A ESCOLA FUSILADA Manuel Luís Acuña. Estiven na Pobra de Trives, participando no III Congreso Manuel Luís Acuña, que organizaron a Universidade de Vigo e a Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia, coa man sempre dilixente e atinada de Xoán Carlos Domínguez Alberte como coordinador técnico. Despois de tres convocatorias, é xa case unha tradición visitar as terras de Trives nestas datas para falar de historia, de literatura, de pedagoxía, arredor da memoria da figura do creador de “Fírgoas”, aquel gran poeta, mestre e republicano, natural destas terras. Este ano o tema monográfico da cita era o maxisterio republicano e a represión sufrida por este colectivo social nos anos da guerra civil. No encontro participaron moitos amigos como Antón Costa Rico, Xosé M. Cid, Raúl Soutelo, Xosé M. Salgado, Xurxo Sierra Veloso, Xesús Alonso Montero ou Ramón Nicolá. Tamén houbo achegas ás innovacións educativas no IES da Pobra de Trives, a cargo de Francisco Javier González Álvarez, ou á realidade política da comarca nos inicios do século XX, por Francisco García Sánchez, o que permitiu unha maior proximidade á contorna social na que se desenvolvían os debates. Participaron tamén (pero non puiden estar en todas as sesións) profesores como Isaac Alonso Estravís, Sabela Rivas Barrós, Santiago Veloso e algúns colegas portugueses; eu botei en falta a voz de Carlos Casares que apoiara esta iniciativa dende os seus comezos e que estaría moi satisfeito, dende logo, desta lembranza de quen foi para el tamén unha especie de amigo e profesor cando Carlos, na súa mocidade ourensá, empezaba a pensar en ser escritor.
A Escola Fusilada. Un dos momentos centrais do encontro foi a emisión da película documental “La escuela fusilada”, de Iñaki Pinedo e Daniel Álvarez, un relato tan emotivo como digno e rigoroso que fai balance do que significou a represión no corpo do maxisterio: abríronse 61.000 expedientes de depuración, dos que unha cuarta parte remataron en sancións e, como é sabido, en moitos casos co asasinato de tantos mestres identificados coa República e a Fronte Popular. O documental, moi crítico co papel da Igrexa, que segue sen pedir perdón por bendicir como “Cruzada” a barbarie franquista (algo que xa indignara a Castelao e a algúns galeguistas católicos), denuncia a ocultación do legado do maxisterio republicano ata datas moi recentes: as voces dos fillos dos mestres asasinados dan así o perfil exacto do que concibimos como reivindicación da Memoria Histórica: un acto de xustiza, un acto necesario de recoñecemento dunha realidade que se quixo facer desaparecer durante máis de 40 anos.