18 mar 2006


A POESÍA NON MORDE
O 21 de marzo celébrase o Día Mundial da Poesía e os ourensáns amantes das letras teñen, como todos os anos, unha cita no Liceo, ás 17,30 h., para asistir á presentación e recital poético arredor do libro "Poetízate" de Fran Alonso (publicado por Ed. Xerais). Estarán connosco o autor desta excelente escolma poética e o editor Manuel Bragado. Pero os protagonistas da xornada serán os mozos e mozas dos institutos ourensáns que recitarán poemas de escritores galegos de todos os tempos, dende Rosalía de Castro e Manuel Antonio ata Olga Novo e Antía Otero. Participarán nesta nova xeira da Sección de Literatura do Liceo ourensán alumnos e alumnas dos Institutos de As Lagoas, Eduardo Blanco Amor, A Carballeira, Xesús Ferro Couselo e Celanova, ademais de Teresa Devesa e outras persoas.
Para animar e convidar a todos os interesados neste faladoiro (acompañado, como sempre, do tradicional café con pastas), reproduzo unha parte do interesante limiar deste libro-escolma, do autor, tamén poeta, Fran Alonso.
Se pensas que a poesía é un xénero difícil, direiche que estás equivocado, que hai poemas complexos como tamén hai poemas moi doados de entender. O certo é que canto máis poesía se lea, mellor se comprende, porque para estar en forma coa poesía, como no deporte, precisamos adestramento. (…) Ademais, non creo que ninguén teña que obsesionarse con entender a poesía. O importante, dígocho de verdade, non entendela senón gozala, sentila e, en todo caso, intuíla. Ademais, os lectores tamén temos un papel activo nos libros e cada un interpretamos o que se di en función da nosa sensibilidade e das nosas circunstancias. Non hai verdades absolutas; moito menos na literatura. Así que o fundamental non é comprender o que se nos di senón sentir o ritmo do poema, a súa sonoridade, os xogos de palabras que ás veces nos deslumbran, as fascinantes imaxes que nos ofrece. E tamén os seus enigmas. Facer da poesía un pracer, en definitiva.

Unha sabia decisión sobre as Burgas
(Andoliña sábado 18 marzo 2006)

Supoño que a moitos lectores lles pasaría o mesmo que a min cando leron as novas que onte traían os xornais sobre as Burgas. A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, declarou Ben de Interese Cultural (BIC) ese recinto, o que durante 20 meses paralizará algúns proxectos á espera dun plan especial para garantir a protección patrimonial de toda a zona, isto é, un proxectado Hotel Balneario que xa empezou moi mal e algunha idea perdida sobre o vello cárcere do Progreso que nunca se concretou con prazos e financiamento.
Eu pensei: E logo non eran xa as Burgas un Ben de Interese Cultural? Pero en que mundo vivimos? As raíces romanas da nosa cidade, o hábitat que foi crisol cultural da nosa historia ao longo dos séculos, o humus literario que enchoupou a escrita de Lamas Carvajal, Álvarez de Nóvoa ou Blanco Amor… O noso sinal de identidade no mundo: a cidade das augas quentes. Hai uns meses levamos un bo susto cando as Burgas deixaron de botar o seu caudal: iso non volverá pasar.
As cousas hai que facelas ben (a empresa Xardín das Burgas xa deu probas de que ese non é o seu caso). Ben por Cultura e a súa conselleira, Ánxela Bugallo, e ben por esta prudente decisión!
(Imaxe: postal antiga das Burgas, como as coñeceían un Lamas Carvajal xa velliño ou Blanco Amor aínda neno).