Noraboa a Benito Losada e Lourdes: o seu fillo Anxo rematou a carreira Entramos noutra etapa da nosa vida, sen dúbida. E os fillos fan presenza, con voz propia. Por se o vedes ou falades con el, o amigo Benito Losada, que tantos amigos ten por aí espallados, está hoxe de noraboa e tamén a súa muller Lourdes. O seu fillo Anxo acabou a carreira, unha desas inxenierías técnicas da modernidade (estudada en Vigo) e agora seguirá por Europa adiante, estudando e facendo as súas cousas.
Do libro homenaxe que fillemos en Auria, no 2001, "Vintecinco anos de labor cultural en Ourense", tiro esta caricatura de Siro, que tamén saira no seu día en La Voz. Por certo, revisado este libro, cinco anos despois, menuda xoia de colección fixemos daquela: ademais de fotógrafos, artistas e caricaturistas de primeira liña, aí están textos e obra varia de Manuel María, Manuel Outeiriño, X.C. Caneiro, X.M. Cid Fernández, X.M. Domínguez Prieto, Manolo Figueiras, Xulio F. Senra, Xoán Fonseca, Modesto Fraga, Xosé Lois, Bieito Iglesias, Maribel Longueira, Anselmo López Morais, Eduardo Núñez, "Peixe", Manuel Pérez Rúa, Antonio Piñeiro, os catro irmáns Quesada, Riveiro Coello, Calros Silvar, David Simón, Víctor Vaqueiro, H. Torreiro, Pura e Dora Vázquez, Monxardín, Roberto Verino, Rafa Villar, Xedsús Vázquez e un moi longo etcétera. O dito, unha peza de colección, imprescindible na historia cultural de Ourense.