31 may 2008




Feira do Libro: Agustín Fernández Paz
Esta mañá inaugurouse na rúa do Paseo a Feira do Libro. Dúas notas sobre algunhas intervencións.

Os políticos.
O libro fai milagres: asisten (e falan os dous) o alcalde e o tenente de alcalde, xuntos, cousa non habitual.
Alexandre Sánchez Vidal insiste na imaxe de Ourense como Universo Literario e evoca as figuras e a obra de Blanco Amor, Carlos Casares e Méndez Ferrín. Felicítase polo premio Nacional a Ferrín e reclama o seu Nobel (“xa tivemos a Saramago, Nobel en lingua galego-portuguesa, este sería o segundo”). Por dúas veces cita a Manuel Outeiriño e a min mesmo como “Creadores e estudosos dese Universo”, quizais tamén por estarmos os dous presentes. Cita tamén a “Chesi” e creo que a algún autor máis. Agradézoo, en todo caso.
O alcalde, Francisco Rodríguez, cita pola súa banda libros: as últimas novelas de “Chesi” e “do meu amigo Caneiro”, pero tamén dous títulos moi recentes de Carlos Ruíz Zafón e de Ken Follet (recomendacións de lectura?).

O pregoeiro oficial, Agustín Fernández Paz, maxistral, como era de agardar. Empeza dicindo que “vén a diario por Ourense a través de As Uvas na Solaina, ese blog imprescindible de M:V.” (todos os meus agradecementos). Fai un percorrido amplo polos autores ourensáns: moitos dos xa citados e moitos outros como Álvarez de Nóvoa ou Diego Ameixeiras. Loubanzas entusiastas para “Xente ao lonxe”, “gran novela á que volvo moitas veces”. Os esteos do seu discurso son firmes e ben resistentes: Cunqueiro, Blanco Amor, Valente, Paul Auster, etc. Remata cun canto optimista á cultura do libro e a demanda enérxica dunha maior visibilidade nos escaparates das librarías para o libro galego (“que os nosos títulos non estean sempre ocultos no montón de “los de gallego”, dixo”).