Fagan xogo. Gaña a Banca.Alfonso Vázquez Monxardín.
La Región 17-01-2009.
Deus me libre de pensar que a banca é unha ONG. Sei ben que é un lexítimo negocio de movemento de diñeiro. Diría máis, en conxunto é sumamente beneficioso sobre todo para os que vivimos dun soldo e non temos cartos nin recursos para comprar vivenda ‘de golpe’. Así eles empréstannos unha cantidade que por outras vías sería imposible de conseguir, e pouco e pouco devolvemos esa cantidade. E como non se trata dunha ONG, a cantidade a pagar, máis ou menos, dóbrase, pero a pagar en vinte e cinco ou trinta anos. Claro que son un pouco pillabáns e aos inxénuos que crían que dun soldo se podían facer chalets de tres pisos, ou que ‘todo o mundo’ tiña igual ‘dereito’ a ir a Cancún ou compar un Audi A-6, pois tamén lle daban polo gusto e lles emprestaban canto pedían. E agora pasa o que pasa: as vacas máis que fracas andan anoréxicas, e algunha xente non dá pagado. Pero a responsabilidade, meus señores, é, fundamentalmente, da imprudencia do que asinou feliz despois de facer as contas do gran capitán. Que non bote balóns fóra e diga que o enganaron, pois hai que ler e non soñar antes de botar unha sinatura ao pé dun contrato. A banca, insisto, non é unha ONG, aínda que as caixas non debían andar moi lonxe.
Como ven, non son nada radical nos meus planteamentos sobre o tinglado financieiro. Pero todo ten un límite. Primeiro foi o redondeo á alza que me fixo por unha centésima pagar ¼ de punto máis de intereses durante anos ata que, loxicamente, prohibiron o abuso. E agora acabo de levar outra sorpresa desagradable. Tócame, como a moitos, renovación de tipos o día primeiro do ano. E independentemente do que digan na tele, conforme a vir de tempo de comerotas, vou ter a principios de ano un tipo máis groso. ¿Que está baixando o Euribor? Ja. Moito conto. Como nos papeis din que as renovacións se fan tendo en conta o último tipo publicado no BOE o 1 do mes anterior ao comezo da nova etapa, pois seica aplican, se algúen non o remedia, o tipo do mes de outubro! Flipo. Ata agora, tempos de subidas e baixadas suaves, esa diferenza dun mes a outro non se notaba moito e non tiña moito sentido estar cismando con decimiñas e media ducia de euros ao mes. Pero no medio desta crise financeira da que eu, xúrolles, non son responsable, estamos falando de 2 puntos enteiros. Ou sexa en vez de pagar un 3,74, pagar un 5,74, o que se un o multiplica polos millóns -de pesetas, claro- que debe e divide por doce meses, pois dá unha pastiña. Se lles permiten este golfería (a diferencia enorme do prezo do diñeiro e que cobrarían por el) cousa que pode e debe impedir o goberno, a banca que nunca perde, faría unha caixa grandísima a custa desta nova clase social maioritaria no tránsito de milenio que somos os hipotecados. Podería Marx (non sei se don Groucho ou don Carlos), anovar o berro e dicir ‘hipotecados do mundo, unídevos’. Ou doutra maneira: Agradecémoslles que nos deixaran os cartiños, pero non nos metan os dedos nos ollos, por favor.