A ESCOLA E O IDIOMA DE NOSO
La Región 24 setembro (Imaxe: Muller fuxindo, de Genovés, da web de Ruedo Ibérico, cunha boa escolma de arte comprometida)
A escola desgaleguiza. A escola segue a ser un factor de desgaleguización fundamental na sociedade: debe haber un cento de estudos que o demostran, pero, por se iso non chegase, acaba de ratificalo o Consello Escolar de Galicia, a institución máis representativa do noso sistema educativo. O Consello Escolar insiste na necesidade de conseguir unha maior presenza do galego na incorporación dos nenos á lingua escrita, dado que, hoxe por hoxe, a relación entre galego e castelán segue a ser desproporcionada e desfavorable para o primeiro. Especialmente relevante debe ser esa galeguización nos niveis de educación infantil e educación primaria, porque son os que inician a cadea e é o momento en que moitos alumnos, no tránsito da familia á escola, deixan o galego, algúns deles quizais para sempre. En Galicia chegouse a un pacto razoable, hai poucos anos, plasmado no Plan de Normalización da Lingua aprobado polo Parlamento. Cando ese Plan empeza a levarse a cabo con iniciativas como as galescolas e outras un sector político do país recúa e ponse á contra. Saben que terán ó seu favor moitas voces ultraconservadoras, sobre todo nas portadas dalgúns xornais de Madrid. Pero non explicaron aínda por qué non serve agora o que si se vía como válido, cando menos no papel, en tempos do goberno Fraga. Tras esta reviravolta, teñen a obriga moral de explicitar as razóns da súa nova posición: ó cabo fan política nunha comunidade que se chama Galicia, habitada por seres libres e conscientes, que non necesitan seguir as consignas da prensa capitalina para situarse no mundo.
Do mal e do ben. Con maiúsculas ou con minúsculas: quizais o Mal e o Ben con maiúsculas estean construídos coas mesmas moléculas coas que fabricamos o mal e o ben de cadaquén e de cada día. Revisando os meus artigos deste mes vexo que, sen planificación previa ningunha, falei varias veces da profundidade do mal e tamén do demo e aínda dos santos. Agardo que non sexa unha consecuencia dese síndrome posvacacional que lle chaman. Xoán da Coba, asiduo lector dos meus artigos, engade no meu blog esta magnífica cita do noso don Vicente Risco: "Ó Demo, négano os homes pero afírmano os pobos". Do seu libro "Satanás. Historia do Demo".
Goya: esperanza. Esoutro día, por un erro, saíu mal a ilustración da columna na que falaba da necesidade de manter a ilusión polo coñecemento ata o final dos nosos días. A ilustración correcta, que agora recupero ilustrando este artigo, era o debuxo de Goya “Aún aprendo”, que leva este lema nunha beira e que representa ó propio artista apoiándose en dous caxatos, nos seus últimos días de vida. Goya, que representou as realidades máis dramáticas e angustiosas cos riscos máis bruscos nas súas pinturas negras ou no cadro “Loita a garrotazos” (toda unha metáfora de boa parte da historia española), deixounos neste debuxo un canto vitalista que reflicte toda unha filosofía da vida, todo un chamamento, tan necesario, á Esperanza.