11 jul 2008

A mesa cósmica de Piñeiro e o HAL de Kubrick
MANUEL RIVAS 11/07/2008 (El País)


O artigo completo

Roda de opinións sobre R. Piñeiro, recollida por D. Salgado (A.Baamonde, H. Monteagudo, L.Álvarez Pousa, etc.)

E que cousa o piñeirismo? Ese home en loita co "ambiente cósmico", que viaxaba no espazo-tempo, que fixo da mesa de braseiro unha supercomputadora, era tamén un paradigma de realismo. Piñeiro tiña dúas conexións, en realidade complementarias. O ollar cósmico e o principio de realidade. Nel habitaban o día, a noite e máis a aurora. Coñeceu a aurora na adolescencia e nun período moi breve, o da esperanza galeguista e republicana. Despois caeu a noite e coñeceu a clandestinidade nos anos máis crueis da ditadura. Foi, pois, un resistente, que acabou na cadea cando era sinónimo de morte. Ao saír do cárcere, talvez viviu o máis dramático dilema. Proseguir a resistencia política directa ou tentar resistir por medio do que chamou a tarefa cultural. Sempre ficará a dúbida de se foi atinada a decisión de aplicar a eutanasia ao Partido Galeguista, en doloroso enfrontamento cos exiliados.
O nome escollido para a operación cultural foi magnífico (Editorial Galaxia, outra vez o cósmico!) e o proxecto foi realizado co esforzo dun dos mellores equipos que tivo Galicia, nos que sobrevive polo menos un prometeo, Francisco Fernández del Riego.
O piñeirismo era unha ecuación simple: democracia + autonomía + europeísmo. E logo unha técnica, sobre todo unha técnica. O traballo coas elites. A sedución das elites. Hoxe toca pesar pan. Así que no balance positivo, dous intres históricos: O movemento contra o aldraxe da discriminación estatutaria e o acadar un consenso para a Lei de Normalización Lingüística, mesmo convencendo á dereita máis de a ceacú.
Don Ramón Piñeiro ter non tivo moitos medios. Viviu sempre de xeito humilde. O asombroso é que sempre tiña tempo. E sobre todo, tiña unha mesa cósmica.
Un artigo agardado: poden vosteder interpretar, se queren...

Á espera de Ramón Piñeiro, de Xosé L. Méndez Ferrín (FV. 11-7-08)

(...) Clamamos, xa moitos, porque a memoria histórica se exerza tamén sobre a Resistencia ao franquismo en todas as súas formas e sobre a represión sobre ela. A figura de Ramón Piñeiro está implicada nesa Resistencia e padeceu esa represión e compre saber (primeiro) en que consistiu a pecularidade de Piñeiro como axente efectivo galeguista contra o franquismo. Logo, a figura de Piñeiro servirá de referencia para falar de outros e de outras: de todos os que, de Alexandro Bóveda a Moncho Reboiras, se enfrentaron á monstruosidade histórica con honor. Penso que a Academia certou, como certa sempre, ao nomear a Ramón Piñeiro como personaxe central do próximo Días das Letras Galegas.
PROHIBIDO NACER E MORRER EN LOBEIRA, de Julio Medela (LR. 11-7-08)

Que se saiba, os membros da especie homo sapiens nacen, medran, reprodúcense (algúns) e todos, ao cabo, morren sen excepción. Tanto ten que sexan xestados en probeta, adoptados, porfillados, abandonados, desaparecidos, asasinados, deixados morrer á fame ou embalsamados.
Ben, isto sábeo todo o mundo. Mais en Lobeira estase a producir un fenómeno digno de estudo. Lembro un filme que falaba dunha paraxe de dificilísimo acceso, alá polo Himalaia (Shangri-La dicíanlle a aquel país) onde o persoal non envellecía; morrían por volta dos cento vinte anos. Mais isto non é nada comparado con Lobeira.
Aquí xa hai tempo que superamos o estigma da morte. A falta de tanatorio, si, asombrosamente certa, provoca a emigración post-mortem dos de Lobeira. E esa emigración desvirtúa ao cento por cento as consecuencias sociais do falecemento, pois a ritualidade do velorio só atinxe sentido completo cando se realiza “in situ”. Celebro a prohibición de velar un defunto no domicilio. Mais cada parroquia había ter un lugar axeitado para que os vivos puidesen, segundo a santa tradición, honrar os seus mortos, rezarlles, acompañar as familias, relacionarse, cohesionarse socialmente, reconciliarse, pedir e devolver favores, namorar, pasar o tempo, rexoubar, presumir, maldicir o goberno, vender unha motoserra…
Bande non é Lobeira. Ourense tamén non. E o transporte público, en Lobeira, tamén non existe. Mais todo ten unha segunda lectura. Se ben en Lobeira nos libramos da morte, tamén é certo que onda nós é prohibido nacer. O sr. Zapatero gañou as eleccións grazas á ineptitude da oposición e aos 2.500 euros de axuda á maternidade. (Remata en comentarios)

Ramón de Sismundi

De herba seca enchéronche a casa
-no sobrado arrecendo a mazás-.
E ti lonxe, rítmico ruxir da vasoira
do emigrante de lúas e cabalos:
contigo, Federico, no poema.

Aló na rúa Esmeralda esperta
lamacenta cor de Buenos Aires,
ás de querubín, ceo horizontal
en homenaxe á cruel melancolía:
contigo, Federico, no poema.

Reverdecido labio o do gaiteiro,
boca gris, escuridade maxestosa
mollándote nos versos do día,
acoitealada luz de conventillo:
contigo, Federico, no poema.

( “Ramón de Sismundi”, que ecoa entre Auria e Buenos Aires, é para Marcos Valcárcel)
ESTÚRDIGA MATERIA, de Luís González Tosar

(Como xa dixen, agradezo especialmente esta dedicatoria poética, que dialoga cun dos inmortais poemas galegos de Federico García Lorca. M.V.)

Tres Poetas.
Pan por Pan venres 11 xullo. Imaxe: Venus de Brassempouy.


Teño enriba da mesa tres poemarios de voces amigas pendentes de lectura. Comparto os seus títulos para que chegue a nova da saída destes libros a outras persoas. Dous deles son antoloxías dun longo período: “Lugar do canto”, publicado por Hipocampo Amigo, recolle unha ampla escolma bilingüe de Xesús Rábade Paredes entre os anos 1969 e 2007, presentado por Darío Xohán Cabana: nos primeiros poemas o Suso Rábade era aínda un mozo de vinte anos. Tamén recolle a súa obra lírica entre 1984 e o 2007 Miguel Anxo Fernán Vello, no volume “Astro interior”, publicado na colección Arte de Trobar do PEN Clube. E o presidente desa casa, o ourensán Luís González Tosar publica en Galaxia o seu último libro, “Estúrdiga materia”, en fermosa edición ilustrada por Quintana Martelo e con limiar de Ferrín: é de xustiza agradecerlle ó amigo Tosar a dedicatoria dun dos seus intensos poemas.