Cen anos de historia cultural
1933: Esplendor dos poetas
02.09.2006 (Galicia Hoxe)
Se o ano 1932 foi o gran ano das revistas culturais (nacían Cristal, Yunque, Resol), o de 1933 foi sen dúbida excepcional na produción lírica. Novos poetas, todos moi mozos, dábanse a coñecer nesas datas con libros fundamentais na historia da nosa literatura, moitos deles enmarcados no movemento das vangardas galegas. Por exemplo, Álvaro Cunqueiro, que no mesmo ano daba a coñecer os Poemas de sí e non e máis Cantiga nova que se chama riveira, este na estética neotrobadoresca. Ao mesmo tempo publicaba os seus primeiros poemas na revista Nós e noutras culturais como Resol. Torrente Ballester contaba que o de Mondoñedo escribiu Cantiga nova... nunha taberna de Compostela, retirado do grupo de amigos, en tres ou catro horas: tal era a súa xenialidade. Tamén son de 1933 os poemarios Corazón ao vento, de Aquilino Iglesia Alvariño; Codeseira, de Xesús Crecente Vega; Nao senlleira, de Fermín Bouza Brey e Fírgoas, de Manuel Luís Acuña, o único libro editado en vida deste autor, reivindicado nos últimos anos como unha peza imprescindible da poesía do tempo das vangardas. A esta floración esplendorosa aínda hai que engadir a aparición da revista poética Papel de Color, en Mondoñedo e da man de Álvaro Cunqueiro, e de poemarios como Con prisma azul, do militante ourensán das mocidades galeguistas Xosé Luís Parente; e O poema da Cruña, de Xosé Rubinos (Ed. Nós).Tamén se publican en 1933 obras como o Vocabulario castellano-gallego das Irmandades da Fala; El negrero, de Lino Novás; Ribadeo antigo, de Francisco Lanza; o fundamental Ensayo histórico sobre la cultura gallega (Ed. Nós), de Otero Pedrayo; Los hermanos Eans Mariño, poetas gallegos del siglo XIII, de Armando Cotarelo Valledor; o ensaio A prol do Estatuto, de Manuel Banet Fontenla, candidato do Partido Galeguista nas eleccións a deputados dese ano; Breviario de autonomía, de Ramón Villar Ponte, folleto divulgativo da posición oficial do PG ao respecto; Indice cultural e artístico do Renacemento galego, de Fernández del Riego; Regionalismo, nacionalismo y separatismo, de Xoán Xesús González, ou o breve ensaio de Vicente Risco na revista Nós, “Nós, os inadaptados” e o colectivo Terra de Melide, das xeiras do Seminario de Estudos Galegos. Pola súa banda, Castelao deseña, con Bartolozzi e Lazano, os decorados das Divinas Palabras, de Valle-Inclán. Como se pode observar abundan as obras de propaganda galeguista, pois 1933 foi un ano de intensa propaganda do Comité Central pola Autonomía Galega (logo a derrota das esquerdas e os galeguistas nas eleccións de novembro de 1933 atrasou o plebiscito do Estatuto ata xuño de 1936). Alexandre Bóveda falaba en múltiples foros, como na Cámara Patronal de Vigo, a favor do Estatuto. O PG intensificaba os seus labores políticos, creando grupos de mozos (a Federación de Mocidades Galeguistas, con sección propia en A Nosa Terra) e de mulleres. Plácido Castro asistía, en nome do Partido Galeguista, ao IX Congreso das Nacionalidades Europeas en Berna, o que significaba case o recoñecemento internacional da nación galega. Nacían tamén novos grupos galeguistas como a Vangarda Nazonalista Galega, de Álvaro das Casas, que mesmo se definía como arredista (separatista) e publicaba o seu voceiro Máis: ao seu promotor e fundador, que deixara o PG un ano antes cun chamado ao radicalismo, dedícalle un duro alegato Alexandre Bóveda en A Nosa Terra: entre outras cousas Bóveda pregúntase qué tipo de arredismo se pode facer publicando o seu voceiro oficial na lingua asimilista, en castelán.
Universidade Galega
Tamén foi en 1933 cando se aprobou o Manifesto en pro da Galeguización da Universidade, tras a conferencia de Álvaro das Casas Verbas aos mozos galegos, dita no paraninfo o 9 de marzo. A algún dos seus asinantes, como ao propio Xoaquín Lorenzo Fernández, aquel manifesto, moi cedo atacado polos sectores conservadores da universidade, tróuxolles moitos problemas. Este manifesto fora redactado por Carballo Calero e impulsado polos mozos da FUE en Compostela no curso 1932-1933 (véxanse as cartas de Carballo Calero a Del Riego, publicadas recentemente por Galaxia, p.36). Na cidade herculina comeza a emitir Radio Coruña (23 de xuño) e o Seminario de Estudos Galegos aproba a súa normativa, divulgada no folleto Algunhas normas pra a unificazón do idioma galego. Castelao e Bóveda son elixidos membros numerarios da Academia Nacional de Belas Artes de Lisboa. Nacen novos xornais como o semanario de esquerdas Claridad; La Razón, en Lalín, ou Raza Celta en Montevideo. Nesta cidade uruguaia nace o Comité Autonomista Gallego, a iniciativa de Constantino Sánchez Mosquera. Na Coruña créase unha Agrupación Femenina Republicana. Nas comarcas ourensás da Limia e Valdeorras, rematan as Misións Pedagóxicas, nas que participaron Otero Espasandín, Cándido Fernández Mazas e Ramón Gaya; tamén Rafael Dieste e a súa dona Carme Muñoz estiveron vencellados a este movemento. En 1933 rodáronse dúas películas de ficción en Galicia: o melodrama Odio, de Richard Harlan, en terras de Betanzos, Oza dos Ríos, Combarro e Cambados, e Alalá (Los nietos de los celtas), de Adolph Trotz,en exteriores de Pontevedra, Vigo e Rianxo. Baseada na novela do mesmo nome de Rafael López de Haro, conta a historia dun emigrado que volve á busca das súas orixes. Na liña da defensa do Estatuto de Autonomía, Ramón Barreiro roda a película Por unha Galicia nova, que se estrea o 4 de marzo no Coliseum de Pontevedra.
Morre Hildegart
No ano 1933 nace en Vigo o pintor Xulio Maside e na cidade de Lugo o escultor Francisco Otero Besteiro. Tamén o pintor Jorge Castillo, natural de Pontevedra, é da mesma quinta. E, sen saír do campo das artes, nas mesmas datas morría en Brasil o pintor e gravador Modesto Brocos Gómez, un nome a cabalo entre o realismo e o impresionismo, clave na nosa historia artística.En Compostela pola súa banda vía as primeiras luces do día o futuro arquitecto Rafael Baltar Tojo e na mesma cidade nacía o produtor de cine Jaime Fernández Cid. En Rábade, en terras luguesas, facíao o guionista e director de cine Horacio Valcárcel e na Coruña o actor Héctor Quiroga. Na Coruña nacía Carlos Díaz, “O Xestal”, un home relevante na historia do humor galego da posguerra, identificado coas causas progresistas e nacionalistas na última andaina da súa vida. No Carballiño facíao Bautista Álvarez, que co tempo pertencería en Madrid ao grupo Brais Pinto e sería un dos nomes históricos da Unión do Pobo Galego (UPG) dende os seus inicios. En Bos Aires nacía a poeta Elsa Fernández, filla de emigrantes ourensáns, e en Santiago, o crego e sociólogo Juan José Cebrián Franco. En Folgoso, Cerdedo, vía o mundo o futuro cóengo da Real Colexiata da Coruña e profesor da Escola de Maxisterio, ademais de escritor galeguista, Manuel Espiña Gamallo. No capítulo das despedidas, hai que subliñar os nomes do escritor coruñés Manuel Amor Meilán, falecido en Lugo, e autor en galego de obras poéticas, narrativas e teatrais como Treboadas; Romances; El último hidalgo ou Men Rodríguez Tenorio. Tamén falecía en 1933, en Compostela e na súa plena madureza intelectual, o médico Roberto Nóvoa Santos, intelectual republicano e humanista, e falecía traxicamente en Madrid Hildegart, filla da ferrolá Aurora R. Carballeira, destacada socialista pese á súa mocidade, que co tempo sería protagonista de varias novelas e películas biográficas.
LA BELLEZA
-
Paisaxes con música
de
Emilio Blanco "Milucho"
La belleza
Segundos fuera (1989)
*Luis Eduardo Aute*
Hace 5 días