10 ene 2009

Outra visita (dos meus alumnos/as)

O xoves pasado viñeron visitarme varios exalumnos do IES A Carballeira. Todos moi boa xente: Laura Blanco, Ada Ndong, Luís Jesús Iglesias, Fátima e Adrián Laso. Laura anda por Lleida facendo Medicina e xa responde en catalán nos exames. Ada estuda Terapia Ocupacional en Burgos. As dúas, boas estudantes, están contentas e teñen unha vida por diante chea de potencialidades. Como a teñen Jesús, Adrián e Fátima que seguen na Carballeira e agardo que este ano conxuguen a sorte e os esforzos necesarios para rematar o 2º de Bacharelato.
Foi unha xornada moi agradable, lembrando anécdotas e amigos comúns. Contáronme que en Historia o amigo Xabier López lles mandou ler a miña Historia de Ourense, agradezo o xesto.


Como por este blog veñen de cando en vez compañeiros profesores/as, aproveito para dicirlles que estes mozos/as son unha xoia, falo sobre todo do plano humano, e que lles boten unha man nas avaliacións (e non ó pescozo). E para corresponder ós agasallos que me trouxeron, eu só podo agasallalos agora con este fermosísimo poema que José Agustín Goytisolo escribiu para a súa filla Julia. Que o lean como un mantra oriental nos momentos difíciles:

Hija mía es mejor vivir
Con la alegría de los hombres
Que llorar ante el muro ciego.

Te sentirás acorralada
Te sentirás perdida o sola
Tal vez querrás no haber nacido.

Un hombre solo una mujer
Así tomados de uno en uno
Son como polvo no son nada.

Tu destino está en los demás
Tu futuro es tu propia vida
Tu dignidad es la de todos.

Otros esperan que resistas
Que les ayude tu alegría
Tu canción entre sus canciones

Nunca te entregues ni te apartes
Junto al camino nunca digas
No puedo más y aquí me quedo.

La vida es bella tú verás
Como a pesar de los pesares
Tendrás amor, tendrás amigos.

Perdóname no sé decirte
Nada más pero tú comprende
Que yo aún estoy en el camino.
Hai moitos mundos (vía Carlos F. Varela)

Parécenme unhas fotografías moi boas e unha reportaxe aínda mellor. Ten moitas utilidades educativas: dá a coñecer outros mundos mundos, sitúa o noso nun contexto tantas veces ignorado e, en fin, pode promover variadas reflexións e valores positivos. Tamén serve para aprender inglés. Mágoa que co meu limitadísimo inglés só dea pillado un pouco do que din os protagonistas(cunha magnífica dicción), que presentan as súas vidas e fogares. Non deixes de picar e probalo.
Trátase da páxina http://www.theplaceswelive.com/, que hoxe recomendavisitar o suplemento Ciberpaís do diario El País.Unha aperta.

Un libro moi recomendable
(eu téñoo nunha vella edición de Plaza Janés)

Yourcenar abre os ollos.
M.MONTIEL/EFE. Galicia Hoxe 10-1-09.
Considerada a gran dama das letras francesas, Marguerite Yourcenar alcanzou o éxito editorial con Memorias de Adriano, pero foi unha gran descoñecida ata que abriu o seu pensamento ao xornalista Matthieu Galey, nunha serie de entrevistas que deron como resultado o libro Cos ollos abertos, que vén agora de publicarse coa editorial Plataforma e onde se recompila a esencia do pensamento de Yourcenar a través das preguntas que Galey, lle foi facendo ao longo do tempo e en diferentes momentos.
Así, a primeira muller que entrou na Academia francesa, aparece espida neste libro a súa alma e o seu pensamento, mediante conversas e longos monólogos, para falar, entre outras cousas, da súa escritura e dos seus autores favoritos, ou da importancia de Adriano.
Tamén reflexiona sobre a súa infancia, o feminismo, o medio, o amor aos animais, a relixión, o racismo, o aborto ou a política, ou sobre o complexo de vivir. ­Toda unha lección de vida impartida por esta autora complexa e sen prexuízos e que aseguraba que lle gustaría chegar á morte "cos ollos abertos", entendidos como "con pleno coñecemento da experiencia".
Antón Baamonde
Hai un par de meses o amigo Antón Baamonde estreou blog en O Café na Trincheira.
Di, como sempre, cousas sensatas. Velaí:

Vaia por diante que me conto entre aqueles que son favorables á existencia do estado de Israel e que xulgan que a existencia dese estado constitúe unha salvagarda para o pobo xudeu: para que non se repita a shoah e o exterminio. Pero a invocación do propio sufrimento acumulado non xustifica o sufrimento causado a vítimas inocentes, que foron desposuídas da súa terra, obrigadas a escoller entre o exilio ou a submisión aos seus novos amos. Só haberá paz en Oriente próximo se Palestina e Israel se recoñecen o un ao outro. Dous estados en Harmonía. Esa é a utopía sen a que veremos a guerra sucederse xeración tras xeración.
Pero non é esta a visión que alimenta hoxe Israel. O que busca o estado xudeu é mostrar a súa supremacía absoluta, demostrar que a derrota que lle foi infrinxida no Líbano por Hezbolá non tornará a suceder. O que Israel busca a través do exercicio do terror indiscriminado é mostrarlle aos palestinos que non teñen máis camiño que someterse aos seus ditados dunha vez e para sempre. É unha visión totalitaria que eles adornan co prestixio do realismo político.
O ollo cuadrado
Afonso Vázquez-Monxardín
La Región 10-01-2009

Non lles é cousa de filosofía budista ou orientalizante, nin sequera unha evolución máis alá do triángulo co ollo que representa ao deus dos cristiáns.
É só unha lembranza de paseo vagantío de mañá de primeiro de xaneiro ao pé do río, dunha tolada que chegou a figurar nos papeis, ser debuxada e pintada, e felizmente, nunca executada. Non lles minto, que está publicada polo Ministerio de Obras Públicas ou como se chamase no momento, contra 1972, nun libro propagandístico a toda cor sobre as vías de penetración comunmente chamadas logo e dunha forma máis respectuosa para nós, accesos a Galicia. A pintura -logo virían as infografías que non se distinguen case da realidade- aparece a dobre páxina e toda cor. Meu pai ten o libro.
Pois xa naquel deseño inicial para conectar a nova ponte do Ribeiriño -e o tráfico de Madrid-Vigo- coas estradas de Ponferrada e Monforte, estaba planificada a vía que vai hoxe a carón do río e que supón unha navallada á conexión da cidade dos humanos co río das persoas e dos peixes.
Por certo non sei se sería técnicamente posible enterrala, como as vías que circulan a carón do Sena, polo menos en parte para estender o parque Miño ata o pé do río, pero ese é outro conto.
Naquel bosquexo inicial, que debería ter os seus valedores porque tomara ese estado superior de libro, figuraba a disparatadísima idea de desfacer a ponte romana na súa parte de Ourense e reedificala convertindo o ollo redondo por onde pasa hoxe a tal vía, nun ollo cuadrado moito máis ancho.O sentido común dos técnicos ourensáns que tiñan algo que ver co choio, e supoño que tamén dos políticos da cidade do momento, impediu o desaguisado sen necesidade de mobilización cidadá nin farrapo de gaita, pois efectuouse un oportuno aborto terapéutico da idea en fase preembrionaria. Hoxe, por sorte, é só unha imaxe para a antoloxía do disparate. Estou seguro que se publicase este artigo e a foto o día 28 de decembro, todos pensarían que se trataba dunha inocentada. Pero non. Ás veces triunfa o sentido común, sen nós sabelo.

Ribadelago
pan por pan 10-1-09
Foto de Mauro A. Fuentes

A pouco máis de hora e pico da nosa cidade, xa na provincia de Zamora, os galegos temos moi perto unha marabilla natural que moitos aínda non coñecen: o fermosísimo lago de Sanabria e toda a súa contorna natural. Cantos paseos teño eu dado por eses lugares! Onte cumpríronse 50 anos da catástrofe de Ribadelago Vello: o 9 de xaneiro de 1959 o pobo de Ribadelago foi arrasado por oito millóns de metros cúbicos de auga procedentes da rotura da presa de Vega de Tera. A construción da presa tiña deficiencias que anunciaban o que logo veu. Dos cincocentos habitantes do pobo morreron 144, pero só se recuperaron 28 cor pos. Morreron familias completas e os buzos non tiñan medios para rescatar os corpos do fondo do lago. A prensa falou pouco do suceso, como doutras grandes traxedias do franquismo. O ditador acudiu logo, iso si, a inaugurar un novo pobo que se chamou, qué cousa curiosa, Ribadelago de Franco.