Tivo Franco apoio popular?Na Alemaña dos últimos anos hai un debate moi vivo, potenciado por algúns historiadores, sobre as complicidades pasivas e activas de moitos cidadáns alemáns con Hitler e o nazismo: sabían os alemáns o que pasaba? beneficiáronse algúns ou moitos alemáns do sucedido e do expolio aos xudeus? Os historiadores din que si.
Téñome feito a mesma pregunta respecto a España e Franco. O mércores pasado estivo en Vigo Carme Molinero, historiadora, par falar do franquismo e das súas políticas sociais. Da crónica que publicou F.Franco no Faro (falou no Clube Faro de Vigo) fago este resume esquemático:
1. Franco combinou a represión cunha política de captación e adhesión das masas por medio dun discurso social e dunha retórica populista.
2. Un réxime que dura 40 anos non pode sobrevivir sen un forte apoio popular.
3. Nos discursos de Franco a política social ten unha alta presenza como argumento recurrente.
4. Dirixentes do réxime como Serrano Súñer e Girón de Velasco eran conscientes dun feito: tras aniquilar o movemento obreiro da República, o réxime necesitaba unha retórica e unha proposta alternativa que o lexitimase no mundo social. Os medios de comunicación colaboraron con esta retórica, uns polas boas e outros porque non lles quedaba máis remedio.
5. Neste contexto hai que considerar as políticas de Girón no Ministerio de Traballo, o Seguro Obrigatorio de Enfermidade (por primeira vez tiveron a percepción dunha seguridade cara o futuro, antes non había nada), a Organización Sindical e a súa Obra do Fogar (unha política de vivenda que construiu realmente pouco, pero que se soubo vender cunha vistosidade evidente).
6. A exaltación do asistencialismo foi un excelente vehículo de propaganda ao servizo do imaxinario franquista.
Con estas ideas sobre a mesa, a pregunta é:
tivo o réxime de Franco un forte apoio popular? As masivas manifestacións da Praza de Oriente e as colas ante o seu cadaleito foronun espellismo ou respondían a unha realidade social? Queda algo de todo iso no substrato do noso tecido social?(Na imaxe, o asasino retratado por Luís Seoane en
Trece estampas de la traición, Buenos Aires-Montevideo, 1937, reeditado por Ed.do Castro).