![](https://blogger.googleusercontent.com/img/b/R29vZ2xl/AVvXsEgjo94hhnc0cm_iOV4wGavZ-aDaujN9TFS-_4W-LzwM_3jzwI2Z5YycwFFRWJilmHtWV-M8DIBgeRczrzp0SsN7-gcJygG95Slf2QT49EKJg2CAbe75WguMnyQiLOzZ68br43fO/s320/la+noche+de+la+iguana2.jpg)
Ava.
Pan por Pan martes 29 xullo
O meu tempo de cine combina as estreas de películas recentes e a revisión dos grandes clásicos, que xa vin hai máis de 30 anos. Dedícolle máis tempo a estes. Por unha sinxela razón: nunca me defraudan. Un exemplo, “A noite da iguana” . Que se pode agardar da encrucillada de John Huston e Tennessee Williams? Só a xenialidade. Un intenso drama espiritual e poético (non só relixioso, aínda que o protagonista sexa un pastor protestante). E un recital de bo facer actoral: Richard Burton, Deborah Kerr, a Sue Lyon de “Lolita”. Pouco importa a orixe teatral do texto, tan evidente. Ou o catálogo de mulleres: dende a nínfula perversa (alguén falaría de misoxinia) ata o anxo redentor. E sobre todo, Ela: Ava Gardner, a encarnación da Deusa Nai en formas de extrema sensualidade. Alguén dixo desta actriz que era o animal máis bonito do mundo: velaí, non esaxeraba.