Entrevista de Xosé M. del Caño (1ª parte)
publicada en Faro de Ourense, 6-4-08
Marcos Valcárcel é o historiador, crítico, estudoso, divulgador e dinamizador cultural máis fecundo e rigoroso da cidade de Ourense nos últimos anos. Constitúe un elo entre os vellos mestres e as novas fornadas de escritores e investigadores, baixo o denominador común do compromiso político, da calidade formal e servizo ó país, ó rescaldo da Xeración Nós.
- Vostede naceu en Ourense, o día 3 de marzo de 1958, nunha casa da estrada da Granxa.
- O meu pai era o xoieiro Fiz, recentemente falecido, e a miña nai chamase Carme.
- ¿Como é o primeiro Ourense que lembra?
- Vai dende o colexio de párvulos da estrada da Granxa, ó que fun co mei irmán maior, Félix, á casa que fixeron os meus pais despois na parte alta da avenida da Habana e sobre todo á zona dos arredores dos Maristas, onde estudei os primeiros anos, e ó colexio da Pilar do Parque de San Lázaro, do que non teño moi bos recordos. Un día cheguei á casa con toda a boca sangrando e algún dente menos. Era unha educación moi represiva, moi difícil de imaxinar nestes momentos. Daquela era frecuente que nos castigaran cos brazos en cruz, cos libros nas mans e a escuras, incluso horas enteiras. Un día ocorréuseme mirar para o rapaz de atrás, porque se me acabara a tinta, e unha profesora, da que non quero lembrar o nome, deume un golpe tremendo coa cabeza contra o pupitre. De maneira que perdín dous dentes, polo que cheguei á casa chorando. O meu pai xa me cambiou de colexio ó día seguinte, porque nunca permitiu que nos pegaran.
- Un centro duro…
- Outro día a directora do colexio, que se chamaba Pilar, comentoulle ó meu pai que eu non valía para estudar e que o mellor que podía facer era meterme no taller, a facer medallas, a pesar de que sempre fun bo estudante. Naquela época eran bastante brutos. Despois pasei ós Maristas, onde estiven sete ou oito anos, e rematei no instituto masculino da Ponte, no curso 73-74, que foi moi decisivo polas protestas que houbo contra a Celulosa. Na clase onde estaba eu, había seis ou sete militantes de Estudantes Revolucionarios Galegos (ERGA). Entre os alumnos estaban o escritor Bieito Iglesias; o actual alcalde de Allariz, Francisco García; o historiador Benito Alonso; o ex director do Centro Dramático Galego, Manuel Guede Oliva, e o escritor de literatura xuvenil Pepe Carballude. Tamén estudaba alí o actual alcalde de Beade, do PP, Manuel Prado, loxicamente fóra da liña de compromiso.
- Ourense era una cidade moi activa.
- Outro foco cultual moi importante para min foi a agrupación cultural Auriense, que aínda estaba no local da rúa Curros Enríquez, case encima do Cine Avenida. Naqueles anos estaba dirixida por Monxardín pai, Carlos Guitián, Romasanta e Berto Tabarés. Auriense ofrecía nun local dos Maristas un curso de lingua e literatura, no que impartían clases Otero Pedrayo, Ferro Couselo, Xoaquín Lorenzo e os novísimos Carlos Casares, Méndez Ferrín e Francisco Rodríguez. Dese contraste xurdiu o meu compromiso galeguista, por unha banda, e o cultural, pola outra. Tamén participei bastante nos cursos da Alianza Francesa. Viamos películas en francés no local da rúa do Progreso. Xusto no baixo estaba o quiosco Clemente. En 1974 metinme de cheo no mundo dos cineclubs, como directivo do Cine Club Padre Feijoo. Tamén fun directivo da Federación Galega de Cineclubs, con Miguel Anxo Fernández.