Convites
Hoxe, martes 29, ás 20 h., no Liceo, organizado pola Asociación de Amigos da República, charla do poeta ANTONIO GAMONEDA.
Mañán, mércores 30, ás 13 h., no Paseo, inauguración da Feira do Libro de Ourense, que este ano celebrará unha homenaxe á Libraría Stylo. Podo adiantarlles ademais (isto non o trae a prensa de hoxe) que o Pregón vaise titular O DIVINO ROTEIRO.
Antonio Gamoneda en Auria
Andoliña 2 xuño
Estivo en Auria hai uns días o poeta Antonio Gamoneda, nun acto organizado pola Asociación de Amigos da República e cumprindo un compromiso establecido xa hai un par de anos. Foi unha auténtica ledicia escoitar a magnífica charla do escritor leonés, cunha serie de variacións arredor da definición da poesía e un fermoso recitado de varios dos seus poemas, nun rexistro de voz entre albertiniano e nerudiano. Leu versos de “Descripción de la mentira”, “Libro del frío”, “Arden las pérdidas” e “Cecilia”, entre outros libros, con valiosas anotacións que achegaban, se cabe aínda máis, a súa palabra poética.
E foi unha ledicia tamén ver o Liceo ourensán cheo de xente nun acto literario coma este: de seguro axudou a concesión a Gamoneda dun recente Premio Cervantes, pero aínda así amósase que cando se programan actos culturais relevantes, o público responde, en Ourense e en calquera cidade ou vila galega. O poeta, cos seus moitos anos enriba, tivo aínda paciencia para atender os moitos admiradores que lle pedíamos a sinatura dalgún libros: non só asinaba senón que con cada un de nós botaba un pequeno parrafeo de complicidade. Deixou un ronsel de agradecidos lectores dende a súa sinxela bonhomía.