![](https://blogger.googleusercontent.com/img/b/R29vZ2xl/AVvXsEjDsL33AE8tHpkg3U50jJmIt2GbCIPhLWBNemP7X-HzTI5cKS_sNytth5vZ6ATYq3JRshL05IbufcMOfh-436vOI0dlhQeY6YcsPSaB0vxyKzNG1bb4haF6kP_enS6gNEPESR27Yg/s320/O+r%C3%ADo+Mi%C3%B1o+e+a+Ponte+Vella.jpg)
O Pai Miño.
La Región 3 marzo
O pai Miño simboliza como poucos lugares da vella Auria a longa historia de cruzamento de pobos e culturas que define todos os pobos: o Miño dos xitanos que viñan de lonxe e a ponte dos suicidas que evocou o Tovar en páxinas emocionadas hoxe amarelas. Dende as pedras da Ponte Verlla soñou nostalxias do océano infindo o poeta Millán Picouto. Cantos escritores se sentiron seducidos polo engado das súas augas e as sombras da antiga ponte romana! Velaí o Euxenio Montes de verso vangardista ou o Otero Pedrayo poeta non declarado ou Carlos Velo nas súas memorias de infancia, no acubillo do erotismo das lavandeiras que el soñaba como grandes actrices do mellor Hollywood. O Manuel María consagroulle todo un libro cheo de autenticidade lírica: “O Miño, canle de luz e néboa” (1996).
O Pai Miño estivo sempre presente tamén na escrita de Francisco X. Fernández Naval. Na súa novela “O bosque das antas” case toma corpo como un personaxe máis. E o río estaba xa en “Primavera”, o primeiro poema de “A fonte abagañada”, co que gañou o premio de poesía Cidade de Ourense en 1980. E volvendo a bañarse nas mesmas augas, o “Chisco” gañou o mesmo premio na súa XXIII edición con “Miño”, un gran poemario: “Somnámbulo/ o río treme guiado polo tacto cego/ das súas mans,/ poderosa extensión/ de nervos circunflexos,/ de noticias levadas na pluma da laverca/ no sol das lavandeiras,/ de razóns que se ocultan/ no arnoiar de enigma./ Somnámbulo/ o río vaise só/ coma día entre os dedos”.