17 sept 2008

Pé do Guadiana, de Bieito Iglesias (ECG. 18-9-08)

Veño de pasar unha fin de semana no Baixo Alentexo, en localidades como Alcoutim, Mèrtola ou Beja, capital rexional. Comín carne de porco (preto) á alentexana e cocido de graos (bicos ou garavanzos), pero non é este país para famentos impacientes. O ritmo destas partes aseméllase ao do réptil aletargado nun terrario, baixo unha raxeira de sol que rebrilla nas casas caleadas. Cómpre esperar unha hora ou dúas desde que sentas na mesa ata meterlles o dente ás viandas. Os domingos pechan restaurantes e pastelerías, unha nugalla precapitalista apodérase de xentes intensamente morenas que non teñen moita ansia de recibir turistas portadores de virus perigosos, tales como a vertixe ou a ambición mercantil. En Mèrtola, desde a "alcaçova"outea o viaxeiro sobre as revoltas dun Guadiana que serpea con doce teimosía, alterado apenas por parrulos que atravesan as correntes con magnífico estilo natatorio, comparable ao do plusmarquista Michael Phelps.
E, xa en Beja, pode ascender a unha orgullosa torre de homenaxe erguida no século XIII polo rei-poeta don Dinis, ou visitar o museu rexional dedicado á memoria de soror Mariana Alcoforado, a freira portuguesa á que se lle atribúen escandalosas cartas de amor redactadas no século XVI. Fóra dos núcleos habitados, azazan coa calor eidos resecos punteados por aciñeiras vellas, oliveiras rateñas, sobreiros de tronco escascado e algún piñeiro manso de toro redondo, contrafigura do lanzal piñeiro pondaliano. No país inzan apelidos como Cadaval ou Janeiro polo que queda practicamente descartado que Jesulín Janeiro (de Ubrique) sexa da estirpe de Helena Villar Janeiro ou que os irmáns Cadaval (Los Morancos) garden algún parentesco con Quico Cadaval, o noso inspirado director dramático e maxistral contacontos. Estas terras están fortemente vencelladas á Andalucía Occidental por algo máis que as ombreiras ("paletillas") ou faces ("carrilleras") do marrán negro.
Tamén están unidas á Galiza por un liorto ben máís subtil: o idioma común.
Medios e políticos.
pan por pan xoves 18 setembro

A relación na sociedade actual entre a política e a comunicación é tan directa que mesmo se podería afirmar que a primeira non sobreviviría sen a segunda. E moitas veces é o segundo polo quen impón a súa axenda á propia clase política. E así chegamos ó que o amigo Xoán da Cova, contertulio habitual do meu blog, definiu como “Goberno espectáculo”. Velaí nas súas palabras: “O Goberno-Espectáculo. Non ten que gobernar (iso é imposible), ten que entreter. Dentro de pouco, veremos as accións de goberno como quen ve unha película: sen ningunha conexión coa realidade. E as eleccións serán unha especie de entrega de Oscars". Isto non quita, como engade o atinado Apicultor que os políticos busquen, co efecto mediático, a eficacia das accións de goberno. Pero isto depende de factores non sempre controlables, incluída a propia receptividade da sociedade.
Xavier Alvarez Iglesias: ‘O futuro das corais está nos mozos’
Director da coral Tempos Novos
Entrevista de Imanol Hernández en La Región 17-09-2008 (e saúdos a Xabimusic)

Especialistas.
Pan por pan xoves 17 setembro

Outro dos males da comunicación hoxe, sobre todo na Televisión omnipotente, é o imperio dos falsos especialistas. Adoitamos ver, en faladoiros e debates, persoas que din saber de política, economía, cultura, ciencia ou, se é preciso, de química cuántica. E non pode ser: non todo o mundo sabe de todo. Moi pola contra, a maioría dos mortais só sabemos algo de dous ou tres, ou catro se queren, temas concretos. Do resto, podemos e debemos opinar como cidadáns libres, pero só opinar: a poder ser, con humildade, discreción e san escepticismo. E o que domina hoxe é outra cousa: autotitulados xornalistas, politólogos, científicos, etc., capaces de sentar cátedra dende as pantallas sobre todo o humano e o divino. E non todo crego é un teólogo, non? Juan Cruz apela no seu blog á cautela necesaria dos xornalistas no exercicio da opinión: o consello vale tamén para outras profesións.

Miserias dun oficio (II)

andoliña xoves 17 setembro


Falamos onte da moza do maltratador, nova vedette dun xeito de periodismo ben dubidoso. Somos contiñeiros morbosos e os que o saben explotan o filón. Un xornalista non pode ser cínico, dixo Kapúscinski. Pero o mestre nunca entrevistaría a esta energúmena. Tampouco foi este un caso excepcional.
Esoutro día un xornal galego cubría case unha páxina cunha ampla entrevista a un personaxe que responde no argot por Makelele. O mérito de tal individuo para saír nos medios? Pois seica deixar un matrimonio morto en Vigo tras unha suposta carreira de coches; logo, xa liberado polo xuíz, foi detido de novo, por conducir unha moto ebrio. A entrevista era xustificativa e servíalle para dar outra imaxe da súa personalidade: tamén se queixaba de ser obxecto de "linchamento mediático". Que pensarán os familiares dos falecidos ó ver publicada esa entrevista con todo luxo de detalles?
A democracia garante a liberdade de expresión, xa o sei. En tempos os delincuentes saían estigmatizados en El Caso: moitos con menos culpa dos que acabo de citar. Facer aboiar todo o que se remove nas cloacas da sociedade, exercendo o cinismo e a chulería, ofrecendo unha dignidade a personaxes que carecen dela, todo iso é xornalismo?