A boina vai cambiando de partido (Sarille, ECG 5 febr.)
Hai dous cambios na política galega nos que paga a pena fixarse. Un atinxe ao Partido Popular, que cada día é menos rexionalista. O outro ao BNG, que vai collendo a remuda da boina e adáptase sen sobresaltos ao ideario dos populares do rural; instálase nun conservadorismo propio de quen leva lustros no poder, aínda que acaba de chegar.
Na dereita ten cada vez menos peso aquela tendencia que se facía chamar galeguista. O PP de Galicia é xa igual que en calquera outro territorio, perdeu as características diferenciais da época de Fraga, apagou os fogóns ideolóxicos e presenta exclusivamente os pratos que lle cociña a dirección española. Os boinas, aqueles populistas de extracción aldeá desaparecen dos centros de decisión, substituídos polos novos candidatos, figuras en ascenso que apostan abertamente polo españolismo e polos valores hexemónicos da clase media de provincias, consistentes en medrar imitando exactamente a metrópole madrileña, a estas horas extraordinariamente dinámica. O vello discurso galeguista foi empaquetado e o adaptábel Núñez Feijoo acomódase aos novos tempos, sen facer referencia ao amor á terra, a non ser que lle pregunten por ela.
Mentres iso sucede no PP, o discurso do BNG adelgaza moito, fáltanlle nutrientes e caracterízase pola pobreza de obxectivos e unha concepción de Galiza moi cativa, como nunca fora vista na historia recente do nacionalismo. Todo se reduce a traer o AVE, ser alguén na política española e ao orgullo de sermos galegos, como no anuncio, sen que saibamos cales son obxectivos, que Galiza imaxinan, nin cales son os pasos para dar a dous anos vista, sen ir máis lonxe. O nacionalismo, que sempre presumiu de ir por diante, de ter o groso da intelixencia, de ter trazado o debuxo do futuro, naufraga e transparenta un galeguismo rudimentario.
Soldar Galiza cunha modernidade identificada require dun grande esforzo, ao que o BNG renunciou. Relocen as festas gastronómicas e a idealización da aldea nos discursos do seu líder, mesturados con infraestruturas e poucas cousas máis. A boina emigra para o BNG. Falta saber se terán clientes para esas danzas.
Libros do Mes
-
*The Strategy of Conflict* de Thomas C. Schelling [*E*]
**Everything is Predictable *de Tom Chivers
**Why Nations Fail* de Daron Acemoglu [*E*]
Hace 1 semana