Así vai a campaña...
Se lles parece ben, espero que si, abro este fío para comentar entre todos como vai a campaña das municipais: en comentarios, que abrirei eu xa, poden facer todas as suxerencias que lles presten, comentar anécdotas, dar ideas, críticas ou mesmo brincadeiras, sobre a campaña nas diversas cidades galegas.
Os privilexiados. (Pan por Pan 13 maio)
Empezou a festa electoral. E con máis forza se cabe na cidade de Ourense, que seica disputan como prioritaria todas as forzas políticas: do que pase en Ourense en Vigo será do que se fale cando se faga o balance galego dos resultados. Empezou o barullo, os automóbiles coas megafonías (por favor, non se pasen), os agasallos para os nenos e os mitins de masas. Pero a estes só van os convencidos, xa saben. Os privilexiados na festa son, sen dúbida, os votantes indecisos. Segundo as enquisas deben ser un 13 por cento en Auria: coa abstención do 2003, unhas oito mil persoas. Eles son, en realidade, os únicos que contan. A eles vai dirixido o xigantesco gasto da campaña: se dividísemos este gasto entre os oito mil indecisos, o valor de cadanseu voto había saír ben caro, ata poderían ir de vacacións. Pero é o que hai: o resto, os que aplauden nos mitins, xa teñen o voto decidido
12 may 2007
ONDE EUROPA SE CHAMA TRASALBA
Andoliña sábado 12 maio (Imaxe de Durero)
Con este título, Ramón Villares pronunciou onte, na Casa Grande de Trasalba, un denso e rigoroso discurso arredor das pegadas europeas nas propostas ideolóxicas dos galeguistas dos anos 30, mesmo sinalando os diferentes matices ó respecto da Xeración Nós, dos seus seguidores do Seminario de Estudos Galegos ou, trala guerra, do Castelao que aposta polo federalismo e a idea europea en 1948 ou, dende outra perspectiva, do grupo de Galaxia e Ramón Piñeiro.
Os galeguistas dos 30, dixo Villares, concibían Europa “como un continente de pobos diversos, de “pequenas patrias”, esas que Solovio imaxinaba bebendo uns grolos de viño espadeiro nunha fonda de Amberes. Un futuro mapa de Europa no que “as fronteiras non eran liñas de aduanas, sinón vidales zonas de transición entre as armoñosas conciencias dos pobos”, no que “ninguen dominaba a ninguén”.
Os galeguistas dos 30, dixo Villares, concibían Europa “como un continente de pobos diversos, de “pequenas patrias”, esas que Solovio imaxinaba bebendo uns grolos de viño espadeiro nunha fonda de Amberes. Un futuro mapa de Europa no que “as fronteiras non eran liñas de aduanas, sinón vidales zonas de transición entre as armoñosas conciencias dos pobos”, no que “ninguen dominaba a ninguén”.
Magnífico o discurso de Villares, moi axeitada a intervención do presidente Touriño e engaiolante a voz de Susana Seivane. Pero confésolles que o momento que máis me emocionou foi escoitar a Abel, Almudena, Manel e Renata, catro rapaciños de Amoeiro, ler as páxinas finais de “Arredor de si”: don Ramón estaría ben fachendoso
Suscribirse a:
Entradas (Atom)