Refraneiro.
Pan por pan 4 outubro
(Imaxe de Manuel Vilariño)
O refraneiro é unha excelente mostra do que foi a nosa cultura tradicional. Convén coñecela, estudala, conservala como memoria. Pero hai valores da mesma que deben ser rexeitados con toda radicalidade. Por exemplo: o tratamento da muller. Un blog que fala do refraneiro fai unha escolma de ditos desta temática. Hainos que consagran o papel convencional e secundario da muller: “A dona na casa, o marido no traballo”; “A muller e a sartén, na cociña están ben”. Outros son denigratorios ou misóxinos: “A muller é a metade do home”; “Da muller e do mar non hai que fiar”; “A muller, por ben que fale, mellor está calada”; “Casa onde a muller manda, mal anda”. E aínda os hai que xustifican os maltratos: “A burra i-a muller a paus hainas que tanguer”; “As mulleres, ou matalas ou deixalas”; “Á muller e á galiña tórcelle o pescozo, verás como queda mansiña”. O dito.