7 mar 2007


Políticos e comic.
(Pan por Pan mércores 7 marzo. Na imaxe, a Valentina de Guido Crepax).

Francia é un país onde a banda deseñada é moi popular, cunha longa historia na arte dos tebeos. Por iso non é estraño que, segundo conta a prensa, a campaña electoral francesa estea animada por grandes tebeos dedicados a Sego ou a Sarko que se serven deste rexistro para destripar as vidas e defectos dos candidatos. Nicolás Sarkozy, o candidato da dereita, ten que aturar duras sátiras sobre a súa estatura e sobre certos riscos delicados da súa traxectoria amorosa, como a fuga da súa muller cun publicitario. Os tebeos electorais son os bestseller da temporada francesa. Aquí os políticos peléxanse por estar nos monicreques da TV, pero ninguén probou a fórmula do comic. Como copiamos moitas cousas de Francia, isto tamén chegará. Benvido sexa se funciona como risoterapia: calquera cousa mellor que a crispación absurda e demagóxica que domina o clima político.


Homenaxe a Carlos Casares. Convite á blogosfera galega

O próximo venres, 9 de marzo, vanse cumprir cinco anos da morte de Carlos Casares, falecido en Vigo o 9 de marzo do 2002. Carlos Casares foi un excelente escritor, un magnífico conversador e tertuliano e, para moitos/as, un amigo e un referente moral.
Propóñovos, se vos parece ben, facerlle unha pequena homenaxe dende a blogosfera galega (refírome a todos os blogs de galegos, de nacemento e de corazón, que se reparten por todo o planeta). Ó cabo, Carlos era un apaixonado dos aparatos e trebellos tecnolóxicos máis orixinais e tamén estaba entusiasmado co mundo virtual e as posibilidades de Internet. Non chegou a escribir un blog, pero tiña un xeito de blog nos xornais (“Á marxe” en La Voz de Galicia), co que comunicaba todos os días con milleiros de galegos e galegas, sendo o columnista máis seguido da prensa galega. Consta ademais que moitos dos seus amigos e colegas chamábano a cotío dándolle datos ou comentarios sobre os temas que trataba nas súas columnas: o equivalente ó que hoxe son os comentarios ós nosos textos nos blogs.
En fin, que se vos parece pertinente, sería moi fermoso que o 9 de marzo todos os blogs que queiran publiquen un pequeno texto en homenaxe a Carlos Casares, lembrando a súa obra e a súa personalidade. Queda feito o convite.














Sinatra e Sofía Loren
(Andoliña 7 marzo)

No ano 1957 Stanley Kramer rodou en España a película Orgullo y pasión, ambientada nas guerras napoleónicas: lembreino esoutro día na sección Cen Anos de Historia Cultural. A rodaxe dividiuse entre Santiago, Ávila, Cuenca, Segovia e máis lugares. Foi unha das grandes superproducións da época: ata Franco foi visitar os escenarios onde se ía rodar. Por certo, seica sae na película un mozo cebreireño de 23 anos, supoño que como extra, que co tempo habíase facer abondo popular neste país, un tal Adolfo Suárez. Xa ven.

Xuntou aquela rodaxe tres monstros do cine: Cary Grant, Frank Sinatra e Sofía Loren. Houbo leas de saias e máis cousas. Un amigo contoume esta anécdota que vén no libro Cary Grant, un toque de distinción, de Warren G. Harris: Sinatra fixo de bufón do grupo e quixo darlle leccións de inglés a Sofía Loren; de xeito que a actriz ía polo plató dicindo cousas como “foi caralludo” ou saudando co dito “que tal tes a pirola?”. A pobre da Sofía estaba fascinada pola voz melodiosa de Sinatra, vaia peixe, pero cando se decatou da tomadura de pelo do actor ofendeuse tanto que foi xunto del e, diante de toda a compañía de actores, chamoulle “abusón e repugnante fillo de p...”.