12 abr 2006


A MINORÍA CATÓLICA EN ESPAÑA
(Andoliña mércores 12 abril)
A Igrexa católica está en caída libre: é a institución menos digna de aprecio para os mozos, que só se declaran católicos no 49 por cento (antes era o 77). E o número de practicantes redúcese ata o 10 por cento: por isto escribía estes días Reyes Mate nun xornal catalán que os católicos son xa unha minoría en España. A socioloxía di que estamos máis preto da laica Francia que da Polonia ultracatólica. Pero con certas diferenzas: en Francia os católicos, como minoría, aprenderon a argumentar e facer ofertas cualificadas. En España a xerarquía eclesiástica obvia esta realidade e segue a actuar, di o propio Reyes Mate, como se os católicos fosen aínda a maioría da sociedade.
Velaí ao cardenal de Madrid repetindo a propósito da Lei Orgánica de Educación (LOE) que o Estado debe aterse a unha orde natural que só sabe interpretar correctamente a Igrexa. Ou o documento publicado onte polos bispos cos máis rancios prexuízos de moral do vello nacional-catolicismo con naftalina. O discurso da cúpula eclesiástica necesita unha fonda renovación ideolóxica: situarse no tempo en que vivimos, xusto o contrario do que se está a facer. Unha renovación que, se tarda moito, quizais xa non chegue nin a tempo.
(Imaxe: Virxilio, Os contemplativos, 1988)

A República e as contradicións do PP ourensán
(Pan por pan mércores 12 abril)
Os Amigos da República están a celebrar un amplo programa de conmemoracións titulado “República e Liberdade”, que homenaxeou a Julio Losada e permitiu recuperar nomes esquecidos da nosa historia como Alfredo Gómez Ollero ou Blanco Dobarro. Nesta xeira de actos colabora, con outras entidades, o Concello de Ourense. O concelleiro de cultura, participou en varios deles. Eu non podo máis que felicitarme dese apoio municipal, pois entendo que Pepe Araújo representa dalgún xeito ao grupo de goberno. Pero… Velaí vai o meu pero. Un mínimo de coherencia esixe que esta xusta reivindicación das víctimas republicanas vaia acompañada da limpeza dos restos do franquismo en Auria. E seguimos pisando rúas con nomes como Coronel Ceano ou Capitán Eloy. O goberno municipal non fixo nada ao respecto e non é sen tempo: case 30 anos levamos de democracia nos concellos.
(Imaxe: debuxo de Luís Seoane, "Arriba España", no álbum Trece estampas da traición).