Cincuenta e dúas, e douscentos vinte e sete
Afonso Vázquez-Monxardín, La Región 16-12-08
Non abomino do capitalismo porque creo que é o sistema que máis esparexeu benestar entre a poboación. Si, aquí, en Occidente, onde o desenvolvemento do sistema capitalista contemporáneo se viu complementado e matizado coas ideas socialdemócratas -e socialcristiás- que crearon o estado do benestar actual, é onde mellor se vive do planeta. Moito haberá que corrixir, matizar, revisar, sobre todo da relación co mundo pobre... pero a ser posible, sen cataclismos.
Se o comparamos coa evolución actual doutros mundos que ensaiaron outros sistemas -léase a mafiosa Rusia, a escravista China, a paupérrima Corea do Norte, o destrozado Iraq, o atolado Irán -non hai moita dúbida na escolla do sistema e das partes do planeta onde nos gustaría se criasen os nosos fillos e continuasen as nosas estirpes. Aínda así, é todo moi complicado.Logo de dicir durante anos que había que reducir o consumo, agora seica o consello dos poderosos é o contrario. E a iso van dirixidas as medidas económicas. Fomentar o consumo. Non se pode parar o aro que cae; hai que lle seguir dando coa variña e correndo todos detrás del. Será pois así, que eu tampouco lles sei nada disto. Pero do consumo, dun detalle que vin o outro día, queria hoxe falar.
Fun a esa perfumería grande que hai no Paseo, que non sei como se chama, pero que ten dúas plantas e unha saída a un aparcadoiro soterraño, e eu, que me aburro entre colonias e luces, púxenme a contar cousas por pasar o tempo. ¿Saben os señores cantas clases de escuma de afeitar alí hai? Pois exactamente cincuenta e dúas. ¿E saben os señores e señoras entre cantas clases, tipos e marcas de desodorantes -en sprai, roll-on, barras, etcétera- poden vostedes escoller? Pois si, efectivamente. dúascentas vinte e sete ¿E saben o que me pareceu? Pois unha esaxeración.
Evidentemente non hai cincuenta e dúas clases de caras para facer cincuenta e dúas clases de escumas, nin moito menos duascentas vinte e sete clases de axilas. Pero ollo. Neste sistema de libre mercado, de libre competencia, de libre concorrencia no sistema, hai moitas fábricas ofrecendo o mesmo produto. Obviamente parecen situacións transitorias, porque moitas delas desaparecerán e aparecerán outras. O sistema é moi dinámico. Pero aínda así, eu non o acabo de entender. E non creo que esta hiperabundancia de bens de consumo no noso mundo teña algo que ver coa gravísima escasez noutro. Non o sei. Só sei que con repartir os desodorantes e as escumas de afeitar, non iamos arranxar nada, poias axiña se acabarían. Logo a cousa debe ser máis complexa.