18 jun 2009
Troula
O televisor infórmame de que a Comunidade de Madrid convocou probas para obter acreditación de porteiro de discoteca. Seica se presentaron dous mil postulantes, moitos deles orixinarios de países do leste de Europa. Na pantalla asoman uns bicharracos de moito sandiós, de lombo cumprido, carrelo avultado -como de boi- tralo pescozo, brazos de grosa bola fabricada no ximnasio e pelo rapado a rentes do cranio. As autoridades disque pretenden introducir nesas caixas cranianas algúns artigos da constitución española e certos protocolos que han guiar o seu labor de cans cérberos. O Cérbero lendario garda as portas dos Infernos e infernais deben ser os furanchos discotequeiros para requirir como custodios a semellantes estrombalameiros. Un, na súa inocencia, sempre pensou que a mocidade acudía ás discos por dous respectables motivos: para estorcegar o corpo danzando e para cortexar posibles amantes. Como estas actividades rara vez enxendran violencia, hai que supor que o atractivo principal deses locais é enviar pola gorxa ou polo nariz excitantes ou estuporantes, algún xénero de felicidade química. Só así se explica a necesidade de apostar na porta barreñas capaces de administrar lapotes e lombeiradas entre os clientes afumados ou pavesas. Desta maneira regresan os tempos dos meus avós, cando as festas non eran completas se non remataban cunha boa pelexa e reparto de tutes (puñetazos) e malleiras con estadullo. O único que cambiou foi o detonante da lideira, pois a causa das liortas era entón a "remuda", costume que autorizaba a roubarlle a outro a parella de baile co simple aceno de petar no lombo da moza e un "permites" dirixido ao bailarino que quedaba plantado e con cara de ferreiro. Lidar polo baile agarrado (unha das máis fermosas angueiras que pode realizar o ser humano) paréceme lóxico, pero un combate entre puxilistas de peso pesado e borrachuzas faltóns quita a gana de troulear.(De Bieito Iglesias:Correo Gallego
Suscribirse a:
Entradas (Atom)