Toro, Claudio Rodríguez Fer, Manuel Guede, Fernández Naval, Pepe Carballude, Xosé R. Pena, Ballesteros Rey, Xoaquín Agulla, Antón Costa Gómez, Xosé H. Acuña, Xurxo Lobato, Xosé Ramón Gayoso, etc. etc. (varios deles ademais amigos).
(Nas imaxes: a actriz María Cofán (foto do "Diccionario do Cine en Galicia"); Seoane e Dieste en Buenos Aires, e Xosé Velo no Primeiro Congreso da Emigración Galega). O artigo completo.

Aclaración (outra vez a guerra civil…!)

Hai uns días recibín unha chamada dun dos responsables dunha tv local de Ourense, TV Auria. Nin a vexo nunca (na miña casa non se colle) nin teño dela máis referencias que algunha cousa escoitada ó chou. Pedíame unha entrevista, hoxe domingo, sobre a guerra civil en Ourense. Aclareille ó meu interpelante que existía un especialista no tema, Xulio Prada, autor dunha brillante tese doutoral ó respecto, aínda que eu tiña un artigo longo sobre o tema (do ano 1987: van aló 20 anos!!). Pero insistiu en que acudise eu, porque me coñecía polos artigos da prensa e a Xulio Prada xa o chamaría noutra ocasión, díxome. Accedín por educación e porque non vía razóns para non asistir.
Hoxe cheguei alí, fun recibido moi amablemente, e pídenme que me sente no estudo nunha mesa para tres. A persoa que me chamou vai facer de moderadora e pídeme os meus datos e confírmolle que vou falar en galego. A outra persoa na mesa (eu non sabía quen era) di que é bilingüe pero que falará en castelán, porque están a impor o idioma e el protesta dese xeito (isto xa me cheirou moi mal). Empeza a suposta entrevista e vexo que en realidade se vai tratar dun debate e dá os datos do convidado misterioso: unha persoa da que só di que pertence a Falange de las Jons. Neste momento eu interrompo ó moderador (Gonzalo) e, sacándome o micrófono, dígolle que me retiro, porque me sinto enganado: nunca se me dixo que eu asistiría a un debate (outro! xa tiven unha experiencia difícil en Telemiño o ano pasado) e menos cun representante dun partido fascista. Gonzalo reacciona porque ve que se queda sen programa e pídeme encarecidamente que me quede. Dime que me entrevistará só a min e sobre o tema previsto (se emiten todo isto, aínda que non creo, sería divertido). Acepto nesas condicións e, despois de que eu me vaia, que fagan o que queira.
A entrevista foi normal, uns 20-25 minutos, falei da represión en Ourense e mesmo con algunhas referencias á actualidade, provocado polo entrevistador. Marchei de alí sen máis problemas e co compromiso de que me mandarían un DVD coa miña intervención. Aclaro todo isto coa seguridade de que será emitido tal como alí se me asegurou: como unha entrevista persoal e non un debate cun falanxista. En calquera caso, quede claro o que sucedeu en TV-Auria: a quen poida interesar...
(A imaxe é de Basquiat)
A escola en Finlandia.

Segundo varios estudos, Finlandia é un dos países cun sistema educativo máis avanzado e eficiente; de feito, encabeza o Informe Pisa da OCDE dende hai varios anos. É un sistema case totalmente público (o 90 por cento das escolas), con comedores e libros de texto gratis e mestres moi motivados porque gozan dun gran recoñecemento social (pero seica cobran menos que os españois). Os centros teñen certa autonomía e liberdade de programación e só un 10 por cento dos alumnos abandonan a escola trala primaria (a media europea é o 18). Por iso me sorprendeu un dato que ofreceu esoutro día o psiquiatra Luís Ferrer: Finlandia ten un índice máis alto de maltrato á muller que España e tamén un dos niveis máis elevados en suicidios adolescentes. A escola pode facernos máis felices e mellores cidadáns. Pero o seu poder non é omnímodo.
(Pan por Pan domingo 25 febreiro. Imaxe de Lucien Freud)

24 feb 2007


Premio Casa dos Poetas 2007
Acabo de chegar da xuntanza da Fundación Curros Enríquez (e do xantar posterior, cocido de todas as vías posibles) e permítome adiantarlles xa a todos vostedes o nome do gañador do Premio Casa dos Poetas 2007, que se entregará o primeiro domingo de setembro: o autor, actor e director de teatro (cine e televisión) Manuel Lourenzo.
É a primeira vez que este premio recae nun escritor dramático, como faceta fundamental da súa obra, pero os seus méritos son tan evidentes que a decisión foi tomada por unanimidade. Estaban presentes, entre outros membros da Fundación, Xosé Luís Méndez Ferrín, Luís Ferreiro, Andrés Mazaira, Chema Paz Gago, Antonio Piñeiro, Xosé C. Sierra, Gonzalo Iglesias Sueiro, Olga Gallego e Antonio Mouriño, alcalde da vila de Celanova. Deuse conta ademais do plano de actividades do 2006, que Paula resumiu con moito acerto, e dos proxectos do 2007 e inicios do 2008. Neste último ano celebrarase o centenario da morte de Curros, que probablemente subliñe dende a Fundación o seu papel como xornalista e o adiado Congreso Celso Emilio Ferreiro, cando se cumpren (2008) os 40 anos de Cantigas de escarnio e maldizer; Viaxe ao país dos ananos e o nacemento de Voces Ceibes.
Patoloxías da modernidade.
Falabamos onte das opinións do sociólogo Salvador Giner sobre o mundo no que vivimos: unha sociedade insolente, sen referencias ideolóxicas, que puxo en cuestión o concepto de autoridade (“auctorictas” intelectual, non autoritarismo) e sacrificou os seus principais valores e referentes. Un diagnóstico moi semellante foi o que fixo o psiquiatra Luís Ferrer, do Juan Canalejo, que falou no Colexio Médico da Psicopatoloxía da Modernidade: ó cabo os psiquiatras reciben na súa consulta as consecuencias desta sociedade despersonalizada e desestruturada. Eu aproveitei as opinións de Giner para preguntarlle ó psiquiatra se pensaba que algunha ideoloxía podería substituír o papel que noutrora tiveron as igrexas e os partidos comunistas. Respondeume que moitas persoas cubriron ese baleiro dende a ecoloxía e a tecnoloxía. Veremos qué nos depara o futuro.
(Pan por Pan sábado 24 febreiro. Na imaxe: Moza cun can branco, 1951-1952, de Lucien Freud)

23 feb 2007

"Cómpre conectar o país dixital e xeograficamente" (Miguel Anxo Seixas)

Unha entrevista a un bo amigo, o noso asesor en temas de bibliofilia e un dos homes que máis sabe neste país da historia do libro galego.
(A foto é de Andrés Fraga, de El País, e a entrevista de Óscar Iglesias).

E seguro que tamén lles agrada o artigo de Antón Baamonde.
O porco, o estranxeiro e a heterodoxia necesaria (Manuel Rivas)

Manuel Rivas seguiu moi atento a forte dialéctica que se desenvolveu nesta lareira arredor do porco e as súas marabillas culinarias (o artigo completo). Velaí unha mostra:

Alédame e inquieta a un tempo un mundo da cultura que se manifesta con vehemencia a prol
da conxunción copulativa "e" contra a intrusa cópula "i", e que debate apaixonadamente a terceira vía do porco. Penso que este foi o Entroido máis intelectual da historia. Mesmo Os Maracos, esa "centenaria" comparsa coruñesa que cumpriu 25 anos, cantaron en pandeirada: "Prohibiron o tabaco / Queren prohibir o viño/ De continuar así / Vannos prohibir os chourizos". Si, a saúde vai acabar con nós.
Na política do porco, e na campaña do Entroido, houbo sempre dous partidos dominantes. O Partido da Cachucha e o Partido do Lacón. Foi Alfonso Monxardín, da Escola galeguista de Francfurt, quen converteu en forza emerxente e alternativa o Partido do Dente, nunha extraordinaria proclama disfrazada a xeito de artigo no xornal Galicia hoxe e titulado Tomando postura: a terceira via. Vexamos un imprescindíbel parágrafo de situación: "Para os pouco iniciados na porcofaxia -suidofaxia sería pedantería- indicarei que en Ourense cachucha é a parte superior da cara do porco, con perdón, da boca para riba, afumada e salgada; e dente a mandíbula inferior, sometida a proceso semellante de momificación".
A proclama a prol da terceira vía foi colgada na rede, no blog As Uvas na Solaina, de Marcos Valcárcel, e a partir de aí abriuse un dos debates máis amenos, ocorrentes e sabedeiros dos que teño seguido na Rede en Galicia. Un auténtico festín de ilustración arredor do Ciber-Porco. O sorprendente para min foron os apoios á terceira vía. Penso, non obstante, que a maioría do pobo segue a moverse na bipolarización entre o Lacón e a Cachucha. O Dente, esa contundente delicatessen, é unha opción moi de entendidos.
Eu debo confesar que non me convence ningún partido do porco. Os escaparates de cachuchas nos ultramarinos parécenme artísticas instalacións de terror. Se nas enchentas do Entroido cada vez me sinto máis un estranxeiro, imaxinen na Coresma!


O remate do artigo tampouco ten desperdicio. É evidente que, se non tes algún inimigo, non eres ninguén:

O quecemento. O malo do cambio climático é que o tempo, como a xente, anda ao seu.
Xeracións literarias. Que uns escritores galegos declaren como trazo xeracional que len os autores anglosaxóns e que non lles interesa a actual literatura galega non significa nada. Pasounos a todos. Eu tamén lía de rapaz o Reader?s Digest (traíao a Castro unha lavandeira da casa dos señoritos). En canto ao confronto vellos e novos, é tamén un dilema vello. Eduardo Blanco-Amor foi sempre moi novo, sobre todo cando volveu de vello e tivo que comezar todo de novo: a máquina de escribir botaba fume. Fume bordado, hai que dicilo. O mérito non é a xeración, que vén dada (tranquilo, compañeiro Jaureguizar, serás moderno aínda que non o queiras), senón o manterse como un des-xenerado.
O éxito. Con teima penumbrosa, Franco Grande, bo memorialista dos días escuros, alcuma de colonizados un día si e outro tamén aos que escribimos nestas páxinas. No coloquio que seguiu á presentación d'Os libros arden mal en Santander, unha lectora cántabra contou que na Coruña un alto executivo dixera de min que era "maricón y del Bloque". Nas cartas ao director deste xornal, un xentil lector espetou: "Leo todo, menos lo de Manuel Rivas". Colonizado, bloqueiro, maricón, e carne de gueto. Agora xa sei o que é triunfar.

22 feb 2007


Unha sociedade insolente


A entrevista que ofrece hoxe El País con Salvador Giner, mestre de sociólogos, non ten desperdicio. Descríbenos como unha sociedade insolente, que perde os seus referentes e valores. Unha sociedade sen educación e sen patriotismo (o que quere o seu país non destroza a súa paisaxe ou tira papeis polo chan. Iso é virtude patriótica. A media cívica española está moi por baixo de Holanda e Inglaterra. Iso é mesurable).

Tamén ten interese saber o que prefiren ler a maioría dos españois: thriller-histórico-religioso-aventurero-cultural.
(A imaxe é de Lichtenstein, sobre o que tamén escribe nas mesmas páxinas H.Molero)
O ruxe-ruxe (Banco de España)

O ruxe-ruxe sobre o tema do Banco de España está a funcionar. Nestes días o xornal La Región fixose eco con amplitude da proposta, xurdida na nosa tertulia do Liceo (e a propósito dos artigos na prensa de Afonso Monxardín, Pepe Paz e outro meu), de buscarlle un destino cultural a este centro patrimonial (quizais un futuro Museo da Cidade). Están xa en marcha algunhas iniciativas para reclamar un fondo debate ó respecto. (Tamén outra proposta, totalmente á marxe desta, que reclama o local como posible ubicación dunha Fundación Quesada).
De momento, semella que están abertas todas as posibilidades e ata Pérez Touriño, presente onte na cidade, apuntou á necesidade de darlle un uso cultural a tan céntrico e nobre edificio:
"Las reacciones no se han hecho esperar. El presidente de la Xunta, Emilio Pérez Touriño, asumió ayer el ‘liderazgo para tratar de recuperar un edificio tan emblemático como o Banco de España para ó servizo da cidadanía’. El jefe del ejecutivo autonómico (socialista al igual que el Gobierno central) destacó ‘a tradición cultural de Ourense e a inmensa riqueza do seu patrimonio’. El candidato a la alcaldía por el PSOE, Francisco Rodríguez, también se ofreció ‘para recuperar este inmueble para outros usos culturais’".

Mellorar o uso da lingua

Houbo tempos, dicía eu onte, nos que case non existían instrumentos útiles para perfeccionar o galego que usaba cada cidadán: lembremos a linguaxe clandestina dos panfletos dos anos 70 ou de moitos libros daquela época. Admitamos, porque esa foi a realidade, que case non había daquela materiais onde acudir: os cursos de galego nas asociacións culturais facíanse coa Gramática elemental del gallego común de Carballo Calero (Galaxia, 1966) ou logo, dende 1971, cos métodos Gallego 1, 2 e 3 do Instituto da Lingua Galega, pensados estes para neofalantes que accedían ó noso idioma dende o castelán.
Hoxe a situación é moi outra: métodos de galego, TVG, prensa en galego, galego na escola. Por iso os falantes con presenza pública, os que deitan opinión na televisión e nos xornais, os que nos representan a todos nos parlamentos, xa non poden xustificarse detrás da ignorancia do código lingüístico. E o certo é que algúns deles falan un galego tan deficiente como aquel, marcado polo descoñecemento, dos primeiros 70: un galego cos pronomes átonos mal colocados; con teísmos e cheísmos; confundindo a forma ‘saúdao’ cun incorrecto ‘saúdalle’; con formas verbais compostas, etc. Un galego para mellorar.
Andoliña xoves 22 febreiro

Moito que mellorar.
O Manifesto do E, do que falei antonte, está a provocar un pequeno debate sobre a calidade do galego que usan os nosos políticos. Está nos xornais e nos blogs: sobre o tema opinaron estes días Antonio Piñeiro, Xosé M. Sarille ou Monxardín, entre outros. Moitas opinións piden un galego máis enxebre e menos artificioso. E iso é posible, respectando a variedade de rexistros propia de toda lingua, deturpando erros como os que apuntei onte neste curruncho e volvendo ás raíces do idioma. E hai moito camiño para mellorar: todos, tamén este cronista. Por exemplo, velaí a ausencia cada vez maior de infinitivos conxugados, tan propios da nosa lingua. Ou a escaseza dunha fraseoloxía galega, limitándonos a traducir os ditos casteláns. Ou o necesario respecto á pronunciación e ás melodías do idioma. Ou o esquecemento do pronome de solidariedade. Si, hai moito que mellorar.
Pan por Pan xoves 22 febreiro.
(Imaxe de Laxeiro, dos fondos da Galería Elvira González)

21 feb 2007




Galicia en "Triunfo"


Dese tema falamos neste blog hai unhas semanas e sobre el volve hoxe Ramón Chao en El País, nas páxinas de Galicia: a presenza galega na revista Triunfo. Velaí dous parágrafos do seu traballo (por certo no segundo confunde o nome de Xesús Alonso Montero, porque Sánchez Montero creo lembrar que era un dirixente do PCE que nada tiña que ver con Galicia):

Galicia estuvo muy presente en Triunfo. De inmediato me viene a la memoria un artículo de Xosé Luís Méndez Ferrín sobre nuestro ser. Busco en www.triunfodigital.com y pongo mendez ferrin. Lo encuentro en el día 9 de diciembre de 1972, páginas 59-65. Xosé Luís tenía 34 años. Sus apreciaciones siguen válidas : "Veo a mi hijo de cuatro años en la playa de Coruxo. Juega a ayudar a los pescadores en la operación de varar una gamela, embarcación ancestral. Cada gesto de aquellos hombres es imitado por el niño que, sin saberlo, atraviesa miles de años hacia atrás, hacia un plano neolítico, como neolíticos son, quizá, el ancla de piedra, el carro, el hórreo, las brujas, los pesos en la cabeza, los fundamentales mitos colectivos. Descubrimos, con mirada alucinada, que la base cultural del campesino-pescador gallego está hecha de elementos neolíticos. Y el vértigo sobreviene al imaginar la trasmisión, la perduración de esos elementos a través de los siglos, de las culturas, de las etnias que se suceden sobre la piel del macizo gallego".
¿Continúa vigente, 35 años después, éste análisis de Xesús Sánchez Montero?: "Nunca hubo en Galicia tantos escritores dispuestos a escribir para el pueblo o con el pueblo o desde él; pues bien, el pueblo está, como lector ausente. Lo estuvo siempre, salvo exiguas excepciones. El pueblo que habla gallego, que sabe un buen gallego, no ha sido escolarizado en su lengua. El ciudadano gallego, analfabeto en su idioma, tartamudo en el otro y educado en la solapada subestimación hacia la lengua del país, sólo excepcionalmente se acerca a la letra impresa en gallego (en otras áreas idiomáticas el pueblo no consume literatura de arte, pero sí literatura de quiosco, género que no existe en gallego.
O galego que se fala na Xunta de Galiza
XOSÉ MANUEL SARILLE

(El Correo Gallego 21 febreiro 2007)
O Presidente da Generalitat de Cataluña asiste todos os días laborábeis a aulas de lingua catalá ás nove da mañá sen que se lle caian os aneis. José Montilla posúe un catalán máis que correcto, pero os seus asesores aprecian que o máximo representante do país debe usar un idioma impecábel, igual que debe vestir, cando menos, correctamente, en caso de no poder facelo con elegancia.
Visto desde certos sectores de Galiza, pode dar a impresión de que este esforzo é inútil, porque, dirán eles, o que se debe facer é administrar ben, ir ao práctico e deixarse de cousas secundarias. Xa pasaba isto coa reforma do Estatuto, cando dicían que o importante era lograr diñeiro e non facer un problema de país cos dous símbolos que aparecían no debate, o recoñecemento da nación e o deber de saber galego.
Os nosos gobernantes usan un pésimo galego, especialmente o Presidente, que mestura as dúas linguas, caótico nas expresións e coas palabras. Mais tamén o líder da oposición, que non dá colocado un só pronome no seu sitio, sexa porque non sabe ou porque non lle importa. Asómbranos o Conselleiro de Traballo, ao que se lle pegou dicir una cando hai que dicir unha, non sabemos se por desleixo ou por un toque chic de difícil prospección. Non se libra o Vicepresidente, que opta polos castelanismos, talvez por lixeira aproximación popular. Ao Conselleiro de Medio Ambiente nótaselle o contacto permanente co idioma, mais tamén se lle nota que se abstivo de acadar un uso pulcro. No entanto, hai que darlles os parabéns a outros, por exemplo á Directora Xeral de Transportes que se esmera nas entrevistas.
Andar co idioma como se fose un trapo proxecta unha imaxe pésima de nós mesmos, ante nós mesmos, ademais de revelar moi pouca sensibilidade e querenza polo saber, que son virtudes necesarias no gobernante.
Un galego ben falado di moito da calidade dun goberno. Un mal castelán sería inmediatamente censurado nun ministro español e desde logo, un non imaxina a Jacques Chirac metendo couces lingüísticos. O prestixio do país está tamén na lingua, por iso conviña que comezasen xa os cursos, para ser unha autonomía de primeira.
Expedientado no BNG por presidir a AGAI

Segundo informa La Opinión, o Consello Comarcal do BNG de Vigo, celebrado o pasado oito de febreiro, acordou por maioría abrir un expediente a un militante e membro dese Consello, Pedro Gómez-Valadés, por presidir unha asociación de apoio a Israel. A razón desta medida, aprobada cos votos dos membros da UPG, é que a Asociación Galega de Amizade con Israel (AGAI), constituida en decembro do ano pasado e presidida desde entón por Valadés, é unha organización "imperialista" e, polo tanto, contraria ao "ideario" do Bloque. Cando menos, iso foi o que argumentaron os dirixentes comarcais que propuxeron abrir un expediente, retirarlle a militancia e expulsar do partido ao seu compañeiro, responsable da área de Cultura e Lingua da executiva nacionalista na comarca viguesa. Velaí a nova completa e a reacción do afectado.

Unha vella Ofrenda Lírica

Nos anos 50 non debía ser nada doado emprender calquera iniciativa de galeguización. Pero había vontades comprometidas nesa liña, desde o esforzo individual, convencidos do éxito da súa utopía. Como o noso Xosé Ramón e Fernández Oxea, “Ben-Cho-Shey”. O 29 de maio de 1955, fixo nestes días cinco décadas, a súa filla, María Isabel Ramón Algarra, facía a súa Primeira Comunión. E recibía un agasallo que tiveron moi poucos nenos: un sonetario de dez grandes poetas galegos, entre eles Otero Pedrayo, Ramón Cabanillas, Ricardo Carballo Calero, Augusto Casas e Fermín Bouza Brey, que celebraban en galego aquela xornada: un exemplo máis de compromiso co país.
Consérvase na Biblioteca da Deputación ourensá o orixinal daquela Ofrenda Lírica, imprentada nos talleres do Faro de Vigo. Publicouse en facsímile co volume das Letras Galegas adicado a Bouza Brey pola Universidade de Compostela (1992). Pequena xoia de 16 páxinas que contén versos coma estes de don Ramón: “Tempro es, capela de xasmin e rosa,/ onde o Señor disfroita no teu sangue/ contento na pousada garimosa./ I é moura a neve e o xestal albente/ comparados co branco da fariña/ que feita Deus te fai a ti lucente”.

(Andoliña, 2-VI-05. Na imaxe, "Ben-Cho-Shey" en Tetuán, 1922)

20 feb 2007

O Aduaneiro, o artista ignorado
(Andoliña 20 febreiro 2007)

Foron moitos, ó longo dos séculos, os artistas que apostaron pola transgresión e a provocación, abrindo camiños ata entón ignorados polos que transitarían despois os seus colegas. Outros foron tamén vangardistas doutro xeito: só serían recoñecidos despois de mortos. Como Henri Rousseau (1844-1910), nacido en Laval, unha vila do noroeste de Francia, no seo dunha familia de clase media. Alistouse no exército antes de converterse en aduaneiro, o traballo do que viviu ata a súa xubilación. E como O Aduaneiro foi coñecido na historia da arte.

De formación autodidacta, empezou a pintar con máis de 40 anos e sempre creu na súa valía como creador. Non así os críticos que se rían del e desprezaban a súa obra. Morreu con 66 anos e só un ano despois da súa morte empezaron a ser recoñecidas as súas pinturas.
Guillaume Apollinaire dedicoulle versos, os surrealistas reivindicaron a poesía das súas pezas, as vangardas miraron cara ó seu inxenuísmo desconcertante. Pintou unha das denuncias antibelicistas máis contundentes, o cadro Guerra (1894), unha figura case infantil sobre un cabalo negro pisando un mar de cadáveres: din os que saben que o Guernica de Picasso lle debe moito a este cadro do Aduaneiro.

19 feb 2007

Pobo e lingua
FUNDACIÓN PREMIOS DA CRÍTICA GALICIA

PROPOSTA pública a favor do galego auténtico, a favor dun idioma non artificioso.

PROCLAMA a favor dunha humilde e entrañable partícula mergullada nas raíces da realidade vital da lingua.

MANIFESTO DOS CENTO SETENTA en defensa da verdadeira conxunción copulativa: a que nos conforta en “pan e viño”, a que nos divirte en “cóxegas e moxetes”, a que nos orballa en “Laiño e Lestrove”, a que nos compromete en “dereitos e deberes”, a que nos anima en “saudiña e que cante o merlo”, a que nos engaiola en “liberdade e xustiza” e a que nos confraterniza en “galegos e galegas”, “galegos e galegas”.

Desde hai séculos, as persoas verdadeiramente identificadas co xenio da lingua galega nunca pronunciaron “i” nas formulacións idiomáticas que encabezan este CHAMAMENTO ( Outra cousa sería se o segundo termo comezase por vogal: neses casos a opción e ou i dependería dos criterios fónicos e estilísticos dos falantes).

Hai tempo que o noso oído fisiolóxico e idiomático percibe, en non poucos falantes, “galegos i galegas”, con ese “ i ”que é, filoloxicamente, ilexítimo, ilegal, iletrado, ilícito, iincuo.

Por se fose pouco, a ilicitude medra dun xeito especial, entre cidadáns e cidadás que ocupan postos importantes no eido político e sindical (infelizmente, tamén, no cultural e mediático). Trátase, pois, de cidadáns e cidadás que, polo mero feito de falaren desde tribunas relevantes, lexitiman o “ i “ ilexítimo e inepto, e , en certos casos, sementan o desconcerto nos herdeiros auténticos do xenio do idioma.

Sabido é que hai pais e avós, galegofalantes enxebres, non sofisticados, que, cando oen (na radio, na televisión, no Parlamento, no mitin…) ós seus fillos, ós seus netos (conselleiros, deputados, directores xerais…), chegan á conclusión de que o seu vello falar( o seu honrado “pan e viño) non é bo, non é moderno, non é fino: que é da aldea.

Tamén sabemos que hai pais e avós que, ante os seus fillos e netos instalados no poleiro mediático, defenden, con dignidade, o pan e mailo viño e mesmo os alcuman de castelanistas ( “pan y vino” ) mesturados de lusistas, pois, en portugués, a pronuncia desta conxunción copulativa é i . Aínda así, a tribo dos do “ i “ medra, e cómpre que non se consolide.

Sexa cal for a explicación deste sofisticado fenómeno, sexa cal for a explicación (que non xustificación) de pronuncia tan ilexítima, chegou a hora de dirixírmonos ós falantes con responsabilidades públicas para que asuman comportamentos lingüísticos dignos da súa relevancia social, non só no caso denunciado neste MANIFESTO senón en todos aqueles que revelan nula ou ínfima sensibilidade idiomática (a desaxeitada colocación do pronome átono, os lleismos, cantas formas verbais compostas, a ausencia de infinitivos conxugados,etc.etc.etc.)

Hoxe por hoxe a nosa PROCLAMA, o noso MANIFESTO, é un aturuxo filolóxico a favor da humilde, da entrañable, da enxebre conxunción copulativa e , tan frecuente no noso idioma.

Con pan e viño ándase o camiño.

Na Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, 24 de febreiro de 2007.
(170 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, da escritora que dixo que a poesía galega era “toda música e vaguedade)

18 feb 2007







CEN ANOS DE HISTORIA CULTURAL. 1955: MERLÍN E FAMILIA, OS EIDOS...



(Nas imaxes, a portada de "Os eidos"; Antón Avilés de Taramancos de mozo, e Pura Vázquez con Ramón Cabanillas e Fermín Penzol en Madrid, nos anos 50).

O de 1955 foi un deses grandes anos das nosas letras, como tamén o foron os de 1880 ou 1933, entre outros. Verán, foi o ano en que se descubriu toda a potencia creadora de Álvaro Cunqueiro como narrador, co seu Merlín e familia, publicado por Galaxia en agosto e no que o señor de Mondoñedo levaba xa un par de anos a traballar. Pero, sen deixar a narrativa de posguerra, é tamén o momento da segunda entrega de Ánxel Fole, Terra brava. Contos da solaina, que mantén os presupostos da narrativa de raíz popular que o lugués xa esculcara en Á lus do candil, e da novela rural e melodramática Nos picoutos de Antoín, de Leandro Carré Alvarellos, que fora premiada polo Centro Galego de Montevideo.
Na poesía o panorama é tamén esperanzador. Os galegos descobren un dos seus grandes poetas contemporáneos en Uxío Novoneyra, con Os eidos, un poemario que alenta unha nova relación entre o home e a natureza dende a economía verbal e o esencialismo propios do poeta do Courel. Outro gran poeta dese momento é Avilés de Taramancos, que neste ano publica As moradías do vento nunha separata da revista coruñesa Atlántica (n.11-12), libro que sería logo recompilado, en 1982, en O tempo no espello. No mesmo ano saen obran tan destacadas como Seitura, de Fermín Bouza Brey, un dos títulos clave do neotrobadorismo; O ronsel do meu silenzo, de Manuel Casado Nieto, que continúa a liña de imaxinismo popularista do seu libro anterior (Orballo ispido, pubicado un ano antes na colección Xistral de Lugo); A realidade esencial, de Eduardo Moreiras; Versos de alleas terras e de tempos idos, traducións e paráfrases de textos poéticos clásicos e modernos realizada por Ramón Cabanillas; e Cóxegas, de Celestino Cabarcos.
De América chegan obras como Pranto matricial, de Valentín Paz Andrade, publicada nas ediciós do Centro Galego de Buenos Aires; na mesma casa editorial, Maturidade, da ourensá Pura Vázquez, que nese ano marchaba cara Venezuela; e o segundo libro en galego, do autor de Barbantes, Xosé Conde Fernández, co título Muiñada noitébrega, cun uso destacado do molde rítmico do versículo.
Tamén en 1955 Celso Emilio Ferreiro publica o seu libro semiclandestino, en castelán, Voz y voto (colección Papel de Estraza, Montevideo, aínda que se imprentou en Vigo), e declara esta súa autopoética na Escolma de Fernández del Riego: "Polo que se refire ós poetas galegos, si queren ser fideles a sí mesmos e á terra, teñen que fuxir da arqueoloxía estéril e do ruralismo pedáneo. Teñen que retorcerlle o pescozo ó reiseñol do lirismo lacrimóxeno, saudosento, vello estilo.
En troques, teñen que mergullarse con desesperado esforzo no mundo social da nosa terra; nos problemas vivos do noso tempo; nas angurias das nosas xentes. Pero con ollos recén abertos, con palabras de hoxe, con fórmulas novas en canto ó enfoque cordial e a perspectiva psicolóxica".

Nese ano ademais aparecía na Coruña o famoso panfleto contra o galego que dicía: “Hable bien. Sea patriota. No sea bárbaro. Es de cumplido caballero que Vd. Hable nuestro idioma oficial o sea el castellano. Es ser patriota”. O texto estaba impreso no sindicato vertical da Coruña e foi comentado con duras palabras dende América, sobre todo na revista de Seoane, Galicia Emigrante.




Dobre moral.
Pan por Pan 18 febreiro


Foi noticia en Italia a polémica entre Silvio Berlusconi, o expresidente, e a súa dona, que, movida polos celos, lle fixo recriminacións públicas dende os xornais. Hai uns días o executivo italiano aprobaba a Lei de parellas de feito, que outorga dereitos tanto a homosexuais como a heterosexuais, e encontrábase coa oposición radical dos políticos de dereitas. Pero os que máis protestan, como o ultra Umberto Bossi ou Berlusconi, teñen outras actitudes nas súas vidas privadas. Os dous divorciados, tiveron relacións extraconxugais coas que hoxe son as súas mulleres, con varios fillos en casa caso froito desa relación adúltera. Datos estes ocultados, cómo non, nas súas biografías oficiais. Malia iso, acusan con ferocidade á esquerda de querer destruír a Familia. Por certo, os líderes da esquerda, como Prodi, D’Alema e o comunista Bertinotti, si teñen matrimonios exemplares.
(Imaxe: "Espido feminino", de Egon Schiele, 1910).

17 feb 2007

Amigos que escriben, amigos que opinan...

En Faro de Vigo, Xosé Luís Méndez Ferrín inicia unha nova sección no caderno dos sábados, rematada xa a súa entrega sobre os Apelidos Galegos. Titúlase "No fondo dos espellos", unha páxina enteira, e a primeira achega vai dedicada a Alexandre Finisterre (Aquí en PDF).

Pola súa banda, o contertulio Xosé M. González reflexiona, dende o seu habitual espazo en Xornal.com, sobre a inflación de polígonos industriais e residencias da Terceira Idade no noso país. Eu xa dei alí a miña opinión: hai outra industria tan poderosa como estas. Que pobo de mediana entidade se resigna a non ter un flamante Tanatorio?
Nunha cafetería do centro de Auria

Estou tomando unha caña de cervexa nunha cafetería do centro de Ourense. Moi perto fan tertulia diaria un grupo de políticos, todos antigos altos cargos do Partido Popular (mesmo exparlamentarios), afíns ó que se chamaba o sector democráta-cristián do PP. Falan do caso de Gondomar e da corrupción: "Xa hai que ser burros deixarse coller desa maneira...". Un deles propón que os concellais non poidan conceder esas licencias, que para iso está o alcalde. Outro di: "Yo estoy convencido de que con la democracia se favorece mucho la corrupción. En tiempos de Franco nada de esto pasaba". Os demáis amosan o seu asentimento...

Xoán Manuel Casado (e II)

Andoliña 17 febreiro

Di Xesús González Gómez, no estudo que abre o volume de Xoán M. Casado Crónica personal. Poesía completa (1973-2002), que a súa obra poética foi a dun out-sider, sempre por libre e máis influído pola poesía dalgúns poetas da Cataluña do seu tempo que polos seus homólogos galegos daquela hora. Basilio Losada engade que foi a súa unha poesía de experiencias, unha poesía de vida, "dos que, entre a poesía e a vida, optaron, de maneira case feroz pola vida". Camilo Valdehorras fala de biografismo elexíaco e pseudo-confesionalismo irónico no poeta caldelao, aínda que nacido en Barcelona.
Son riscos críticos útiles para asolagarse no mundo lírico de Xoán M. Casado, que amplía as súas perspectivas coa descuberta de versos de intenso alento erótico e paixón amorosa (no libro inédito Parcialidade dos corpos) ou na presenza dunha densa autobiografía lírica no caderno Crónica personal, escrito nos 80, que achega plurais faíscas de toda unha xenealoxía familiar e unha mesta xeografía emocional: o avó materno monárquico que loitou coa República, as películas da infancia, as cancións catalás no colexio, os ecos de Brel e Atahualpa Yupanqui. Fusión íntima, en suma, de poesía e biografía.

16 feb 2007



XERACIóNS / POR LUIS GONZáLEZ TOSAR

(Dende O levantador de minas, encontro este artigo de Luís González Tosar, publicado en El Ideal Gallego, que lembra as orixes da revista Dorna. E paréceme oportuno traelo aquí tamén).

Tardiña de outono do ano 1980 na Rúa Nova de Santiago, diante da galería Sargadelos, un grupo de mozos e mozas, que andan ás voltas cunha idea fixa; sacar unha revista de poesía, agardan polo poeta Salvador García-Bodaño.
Eusebio Lorenzo Baleirón, David Pérez Iglesias, Miguel Bugallo, Henrique Monteagudo, Xosé Antón L. Dobao, Xiao Roel, Fina Fontes, Suso Otero Molanes, Ramiro Fonte e Lois R. Andrade escoitan a García-Bodaño falar, con emoción, dun escritor de noso que fora emigrado en Colombia.
Un poeta que foi colega do pintor Urbano Lugrís, artista total, e un grande símbolo da bohemia. Salvador le, alí mesmo, uns anacos da carta que acaba de recibir, na que Avilés de Taramancos lle anuncia ao amigo, entre outras cousas, a intención de voltar a Galicia.
Pasan catro anos. Nun piso vello da Algalia de Abaixo, esquina Calexón dos Troques, tamén na cidade de Compostela, traballan, dirixidos por Xurxo Fernández, maquetando a séptima entega de Dorna, abril de 1984, algúns daqueles mozos.
As colaboracións de maior ringo-rango que teñen son: un poema inédito de Xosé María Díaz Castro e outro texto, sen publicar, do de Taramancos. O propio Avilés, na súa Taberna Típica, en Noia, entregáralles o "Primeiro canto Caucano". Longo poema en catro tempos que non era a súa primeira colaboración na revista, porque xa lles anticipara, para Dorna seis, "Os elementos do desastre ou o canto do vello capitán Pablo de Rokha morto no exilio", asinado por Ulises Fingal.
Rematando a lembranza da "xeración Dorna" leo as declaracións do novelista Santiago Jaureguizar, que gaba a "xeración do peixes". Novísimos autores "próximos ao que pasa en Europa e nos Estados Unidos... Aos que non lles interesa para nada a literatura galega nin a coñecen moi ben".
E digo eu, que carallo fan escribindo en galego?


Ó mellor ata sobran os meteorólogos...
Segundo esta imaxe que me manda un amigo, ó mellor ata sobran os meteorólogos. As cousas son tan sinxelas como indica o cartel, supoño que procedente de terras portugueses: se non se ve a pedr, hai nevoeiro; se se balancea, é que hai vento, e se a pedra non está, debe haber un tornado en marcha. (E que conste que non teño nada contra tan ilustre gremio: aínda máis, durante varios meses, o meu primeiro traballo remunerado, xunto coa miña muller e outra parella amiga, foi atender as medicións da Estación de Meteoroloxía de Ourense, na Granxa da Deputación, o que nos obrigaba a estar aló creo que ás 7 (ou 7,30?) da mañá para tomar as notas pertinentes e describir as nubes do día. E tiña o seu aquel tal compromiso...).

Xoán Manuel Casado (I)
Andoliña 16 febreiro

Citado sempre como narrador, Xoán Manuel Casado, nacido e falecido en Barcelona (1949-2002), foi tamén poeta, autor de catro libros publicados en vida e varios inéditos agora recuperados. Porque o conxunto da súa poética chega agora ós lectores da man do PEN Clube galego na colección Arte de Trobar, en edición introducida por Xesús González Gómez e cun limiar de Basilio Losada. Este último fala de Xoán Manuel Casado como un autor "raro", que concentrou as súas entregas poéticas en moi poucos anos e que foi quen de conducirse libre á marxe das modas e tendencias dominantes en cada época.

É esta, pois, unha ocasión excepcional para reencontrarse, nos versos do fillo de Manuel Casado Nieto, coas néboas de Auria e os centeos de Castro Caldelas; coa memoria do Tío Vicente, Risco dos seus papeis, e coas sombras dos grandes escritores amados, de Alberti a Machado, de Blanco Amor e Celso Emilio a Seoane e Lorenzo Varela exiliados. Dominou Xoán Manuel Casado o rexistro elexíaco (tamén o seu pai) e mesmo a laparada do poema breve, de forte intensidade emocional, velaí: "O vento vai marmurando/ dende o val deica os picoutos./ O vento non ten historia: / conta as historias dos outros".

15 feb 2007

Revista das Letras
A Revista das Letras do xornal Galicia Hoxe dedícalle un monográfico á figura de Alejandro Finisterre.

O rabioso clima político
(Andoliña 15 febreiro)

"Felipe, cabrón, vuelve": Este é o texto dunha pintada en Madrid nestes días, segundo nos contaba hai pouco Benjamín Prado nuns encontros literarios en Ourense. Para denigrar a Zapatero, mesmo serve chorar polo outrora demonizado Felipe González. O nivel de crispación política sobe de día en día e moitos sentimos xa nostalxia da dereita civilizada dos tempos de Adolfo Suárez e Landelino Lavilla.

En política non pode valer todo e por iso foi valente e pedagóxico o aceno do humorista catalán Andreu Buenafuente ó negarse a recoller un premio ó carón de Federico Jiménez Losantos, expoñente dun xeito de xornalismo que nin sequera merece ese nome.

Nunca vivimos, nas últimas décadas, un odio guerracivilista como o que hoxe sementan certos medios de comunicación e líderes políticos. Basta ver algunhas manifestacións coa estética dos tempos da Praza de Oriente e os berros de "Zapatero, al hoyo con tu abuelo": estilo xenuíno das camisas azuis e dos Guerrilleiros de Cristo Rei.

E, para rematar, o historiador Dionisio Pereira denunciado por un traballo sobre a guerra civil: algúns non queren renunciar a esa tradición, a nacida no 36, na que se senten, é obvio, ben cómodos. (A imaxe é de F.Picabia, para compensar un pouco o amargor do artigo)

14 feb 2007

Unha excelente iniciativa, que debeu ser posta en marcha xa hai moito tempo...

A WEB PRETENDE FACILITAR O USO E A APRENDIZAXE DA LINGUA
Política Lingüística pon na rede unha páxina con información e recursos sobre o galego [14/02/2007 18:16]
A secretaría xeral de Política Lingüística puxo na rede o espazo www.xunta.es/linguagalega/, no que se ofrecen material e información sobre a nosa lingua. Divídese en tres apartados: Política lingüística, que achega novas, lexislación, trámites e información sobre os servizos do departamento. O segundo bloque, Vivir en galego, presenta datos acerca da situación da lingua e ferramentas para facilitar e fomentar o seu uso correcto. Por último, Aprender galego recolle todas as campañas e recursos que puxo en marcha para a aprendizaxe da nosa lingua.
(De www.vieiros.com)

ELEGÍA

Morir serenamente como nunca he vivido

y ver pasar los coches como en una pantalla

y las canciones lentas de Nat King Cole

un saxofón un piano los atardeceres en las terrazas bajo los parasoles

esta vida que nunca llegué a interpretar

el viento en los pasillos las ventanas abiertas todo es blanco como en una clínica

todo disuelto como una cápsula de cianuro en la oscuridad.

Se proyectan diapositivas con mi historia

entre el pesado olor del cloroformo.

Bajo la niebla del quirófano extrañas aves de colores anidan

Pere Gimferrer, "Extraña fruta y otros poemas" 1968 - 1969
(A imaxe é "Paxaro e gato" de Paul Klee, 1928. Dedicada, cómo non!, a Jimmy de Rairo).

Fantasía de poetas, de Víctor Freixanes
("Vento nas velas", La Voz de Galicia, 13-2-07, sobre Cunqueiro e a gastronomía. Imaxe de F.Picabia)

Nunha reunión de especialistas en turismo e gastronomía celebrada hai poucas semanas en Madrid, un dos presentes cita a Cunqueiro para exemplificar o que aquí máis dunha vez temos denominado valor engadido da cultura. A cociña e a hostalería gastronómica galegas débenllo todo a don Álvaro, e un pouco a Xosé María Castroviejo, segundo a opinión do poñente, se acaso con algunha conexión catalá (Néstor Luján) e pouco máis. E cita un exemplo: ¿que demanda tiña o rodaballo nos restaurantes hai trinta ou corenta anos? ¡O rodaballo é un invento de Cunqueiro, que polos anos 60 empezou a identificalo co apelativo fantástico de «o faisán do mar»! Non sei se tales afirmacións poden ser defendidas con tanto atrevemento. En calquera caso, sempre pensei que o primeiro ser humano que comeu unha centola era un desesperado. O resto fixérono os poetas. Escoiteille, efectivamente, a don Álvaro falar do zanco dereito da pita do monte, máis sabedeiro e rendible ca o zanco esquerdo. ¿Por que? Porque a tal ave, en chegado o tempo de namorar, apóiase para emitir o seu canto nese zanco, non no outro, que dese xeito medra máis rexo e mellor osixenado. O prezo do zanco dereito no prato é, xa que logo, dobre ou triplo ca o prezo do zanco esquerdo. Hai máis. Segundo o autor do Merlín , o mellor viño do Ribeiro bebíase nas tascas de Compostela porque as badaladas nocturnas da Berenguela remexían os vellos caldos nas pipas, o que provocaba neles unha segunda e prodixiosa fermentación que os facía exquisitos, irrepetibles. Fina Casalderrei andou medio mundo detrás dunha empanada de papuxas, disque tradicional en Mondoñedo, que Cunqueiro documentaba no sur de Francia, entre invencións e erudicións varias. ¿E que dicir do famosísimo «chuletón de Moaña»? Os restaurantes de Madrid ofréceno a prezo de tarxeta Ouro. Segundo Cunqueiro, o segredo está no primeiro raiolar do sol, cando o nacente bate naquelas caeiras do Morrazo e aloumiña o orballo da mañá. Non hai mellor carne, nin máis luminosa nin máis agradecida ca das xovencas de Moaña (non Moraña), aínda que en Moaña non haxa nin houbese nunca produción de xovencas, nin xatos, nin novelas, nin vitelas, nin vacas novas ou vellas para tales mesteres, e si moi bo camarón, excelente ameixa e estupendos salmonetes. Non pense o lector que estou a descualificar nada. Todo o contrario. A ollada do poeta alumea o común do mundo e convérteo en extraordinario, o que equivale a dicir, en termos de mercado, en máis apetecible, máis singular (con identidade), máis cotizado e máis valorado. ¡Poñamos a traballar aos poetas! Un albariño (outro invento mediático de Cunqueiro) é un viño branco, mellor ou peor comercializado. Se lle poñemos detrás o Camiño de Santiago, a luz de Occidente, a paisaxe das rías, as cantigas de Martín Codax e o románico, os ollos dunha rapaza nova e un país moderno, transfórmase nun activo económico, nun universo autónomo.

13 feb 2007


Memoria de poeta, de Xosé María Álvarez Cáccamo


Por recomendación de varios contertulios desta solaina, estou a ler a Memoria de poeta, de Xosé María Álvarez Cáccamo, publicada hai uns meses por Galaxia. O que levo lido gustoume bastante. Supoño que o máis difícil nun texto destas características é encontrar o rexistro axeitado de voz: esa voz capaz de rachar o pudor (neste caso dun poeta de 57 anos, en plena madureza vital), pero que sexa quen tamén de fuxir do engolamento e da pedantería máis gratuíta. Creo que o Pepe Cáccamo o conseguiu bastante ben e é capaz de prender no lector, que segue con interese e certa empatía o seu percorrido vital. Habería moitas cousas que comentar: p.ex., ese desagradable primeiro encontro con Blanco Amor, cando o novelista aproveita para botarlle en cara a postura do seu pai no xurado que lle negou o premio a Xente ao lonxe. Debeu ser un momento ben difícil e inxusto EBA descargando sobre o fillo o que era unha lexítima opción estética de Xosé María Álvarez Blázquez. Por certo, non sabía que o autobiografiado dera clases no Instituto da Ponte nos cursos 77-78 e 78-79: dous anos antes estaba eu alí a facer o COU, con María do Carme Enríquez Salido como profesora, entre moitos outros.


Para os que aínda non a coñezan, deixo aquí unha brevísima cita desta Memoria de poeta, centrada nunha data clave da historia de España, cando o galeguismo se axuntaba en Rianxo para inaugurar un busto a Castelao:


No alborecer do día 27 de setembro de 1975 morreron fusilados dous militantes de ETA, Juan Paredes Manot, Txiqui e Ángel Otaegui, e tres do FRAP, Ramón García Sanz, José Luís Sánchez Bravo e o meu amigo Xosé Humberto Baena Alonso. O xuízo militar ao que foran sometidos non tivo nada que envexar aos procedementos ilegais utilizados polos golpistas do 36 para eliminar aos inimigos do réxime de Franco, defensores activos da República ou habitantes naturais daquela cultura democrática. O ditador botaban man, máis unha vez, ao recurso da pena de morte para manter firme e nas súas mans o sistema de terror que lle permitira conservar o poder absoluto durante corenta anos. O xeneral preagónico non quixo escoltar o berro universal da razón, as peticións de clemencia que chegaban de todos os recantos do mundo. A mediodía do 27, mentres asistiamos Maricarmen e eu á inauguración dun busto de Castelao erixido en Rianxol, non podía afastar de min o rostro mozo de Xosé Humberto Baena, os seus ollos claros e agudos, o seu entusiasmo de loitador. Entre os congregados no acto espallouse a proposta de adialo en sinal de protesta. Pero, finalmente, puido máis a inercia ritual ou a forza do medo. E alí ficou a cabeza de Daniel Alfonso Rodríguez Castelao a ollar desde o pasado da súa propia morte no exilio un horizonte de miseria política incalculábel, corenta anos que aquela ollada non conseguiu albiscar. Corenta anos afastan o asasinato de Bóveda do de Baena e foi a mesma man a que sinalou ambos obxectivos, a man de Franco.


E, se lles apetece conversar sobre este tema, gustaríame saber qué libros de memorias (da cultura galega e tamén da española e doutras) lles parecen os máis interesantes e auténticos entre os que teñan lido vostedes. A ver se hai coincidencias entre os contertulios...
Unha denuncia do historiador Dionisio Pereira
A familia (residente en Pontevedra) do antigo alcalde de Cerdedo (dende 1950) e xefe local de Falange nos días que seguiron ao golpe militar, Manuel Gutiérrez Torres, familia que tamén está emparentada con outro falanxista de primeira hora, Francisco Nieto, tenme presentado unha demanda de conciliación que se verá o día 15 de febreiro ás 11h no Xulgado de Paz de Cerdedo, por publicar no libro "A IIª República e a Represión franquista no Concello de Cerdedo" editado en 2006 por "Verbo Xido" a seguinte frase: "Persoas sinaladas pola súa presunta participación en diversas manifestacións da represión: Angel, Luis e Manuel Gutiérrez Torres (xefe da Falange, alcalde de Cerdedo nos anos 40 e 50), Eligio e Francisco Nieto (falanxistas)...." Tamén o fan por unha frase semellante publicada no meu traballo incluído nas Actas do Congreso da Memoria celebrado en Narón en decembro de 2003. Esixen que me retracte, que publique esa retractación nos mesmos medios nos que foron escritas as frases devanditas e que acepte unha indemnización polos danos e perxuízos sufridos, "en la cuantía que se determinará en el momento procesal oportuno". Como é evidente, eu nin podo nin quero retractarme, posto que esas persoas foron sinaladas por numerosas fontes orais como participantes nunha represión na que se pasearon a 7 veciños, houbo malleiras, multas, roubos, detencións e humillacións se taxa, etc. etc. Non podo, pois, por que non podo faltar á verdade, e porque tamén está en xogo a dignidade das vítimas. O problema é que só teño fontes orais, posto que como sabedes, os paseos, as malleiras, os roubos, etc. non teñen a penas referencias documentais (só en casos moi excepcionais) e ficaron impunes. Ademáis, eu non utilizarei nunca as miñas fontes orais como testemuñas nun xuízo, porque non podo implicar nesa situación tan desagradable a persoas de máis de 80 anos, que confiaron en min e que xa saben o que foi a represión fascista porque aturaron con ela na súa mocidade. Algúns, ademáis, son familiares directos dos asasinados. En conclusión, está en xogo a liberdade de expresión e o mantemento "per secula seculorum" da impunidade dos agresores, asumida hoxendía polos seus descendentes. A maiores, aqueles que se beneficiaron do franquismo, pretenden seguir facéndoo en retrospectiva. Entendo, pois, que isto sobarda a cuestión persoal, e debera ser tomado en conta xunto con outros "incidentes" similares que están a acontecer (no Grove e en Cambados, por exemplo), por todas aquelas persoas e entidades que vimos traballando na recuperación da memoria da represión franquista, e, se é posíbel, darlles unha resposta colectiva. Por algunhas informacións, me consta que a familia en cuestión tivo presións externas, non sei de quén, pero posibelmente de círculos da dereita, para presentar a demanda. Polo tanto, se temos en conta as ameazas que comezan a proliferar, podemos estar no comezo dunha estratexia para cortar as actividades de historiadores e colectivos debruzados nesta temática, aproveitando os innegables trazos conservadores (por utilizar unha expresión suave) do aparato xudicial: daqueles polvos da Transición, veñen estes lodos. Podedes facer uso desta información da maneira que creas máis convinte. Envíovos tamén un comunicado que fixo a directiva da asociación "Verbo Xido" por se queredes adheriros: trataríase de envialo rápidamente á prensa co maior apoio posíbel de colectivos e persoas. En calquera caso, nós estamos polo labor de facer algo conxuntamente. Outra cousa: o domingo 18 a partir das 12h ate as 17 h. a Asociación de Mulleres "Espadela" celebra no Pavillón de Deportes Municipal a VIIª Festa da Vincha. Pois ben, convidaron a "Verbo Xido" a que puxeramos un posto de libros de autores da bisbarra; daquela, aproveitando o convite, imos facer unha venda masiva do libro en cuestión. Como pode haber rexeites por parte dalgún elemento montaraz da potente dereita local, estamos facendo un chamamento aos amig@s e correlixionari@s a que nos fagan unha visita, tomen un viño, proben a vincha, e nos arroupen coa súa presenza e impidan que haxa ningunha saída de tono dos carcas. Así que xa sabedes, se vos animades a vir pola montaña..... E máis nada. A ver en que queda todo isto. Saúde Dionísio Pereira

Tomando postura: a terceira vía (Afonso Monxardín)


Moitos debates cíclicos indican que hai cuestións irresolubles por seren as ideas da humanidade plurais. Unha das cuestións eternas en Galicia é a superioridade da cachucha ou do lacón á hora do cocido, pero como saben, acaba case sempre por imporse o consenso e van ambos coaligados ao fondo da pota. Hai uns meses asistín a unha destas discusións. Os presentes, a maioría do partido pro-cachucha, teimaban no vello argumento de ser o lacón seco de máis, pero xurdiu unha voz -terceira vía- a favor da preferencia do dente sobre a propia cachucha. (Para os pouco iniciados na porcofaxia -suidofaxia sería pedantería- indicarei que en Ourense cachucha é a parte superior da cara do porco, con perdón, da boca para riba, afumada e salgada; e dente a mandíbula inferior, sometida a proceso semellante de momificación).
Fronte aos cachucheiros o partidario do dente argüía que se ben carecía de óso molar tiña unha febra ben saborosa e era moito máis fácil de preparar. Como saben, a limpeza da cachucha é complicada por mor dos osiños emigallados e dos pelos, especialmente das orellas e máis inda se o marrán defunto é de idade provecta... E non lles falo do cheiro do cerume cando un anda co lume furgando nas orellas do finado. Pola contra, ao seren os marráns, con perdón, bastante lampiños, o dente vén lisiño como o cu dun bebé, e así, a preparación é máis doada. Convencido, probei. Fíxeno xa catro veces e aliñeime como simpatizante do partido pro-dente. Paso a darlles a receita.
Colla o dente na tenda do barrio, quéimelle os poucos pelos cun algodón e alcohol, láveo a conciencia, rañe ben cun coitelo, póñao a desalgar con auga e unha folla de loureiro tres días cambiándolle a auga con frecuencia, cózao para aí unhas dúas horas na ola exprés, sáqueo aínda quente, tírelle un pouco -pouco- do exceso de lardo rancio, enfronte os dous segmentos coas partes de adiante e atrás, envólvao nun trapo limpo e ate o superchourizo resultante cun cordel apertado. Déixeo arrefriar e métao logo na neveira para que consolide a fusión fría. Ao día seguinte, desenvurulle e corte talladas finiñas a medida que as precise. Riquísimo. Aguanta o que vostede aguante, que será pouco... se é que é de bo dente.

Finisterre.

Creo que foi este xornal o primeiro en informar da morte de Alejandro Finisterre e iso tivo que ver coa nova que colgou o sábado no seu blog o amigo Modesto Fraga. Onte xa falei do poeta e editor fisterrán, amigo e albacea de León Felipe. Quero engadir algo máis: a súa produción poética comeza en 1936 coa obra “Cantos quintos”, á que seguiron “Cantos Esclavos. Versos de buen y mal humor” e varios libros máis dende aquela. Ediciones Libertarias publicou en 1992 a antoloxía “Cantos Rodados”. Nela está este poema titulado “Soy de la mar”: “Sí, son hermosas/ las rosas/ y es el gusano mi hermano./ Pero amo más las algas que las rosas/ y al pez más que al gusano./ Soy de la mar./ Cuando vaya a dar a Luz/ echadme a la mar:/ quiero dar a luz/ estrellas de mar./ Soy de Finisterre, soy marino: / echadme a la mar en submarino/ de pino/ de Finisterre (sin pintar)./ Soy de la mar”.

(Pan por Pan, La Región, 13 febreiro. A imaxe é de Salvador Dalí)

12 feb 2007


Máis sobre Alexandre Finisterre
Esculcando por aquí e acolá, encontrei algúns materiais sobre A.Finisterre, que quizais interesen ós meus lectores/as. Por exemplo, na rede, hai un traballo (en PDF) de Carme Blanco Ramos, titulado "Conversa con Alexandre Finisterre" e publicado na revista Madrygal, da Complutense de Madrid (2000).
E remexendo o meu arquivo particular, encontrei a Finisterre entre os poetas emigrados e exiliados en América (ademais de Seoane, Varela e Pita, nomes máis esquecidos como Alberto Vilanova, Manuel Prieto Marcos, Carlos Penelas, J. Vázquez Gayoso, Xosé Conde ou Eduardo G. Ananín, este residente hoxe en Ourense). E sobre Finisterre hai un amplo e rigoroso estudo de ANTÓN CAPELÁN, "Alexandre Finisterre, poeta e editor esquecido", publicado en A Nosa Terra, 3 xuño 1993. Deste último traballo vou reproducir un anaquiño sobre a poesía máis satírica e revoltosa do fisterrán, da etapa de Felipe González no poder (agardo que non se me enfaden Leituga e outros lectores socialistas):
"Pero dominando toda a creación poética de Alexandre Finisterre están un humor desmitificador e un constante xogo e manipulación do signo lingüístico, particularmente perceptible na serie de poemas satíricos da década socialista con que se abre Cantos rodados. O texto titulado “Felinillo” constitúe un bo exemplo desta faceta da súa poesía:

Feli pillo:
Fet li pillo
Feli putsch- Suresnes pillo
Feli fliks(malesas pillo:
Feli shaffs/filesas pillo:
Feli cinisneros pillo:
Feli shori-guerras pillo:
Feli three-solanas pillo:
Feli gal/corcueras pillo:
Feli cara Turas pillo:
Feli putifules pillo:
Feli willy-olleros pillo:
Feli timo/timesports-
Rub/ibercops pillo:

Feli Flic-Mordazas:
Felipillo
Falso y pillo.

¡Malage
Felipillaje!

Feli felino
Canino:
Feli felón
Guernicabrón.

(En “Cantos Rodados”, Libertarias, Madrid, 1992).
"