ROSEIRA DO TEU MENCER.
Andoliña venres 9 maio.
O mundo dos nenos aboiou a cotío nas letras galegas: desde Curros e Rosalía a Pimentel, se pensamos nos poetas clásicos, ou en Castelao e Filgueira Valverde, entre tantos outros narradores posibles. Miguel González Garcés dedicou ó seu fillo o libro “Poemas a Albertiño” (1970). Nesa liña inscríbese tamén “Roseira do teu mencer”, de Xosé María Álvarez Blázquez, escrito dende 1949 e publicado en 1950. O poemario naceu no escritor coa chegada ó mundo da súa primeira filla, María Luísa, á que os pais chamaban Colorín polas súas meixelas coloradas. Ese nacemento, di Darío Xohán Cabana, provocou unha enxurrada gozosa e terrible de poesía galega no escritor de Tui.
No seu estudo, o Darío defende con entusiasmo este libro, xunto con “Canle segredo”. Eu estou con el: hai nesas páxinas calidade e densidade lírica, ledicia e sabor popular, musicalidade e emoción, graza e levidade: “Era un airiño soave/ que se ergueu pola mañán/ e viña de non se sabe. /Era un recendo de rosas/ da roseira de ningures,/ que se meteu pola porta”. Mantense esa tenrura en poemas máis tardíos como “O neno” ou “Meu moneco”. Por si mesmos xustifican estes versos o 17-Maio: “Cada neno é o misterio/ que envolve a nosa vida”.