22 abr 2006


De sombreiros, vodas e xentes algo pailáns
Un amigo mandoume esta foto da popular voda gai do PP: quero dicir, do concelleiro de cultura ourensán, Pepe Araújo. Entre os convidados esta señora con sombreiro das carreiras de cabalos do Reino Unido. Se non son de Ourense, ao mellor non a coñecen: é bastante próximo ao noso alcalde. País!

CEN POEMAS. ESCOLMA PERSOAL (5)
O ALEGATO CONTRA DEUS DE PERO GARCÍA BURGALÉS

Fago miña esta suxerencia do amigo Afonso Vázquez Monxardín que me enviou hai días este impresionante poema de Pero García Burgalés. Tremendos versos onde o poeta semella desesperado pola morte da súa dama e logo arremete contra o causante da súa desgracia (xa que canto ben había me quitou/ e encanto el no mundo logrou saber/ como me podería facer moito dano).
Hai versos semellantes, no desespero polo amor morto, en poetas contemporáneos (A.Machado) ou imprecacións agraviadas contra o propio Deus (D.Alonso), pero nunca vimos nada próximo a este berro nun poeta medieval. Disque Pero García Burgalés foi un trobador castelán, probablemente de Burgos, coñecido polas súas sátiras (un dos que atacou á Balteira). Dende logo, se o poema responde a un sentimento auténtico, persoal, de desconsolo, ningunha barreira, humana nen divina, fixo frear o alegato do García Burgalés. Ofrezo a versión orixinal e logo (sen arcaísmos) unha versión máis modernizada, realizada polo propio Afonso. (Ilustramos cunha foto do artista danés E. Schildt).

Nunca Deus quis nulha cousa gram ben,
nen do coytado nunca se doeu
pero dizen que coytado vyveu;
ca se s' el del doesse, doer s' ia
de mi que faz muy coytado viver,
a meu pesar, poys que me foy tolher
quanto bem eu eno mund' atendia.

Mais en quant' eu ja vivo for, poren
non creerey que o judas vendeu,
nen que po[r] vos na cruz morte prendeu,
nen que filh' est[e] de sancta Maria.
E outra cousa vos quero dizer:
ca foy coitado non quero téer,
ca do coytad' a doer s' averia.

Aynda vus del direy outra ren:
poys quanto ben avya me tolhe[u]
e quant' el se[m]pre no mund' entendeu
de que eu muy gran pesar prenderia,
per bõa fe, daly mh o fez prender,
por esto non quer' eu por el téer,
e quanto per el crive fiz folia.

E se el aqui ouvess' a viver,
e lh' eu poren podesse mal fazer,
per boa fe, de grado lho faria!

Mays, mal pecado! non ey en poder,
e non lhy poss' outra guerra fazer;
mais por torpe tenh' eu quen per el fia!


Nunca Deus quixo moito ningunha cousa,
nin nunca se doeu do coitado
pero din que coitado viviu;
que se del se doese, doeriase
de min, que me fai moi coitado vivir
a meu pesar, pois que me foi quitar
canto ben eu no mundo tiña.

Mais en canto eu vivo fora, poren,
non crerei que xudas o vendeu,
nin que por vos na cruz morte prendeu,
nin que fillo é este de Santa Maria.
E outra cousa vos quero dicir:
que foi coitado, non o dou crido,
senón do coitado doerse habería.

Aínda del vos direi outra cousa:
xa que canto ben había me quitou
e encanto el no mundo logrou saber
como me podería facer moito dano,
abofé que alí mo fixo de inmediato,
por isto non quero eu telo comigo,
e canto por el fixen, fixen tontería.

E se el aqui viñese vivir,
e lle eu, seguro, puidese mal facer,
abofé, que con gusto llo faría!

Mais, malpocado! non teño eu poder,
e non lle podo outra guerra facer;
máis que por torpe ter a quen del se fía!

Noraboa máis que merecida a Ramón Villares
Onte estiven de viaxe e non puiden postear isto que vai agora: a miña noraboa pola elección, máis que merecida, de Ramón Villares como presidente do Consello da Cultura Galega. Non sei qué pasou alí dentro (eu non estaba, claro), pero sei que fóra do Consello había arelas de esperanza de que Villares encabezase o CCG. Coñézoo hai bastantes anos, fun o seu alumno na Facultade de Historia (tamén de X.R. Barreiro, presidente da RAG), tiven a honra de que me dirixise na miña tesina e na miña tese doutoral e aínda noutros traballos. Se non fose pretencioso pola miña banda ata ousaría considerarme discípulo seu: desde logo, si son admirador e seguidor entusiasta de toda a súa obra. E sei tamén das súas cualidades persoais e da súa intelixencia e sentido común, que tanto se precisan neste país. Ogallá poida enriquecer o labor do CCG e mesmo abrilo máis aínda cara fóra: que se vexa como unha institución fulcral e central do noso tecido vertebral, para iso naceu precisamente. O historiador xa ocupa lugar de seu, por méritos propios, nese fermoso título que lle puxo a un dos seus libros en Xerais: "Figuras da nación": como Manuel Colmeiro, como Castelao, como A. Villar Ponte, como Peña Novo, Como ese outro gran don Ramón, que el tamén estudou e interpretou: Otero Pedrayo. Desexamos que teña todos os éxitos e que reserve unha parte do seu tempo para seguir escribindo e interpretando a andaina histórica do noso país: os seus traballos seguen sendo imprescindíbeis.

Darío Xohán Cabana na Academia
ANDOLIÑA sábado 22 abril
Foi en 1969 cando un poeta lugués aínda novo se deu a coñecer como tal: Darío Xohán Cabana (Terra Chá, 1952). Cumpridos cincuenta anos, agrupou toda a súa poesía nese longo período no volume Vinte cadernos (Poemas 1969-2002), un balance dun total de trece libros da súa lírica ata esa data.

Como narrador, ademais de gañar unha chea de premios, foi quen de crear obras moi populares como Galván en Saor ou Fortunato de Trasmundi ou auténticas pezas mestras da nosa narrativa como O cervo na torre e Morte de rei que tiveron o favor da crítica, aínda que a súa recepción polo público fose menos agasalleira do desexábel. Polo camiño, Darío Xohán Cabana foi construíndo unha forte personalidade como escritor e unha voz de seu que brilla hoxe con forza no noso sistema literario.
Hoxe ingresa na Real Academia Galega cun de seguro excepcional discurso e a lembranza dos seus mestres Xosé María Álvarez Blázquez, Manuel María e Méndez Ferrín, que responderá as súas palabras. A Academia está de noraboa e tamén todos os galegos e sobre todo a nosa lingua, ese tesouro que Darío soubo atesourar e enriquecer como fixeron os clásicos das nosas letras noutrora.

Nestes días andamos a falar en Ourense de Valle Inclán e o seu mundo literario

SOBRE OS BISPOS AURIENSES, MEU DEUS!Galería de prelados aurienses
Na miña cidade natal, Ourense, hai un bispo polo menos desde os días do Reino Suevo de Galicia. | X.L. MÉNDEZ FERRÍN
(Por se alguén non o viu, Ferrín escribiu este venres sobre os bispos aurienses)
Na miña cidade natal, Ourense, hai un bispo polo menos desde os días do Reino Suevo de Galicia. Bispo que, na Idade Contemporánea, sempre se asocia co fanatismo, a intolerancia e o autoritarismo, como se a diocese estivese marcada con algún malfado. Pero, sobre todos os pecados destes bispos de Ourense, eu destacaría o de natureza capital que é coñecedido na moral católica co nome de soberbia. Soberbio foi estes días, e un pouco ridículo, o actual bispo de Ourense, Quinteiro Fiúza, ao condenar publicamente á plana maior do PP ourensán por ter celebrado matrimonio civil e de partido entre dous militantes seus, do sexo masculino, ambos, e iso aos poucos meses da colosal manifestación da dereita española en Madrid contra o casamento homosexual. Terá razón o bispo de Ourense, porque, despois de todo, o PP é o partido da Igrexa Católica en España e debe comportarse. No pasado foi o bispo, de Ourense Pedro Quevedo e Quintana, feroz absolutista que pegou portazo nas Cortes de Cádiz para se retirar a Turei (Tourém), territorio portugués da súa diocese, e desde alí proferir os planfletos liberticidas dirixidos a toda a España e no nome da Fe. E o pacífico Ourense da Restauración conmoveuse dúas veces, e tales conmocións atinxiron coas súas ondas de escándalo, toda a España (as Españas, que xa eran dúas) intelectual. Refírome a cando o bispo de Ourense Cesáreo Rodrigo presionou para que o premio sobre a obra do Padre Feijóo non se lle concedese a unha Concepción Arenal contraria doutrinalmente ao dogma e si á observante, carlistona, xovencísima e rica Emilia Pardo Bazán para escándalo da sociedade progresista galega, portuguesa e española e para ledicia (carta de Laverde a Menéndez Pelayo) do clericalismo e da ultramontanidade. Ou cando o mesmo bispo Cesáreo, na década de 1880, pouco despois, desnuncia e fai procesar polo brazo secular a Curros Enríquez, ao tempo que penaba con escomuñón a lectura de Aires da Miña Terra. Debo decer que o episcopado da miña infancia ourensana foi o do doutor Blanco Nájera, persoa autocrática que foi quen de expulsar os Xesuítas (sic) da cidade, de anatemizar a primeira asemblea da ONU, de acosar os protestantes de Couto e da Ponte e de retirarlle os sacramentos aos gobernadores civil e militar por concorreren á "Cea Americana" do Liceo onde, grave pecado, se amosaron escotes e se bailou o fox. Ou sexa que a tensión entre o bispo de Ourense e as autoridades políticas do seu partido non é cousa de hoxe. E lémbranse vostedes de Monseñor Temiño, martelo de cregos galeguistas, aos que empurrou de maus modos á secularización, que foi capaz de prohibir as festas e romarias tradicionais na súa dimensión lúdica e popular? Bispos de Ourense cortados todos por un patrón e que, en cada época, foron temidos e compeliron á descrenza a moitas xeracións de batizados na vella diocese. Eu coidaba que xa racharan o molde pro as declaracións de Monseñor Quinteiro, o único galego de nación nesta galería de rostros antipáticos, devólvennos a realidade de que as pedras do pazo episcopal de Ourense, sexan estas as do vello coma as do que onte albergara o seminario, seguen a agochar a vera faz do fanatismo e da intolerancia.