10 sept 2006


Lamas Carvajal
O poeta e amigo Salvador García Bodaño escribe hoxe en El Correo Gallego sobre Lamas Carvajal e ademais cítanos (a Monxardín e a min mesmo) polos artigos publicados nestes días arredor do vello poeta cego. (Por certo, na web do xornal hai tamén un post estúpido dun tal Eduardito que nin sequera merece ser respostado. Ah!, salvando todas as distancias, Antonio Machado tamén foi profesor de Instituto. E Otero, e Casares, e Ferrín...).

ESTOU FARTO...
(Pan por Pan, La Región, domingo 10 setembro)
Estou farto dos badocos que ocupan as estradas da cidade conducindo os seus quads no medio dun barullo infernal.
Estou farto dos aprendices de psicópatas que perseguen ao máis débil, como eses menores de Burgos xogando á lapidación dunha compañeira.
Estou farto de energúmenos como o etarra Iñaqui Bilbao que coa súa chulería e linguaxe procaz non fan máis que lembrarnos o peor no que pode derivar un ser humano.
Estou farto dalgúns xornais de Madrid que cada día inventan unha falsa guerra lingüistica.
Estou farto do trato de favor que os programas do corazón dan a personaxes como Farruquito que pode bailar moi ben e ser moi guapo, pero como persoa non dá a talla.
Estou farto de que as industrias contaminantes sigan a usar como vertedoiros os nosos ríos (aínda que a Xunta reaccionou con eficacia neste caso, menos mal).

(Gustaríame saber tamén, amigos/as, dos vosos "Estou farto...". Por que non posteades 4-5 cada un?. Imaxe de Vladimir Clavijo, fotógrafo moscovita).