BLANCO TORRES, UNAMUNO, AS LINGUAS
(Andoliña sábado 29 abril)A tantos anos de distancia, sorprende a actualidade dalgúns debates con moitas décadas de historia. Leo no xornal “
A Nosa Terra”, aló por 1919, esta cita contra o uniformismo centralista: “
Unamuno di que xa se crebou a unidade. Non. A unidade está rota fai tempo, pro era unha rotura pasiva, que agora trócase nunha actividade que fará forte e fecunda a crebadura. ¿Dende cando houbo realmente en Hespaña unha unidade espritoal, de intereses ou de calquera outro xeito?”. A cita pertence a un xove escritor galego, 28 anos daquela, Roberto Blanco Torres, que pagaría logo coa súa vida o seu compromiso co país. E aínda non profetizara Jiménez Losantos a súa “quiebra de España”.
De Blanco Torres tense escrito que hai un aceno unamuniano na súa poesía. E escribíalle ao autor bilbaíno con respecto e admiración, como amosou nun estudo Alexandre Rodríguez Guerra. Como lle escribían tamén Blanco Amor e Otero Pedrayo e outros intelectuais galegos. Pero Unamuno, que merece ese recoñecemento noutras cousas, equivocábase nisto. Nos seus discursos nas Cortes, en 1932, opúxose á cooficialidade do catalán e ao seu uso na Universidade. Os ventos sopran hoxe noutra dirección, cando menos en Cataluña. (Imaxe: a caricatura de Unamuno feita por Álvaro Cebreiro, firmante do manifesto
Máis Alá).