28 may 2007


LAS NOCHES LOCAS…
La Región 28 maio
Luis Sepúlveda. O escritor chileno, residente agora en Xixón, Luis Sepúlveda, é un tipo simpático, con ese acento doce e pausado do falar latinoamericano. Demostrouno na charla que deu en Ourense, organizada polo Club Internacional de Prensa (e que tiven a honra de presentar), en defensa dos “idiotas latinoamericanos”, isto é, os escritores críticos co neoliberalismo devoto do deus Mercado. Contounos alí como se fixo escritor. Tiña un amigo no colexio, “el gordito”, que vendía e revendía cousas (acabou sendo Ministro de Economía no goberno Lagos). E estaban apampados cunha profesora nova, a señora Camacho, que gastaba minisaias e xeitos sedutores. O gordito pediulle a Luis que escribira unha noveliña “picante” sobre a profesora para venderlla ós compañeiros. E Sepúlveda escribiu “Las noches locas de la Señora Camacho”, que foi un bestseller no colexio do neno escritor. Cando foron descubertos, o rapaz pasou polo despacho de dirección, pero o castigo foi suave: o director mandouno a colaborar cos seus escritos nunha emisora de radio. E así naceu o escritor de “Un viejo que leía novelas de amor”.
Tamén nos deu Luis Sepúlveda a súa visión sobre a realidade política e económica chilena de hoxe, amosando o seu apoio crítico á presidenta Bachellet: admirada porque ela mesma sufriu a tortura pinochetista (o seu pai foi vítima da ditadura), pero dende unha posición crítica polas grandes presións que sofre no exercicio do goberno, coas mans atadas por unha Constitución que necesita ser renovada. Falou tamén das loitas do pobo mapuche, que el mesmo apoiou moi activamente, contra unha serie de planes industriais que supuñan na práctica un desastre ecolóxico de dimensións xigantescas no seu territorio. Novas que non son de onte: esta mesma semana a prensa informaba da loita do pobo mapuche contra a multinacional Benetton por usurparlles terras das que foron desaloxados os seus avós mediante documentos falsos.

As cámaras que nos vixían. Estamos a chegar a unha sociedade cada vez máis parecida á que debuxan películas e novelas de ciencia-ficción como “Minority Report” ou “1984”. Imaxine vostede á señora que está vendo tan pancha na tele o culebrón da tarde, chorando polas desgrazas e infidelidades dun Carlos Rafael calquera de acento venezolano, e nisto, nunha conexión deportiva, encontra o seu marido brincando nunha praia cunha moza impresionante. Pois máis ou menos iso acaba de suceder en Italia, segundo conta o xornal “La Reppública”: un marido infiel foi descuberto nunha praia coa súa amante ó ser gravado pola cámara dun helicóptero que retransmitía o Giro de Italia e ser recoñecido na pantalla por un familiar. Xa saben, coidado coas omnipresentes cámaras, estamos permanentemente vixiados.