30 sept 2007





CEN ANOS DE HISTORIA CULTURAL
1979: tempo de despedidas

Foi o ano 1979 tempo de despedidas, porque nesas datas marcharon tres das grandes voces das nosas letras contemporáneas: falo do poeta Luís Seoane (nacido en Buenos Aires en 1910 e falecido na Coruña), do novelista Eduardo Blanco Amor (nacido en Ourense en 1897 e falecido en Vigo) e do poeta Celso Emilio Ferreiro (nacido en Celanova en 1912 e falecido en Vigo). Para min cando menos iso significou a apertura dun tempo novo: íanse nomes que marcaban toda a literatura de posguerra, en Galicia e en América, e que mesmo proviñan de xeracións anteriores á guerra civil. Tras a morte nos anos anteriores de Otero Pedrayo, Sebastián Martínez-Risco, Ferro Couselo e Lorenzo Varela, era evidente que se pechaba un tempo e era de agardar que nacese outro, con novas voces e esperanzas renovadas.
Con todo houbo grandes libros nese ano. Entre eles, a última entrega narrativa en galego de Cunqueiro, Os outros feirantes (Galaxia) e unha peza deliciosa de Carlos Casares, Os escuros soños de Clío, onde o ourensán forzaba os territorios da fantasía e da imaxinación, no ronsel de Borges e Cunqueiro. Valentín Paz Andrade ofrecíanos un dos seus mellores poemarios, Cen chaves de sombra; Celso Emilio Ferreiro, a súa derradeira obra, O libro dos homenaxes, e Antonio Alonso Ríos, un dos nomes do exilio galego, deitaba en clave literaria a súa propia experiencia como fuxido na guerra civil na novela O siñor Afranio. Ou como me rispei das gadoupas da morte. Alexandre Cribeiro, vinculado ás Festas Minervais e ó Brais Pinto, publicaba o seu poemario Indo pra máis perto, que incluía os versos de Doente na espranza premiados no Centro Galego de Buenos Aires. E xurdían voces novas comoVíctor Freixanes que gañaba o premio Modesto R. Figueiredo, do Patronato Pedrón de Ouro dese ano co relato A caza das cascudas. Publicábanse xa relatos premiados antes no mesmo certame como Número de patente... de Xan Guisán Seixas; A figueira, de Xosé M. Martínez Oca ou Querido Brais de Ánxel A. Rey Ballesteros. Galaxia publicaba ademais os Contos pra nenos premiados por O Facho e saían á luz tamén poetas como Vítor Vaqueiro, con Lideiras antre a paisaxe, e Claudio Rodríguez Fer, con Poemas de amor sen morte, autores todos eles nacidos na década dos 50. Tamén son desta hora os volumes poéticos Facer Pulgarcitos Tres, de Alberto Avendaño; Galletas Kokoschka Non, de Manuel M. Romón e As ladillas do travesti, de Antón Reixa, en edicións de Rompente o grupo poético que os agrupaba a todos eles. A preocupación pola lingua e a historia de Galicia seguía presente e a iso responden traballos como Galego cero, de Xosé Mª Álvarez Cáccamo; a segunda edición do Vocabulario castellano-gallego de Francisco Fernández del Riego; as Papeletas para un diccionario galego, do Padre Sobreira; Murguía. O Patriarca, de Antón Fraguas; a edición en francés de La Galice, de Abel Bouhier, e a primeira Historia de Galicia, editada polo Frente Cultural da AN-PG, con textos de Barreiro Fernández, Anselmo López Carreira, Francisco Carballo e Felipe Senén: como é sabido o volume foi secuestrado por unha alusión ó "asasinato pola policía española" do dirixente da UPG Xosé R. Reboiras. Tamén en 1979 apareceu o primeiro estudo monográfico sobre O teatro galego, de Manuel Lourenzo e Francisco Pillado; o precioso volume colectivo sobre o pìntor Maside; Libros e autores galegos: dos trobadores a Valle Inclán (F. Barrié de la Maza), de Ricardo Carballo Calero, e o discurso de ingreso de Xenaro Mariñas del Valle na Real Academia Galega, Importancia do público na revelación teatral. O Día das Letras Galegas, dedicado a Manuel Antonio, permitiu a saída de traballos sobre o rianxeiro de Xosé Ramón Pena e do grupo Rompente, entre outros.

Hazañas Bélicas.
Pan por Pan domingo 30 set.
Lembran vostedes “Hazañas Bélicas”? A historieta saíu á rúa dez anos antes de nacer eu, pero era das de maior éxito nos días da miña infancia. En “Los comics del franquismo” Salvador Vázquez de Parga sinala que era un de tantos tebeos fieis á liña oficial do réxime: racismo, belicismo e anticomunismo radical. Os xaponeses eran presentados como “simios amarillos” e “sabandijas color de plátano”: o guionista debía ser un bo colorista. Os malos eran sempre os comunistas rusos e os bos os heroes os americanos, pero á vez tamén se defendía a Alemaña nazi, que estaba entre os amigos de Franco. A guerra aparece idealizada nunha cita como esta: “La guerra es uno de los azotes de la humanidad, pero en ella cristalizan los mejores valores humanos”: Iso si que era Educación para a Cidadanía! Por certo, sobre a guerra dixo babecadas maiores o poeta Marinetti.