31 oct 2006


Educación para a cidadanía.

Moita tinta fixo correr xa o proxecto dunha nova materia, obrigatoria e avaliable, que se impartirá en dous cursos do tramo escolar obrigatorio, co nome de Educación para a Cidadanía. Tanto o PP como a Igrexa se opuxeron ata agora a impartir unha materia “de valores laicos”, chamémoslle así: un campo que debe incidir, di o proxecto do goberno, na crítica ós prexuízos homófobos ou no respecto ás novas formas de familia (incluídas ás familias gays). Este tipo de temas considerábanse ata agora temas transversais e debían ser incluídas nos curriculos das outras materias, pero iso ó cabo quedaba nas mans do profesor/a (coa súa ideoloxía particular). Eu vexo ben que exista esa nova Educación para a Cidadanía: todo vai facer falla para contrarrestar a estulticia imposta polas televisións e tamén as tentacións dalgúns para volver á caverna.
(Imaxe: Muller despois do baño, de P.A. Renoir)

Do mapa político catalán
(Andoliña martes 31 outubro)

As eleccións en Cataluña espertan grandes paixóns. José Luis Rodríguez Zapatero reuniuse con máis de mil representantes do sector económico catalán e implicouse a fondo na campaña electoral, moito máis que o fixeron Felipe González ou Aznar noutras ocasións. O tema catalán é cuestión de Estado, nunca deixou de selo, pero agora evidénciase aínda máis. Ademais dos votos que Cataluña achega ó Goberno central, isto ten moito que ver coa forte polarización (PSC-CiU) con que se deseñan nesta hora os posibles resultados electorais.

En calquera caso, os cataláns teñen sorte. Por dúas cousas. Pola pluralidade da súa oferta ideolóxica: os estatalistas optan entre tres opcións, da dereita ata a esquerda (PP, PSC, ICV); os nacionalistas, teñen unha no centrodereita reformista (CIU) e outra na esquerda (ERC), un abano máis rico que o galego. E tamén porque, pase o que pase, non haberá cambios radicais: todas as forzas asumen en conxunto a identidade catalá, con todos os seus matices, e coinciden en valorar o seu patrimonio lingüístico e cultural. Ó cabo, calquera das alternativas de goberno máis viables (CIU+ERC; CIU+PSC; goberno tripartito PSC+ICV+ERC) parte desa realidade de consensos comúns.
(Imaxe de J.P. Renoir)